Motos e ciclomotores

Os máis vulnerables da estrada

A fraxilidade dos motoristas obrígaos a extremaren a súa seguridade
1 Abril de 2008
Img motor listado 103

Os máis vulnerables da estrada

A fraxilidade na estrada viaxa en moto. As estatísticas non deixan lugar a dúbida. Nos últimos anos a sinistralidade deste tipo de vehículos é a única que aumentou fronte ao descenso xeral. Nos últimos cinco anos as motocicletas víronse implicadas en case 60.000 accidentes. Os contratempos máis graves producíronse por saída de vía, xa que aínda que só representan o 13% dos accidentes, supoñen case o 40% dos falecidos. No 2007, este tipo de accidentes aumentou un 46%, cunha porcentaxe de falecidos catro veces superior aos accidentes por colisión.

O casco…

  • O 71% das persoas que falecen nun accidente de moto sufriron feridas irreversibles na cabeza.
  • Os estudos médicos afirman que o cranio humano non pode resistir un golpe por riba dos 17 km/h sen sufrir danos serios, polo que unha caída a tan só 30 km/h pode significar a morte se non leva casco e a cabeza bate contra un obxecto contundente como un bordo ou o parachoques dun coche.
  • O casco debe levarse sempre posto e abrochado. Non o leve colgado do brazo cando está a circular en moto. Se cae, pode romper o brazo e a cabeza.
  • É mellor que utilice un casco integral ca un de tipo jet -deixan ao descuberto a cara-, xa que evitan lesións no rostro e nos ollos.
  • Á hora de abrochar o peche do casco, este debe quedar suxeito á perfección, xa que, de non ser así, sería o primeiro en saltar en caso de caída.
  • Lembre que ten que estar moi axustado, pero sen apertar ningunha zona da súa cabeza. Tampouco debe moverse se vira a cabeza con rapidez.
  • A vida útil dun casco é de cinco anos, pero en caso de caída débese substituír por un novo, aínda que os danos externos non parezan importantes.

… e demais prendas de protección

  • O uso de prendas axeitadas (pantalóns, cazadoras, monos) é unha garantía en caso de accidentes.
  • O coiro ofrece unha gran resistencia á abrasión, pero é un pésimo illante da chuvia e do frío. As prendas de materiais sintéticos, amais de seren impermeables e máis baratas, teñen máis reforzos e facilidades de axuste.
  • Para ver e ser visto na estrada (o 64% dos accidentes de motos cáusanos vehículos de catro rodas en cruces, interseccións e saídas, e na maioría dos casos o condutor aduce non ver o motorista) use un casco e roupa de cores claras, e con materiais reflectantes.
  • As botas que máis protexen son as de coiro, forradas con capas impermeables e porosas, e reforzadas para protexer os pés en caso de accidente. O sistema de peche debe garantir a estanquidade.
  • As luvas deben protexer do frío e da chuvia, e, á vez, deben ser flexibles abondo para permitir unha boa presión dos mandos, e ríxidas para protexer as mans en caso de caída.
  • As proteccións, xa sexa de coiro ou sintéticas, deben responder ás normas europeas 1621-1 no caso de ombros e cóbados, e 1621-2 na protección dorsal.

Pasaxeiro a bordo

  • Cando leve “de paquete” a alguén que nunca viaxara antes en moto procure reducirlle ao mínimo os sobresaltos ao seu acompañante, e extreme a precaución. Evite as freadas e aceleracións bruscas, e os numerosos cambios de velocidade, xa que todo iso repercutirá no confort do seu pasaxeiro.
  • Se viaxa acompañado comprobe con antelación se as presións dos pneumáticos son as adecuadas para levar un pasaxeiro, xa que en viaxes por autoestrada se recomenda moverse con, polo menos, medio quilo de carga extra no pneumático de atrás. Do mesmo xeito pódese aumentar a precarga do resorte do amortecedor entre un e dous puntos para evitar os perigosos topes de suspensión e rozamentos do vehículo co chan.
  • O acompañante debe, o mesmo ca o condutor, levar posto en todo momento o casco e a indumentaria axeitada.
  • Antes de emprender a viaxe estableza unha serie de xestos ou sinais mínimos para saber en todo momento se o seu pasaxeiro se atopa cómodo ou ten algún problema.
  • Se é a primeira vez que o seu acompañante viaxa de “paquete” nunha moto asesóreo sobre como se debe mover en cada caso. Infórmeo de que debe permanecer sentado, sen mover a cabeza continuamente de lado a lado; non facer movementos bruscos nin agarrarse á moto, nin inclinarse nas curvas. Tampouco debe poñer os pés no chan cando se detén ante un semáforo.

Os máis débiles da estrada

  • Garde a distancia de seguridade axeitada, sobre todo detrás dos camións.
  • Respecte a mediana. Afágase a trazar utilizando só o seu propio carril, aínda que crea que non vén ninguén. Aforrará máis dunha sorpresa e conducirá moito máis seguro.
  • Vire lixeiramente a cabeza cando vaia cambiar de carril aínda que non vexa a ninguén no seu retrovisor. Os ángulos mortos tamén afectan aos condutores de motos.
  • Fágase ver en todo momento. Circule cos faros acesos.
  • Non esqueza usar os intermitentes antes de realizar calquera manobra.
  • Anticípese á acción doutros condutores e obre en consecuencia: reduza a velocidade, free ou acelere segundo se produza cada situación.
  • Cando adiante varios coches teña en conta que algún pode saír cara ao carril esquerdo. A maioría dos condutores de automóbiles miden as reaccións coa súa experiencia nos coches, e sempre cren que lles vai dar tempo.
  • Nas zonas onde haxa moita circulación e/ou estacionamento de vehículos de transporte pesado, poña moita atención no estado do asfalto, e intente detectar con antelación manchas e sombras que delaten perdas de gasóleo ou aceite sobre a calzada.
  • Nas gasolineiras procure pasar lonxe dos surtidores de diésel. Tarda máis en evaporarse e se os usuarios anteriores derramaron gasolina lixará o pneumático, o que lle pode ocasionar algún susto na seguinte freada.
  • Se viaxa en grupo, con outras motos, circule ao seu propio ritmo. Non intente seguir, imitar, ou picarse con ninguén. Todas as motos non son iguais, e aínda que atope na vía unha que se pareza moito á súa, teña en conta que pode levar suspensións, pneumáticos, e accesorios que descoñece.

En cidade toda precaución é pouca

  • Extreme a precaución ante coches estacionados, sobre todo se viaxan nenos, xa que se pode abrir unha porta en calquera momento.
  • Non esqueza que unha moto require dobre anticipación, é sempre o vehículo máis débil.
  • Teña coidado cos pasos a nivel e coas liñas de tranvía. Atravéseos do xeito máis perpendicular posible.
  • Circule polo centro do carril, evitará que o adianten de xeito incorrecto.

Se circula en coche…

  • Respecte as motos, non esqueza que o máis leve rozamento pode causar danos irreparables.
  • Mantéñase sempre alerta. Unha moto é un vehículo áxil que pode coarse por calquera sitio.
  • Saiba que en dous de cada tres sinistros onde está implicada unha moto ou ciclomotor o culpable é outro vehículo (turismos, camións, etc.).