Seguridade nos cuartos infantís

Os máis dos accidentes son previsibles e, xa que logo, evitables

Os pais poden reforzar sen moito esforzo e con poucos cartos a seguridade dos espazos de xogo e de descanso dos máis pequenos
1 Xaneiro de 2009
Img consejo listado 216

Os máis dos accidentes son previsibles e, xa que logo, evitables

/imgs/20090101/consejo1.jpg
O cuarto dun neno debe ser o lugar máis seguro do mundo para el, xa que é nel, o seu refuxio particular, onde vai botar unha morea de horas a durmir e a xogar. Pero os perigos axexan, e un descoido ou unha imprudencia abondan para que se produza un accidente. En España rexístranse unha trintena de accidentes domésticos infantís cada hora, e o 95% deles pódense evitar tomando algunhas precaucións básicas. Os nenos non sempre entenden onde está o perigo, polo que é responsabilidade dos pais crear un contorno seguro que minimice os posibles riscos todos.

Mobiliario a proba de nenos

/imgs/20090101/consejo2.jpg

  • Elixa mobles homologados fabricados con materiais non tóxicos e ignífugos e con cantos redondeados.
  • Utilice mobles sinxelos que carezan de elementos que se poidan desprender ou desenroscar (tiradores), e que poderían provocar asfixia ou lesións.
  • Asegúrese de que o berce, a cama, os mobles e os xoguetes están pintados con lacas ou impregnantes que non son tóxicos.
  • Procure que todos os mobles e obxectos de decoración teñan cantos redondeados, nunca arestas vivas. De non ser así, coloque cantoneiras (entre 5 e 35 euros/4 unidades) en todos os recantos dos mobles que estean á altura dos cativos.
  • Asegure os caixóns con topes no seu interior para que non caian enriba do neno se este os abre. Con todo, o mellor é que instale peches de seguridade (entre 4 e 10 euros) para evitar que poida abrir os caixóns e as portas dos armarios.
  • Fixe os armarios e estantes á parede; o neno pódese pendurar delas co perigo de caeren enriba del. No mercado pode atopar fitas fixadoras por uns 3 euros.

Sono seguro

Desde que nacen…

  • /imgs/20090101/consejo3.jpg
    Se o seu bebé dorme durante os primeiros meses nun cesto ou nun obxecto similar, asegúrese de que o fondo sexa ríxido e plano, cos bordos altos e acolchados, e, sempre que sexa posible, de algodón.
  • O berce debe ser de madeira, sólido, estable e seguro, e homologado segundo a normativa europea UNE-E 716.
  • Se o berce posúe algún tipo de adorno, comprobe que está ben adherido e que non é posible desprendelo mecanicamente.
  • No tocante ao tamaño, o berce debe ser 20 centímetros máis longo ca a altura do neno, e debe ter, como mínimo, 60 centímetros de ancho.
  • A altura da base debe ser regulable en función do tamaño e crecemento do bebé; para iso debe ter unha altura interna mínima de 60 cm na posición máis baixa da base, e de 30 cm na posición máis alta desta.
  • A distancia entre os barrotes debe ser maior de 4’5 cm e menor de 6’5 cm para que o neno non poida meter a cabeza entre eles, e deben estar colocados de xeito que o pequeno non poida atopar un punto de apoio para rubir por eles. Se un dos laterais é esvaradío comprobe que o mecanismo para baixalo sexa complexo abondo como para que o neno non o poida manipular.
  • A distancia entre as lamas do somier debe ser de 6 centímetros como máximo, e a distancia entre este e o bastidor será, como máximo, de 2’5 centímetros por ambos os dous lados.
  • O colchón debe ser duro, cun grosor mínimo de 10 centímetros, e debe axustarse á perfección á estrutura do berce, de xeito que como máximo queden 2 centímetros por cada lado entre este e as varandas laterais. Así, eliminarase a posibilidade de que queden ocos por onde o neno poida meter un brazo, unha perna ou a cabeza, co conseguinte perigo de asfixia neste último caso.
  • Instale un protector para evitar que o neno se dea croques nos laterais e no cabeceiro do berce e se manque.

… ata que medran

  • A estrutura da cama non debe ter elementos saíntes nin recantos agudos nos que o neno se poida magoar.
  • Non debe ser moi alta para evitar os riscos de bater co chan se cae abaixo.
  • Durante os primeiros meses nos que o neno durma na cama coloque unha varanda (entre 30 e 40 euros) en un ou nos dous laterais para evitar que caia.
  • Evite os cabeceiros con barrotes ou forxas nos que o neno poida introducir a cabeza. É preferible unha cama cun cabeceiro simple e liso, sen elementos decorativos.

Minimizar os riscos

  • /imgs/20090101/consejo4.jpg
    Revista o radiador con algún moble deseñado para tal efecto. Amais de cumprir unha función decorativa impedirá que os nenos se queimen ao intentaren manipular o calefactor. De ter na casa unha estufa ou un aparello semellante, debe estar protexida para que non dean accedido a ela nin dean introducido obxectos que poidan arder.
  • Coloque o cesto, o berce ou a cama lonxe de fontes de calor (radiadores, estufas, etc.).
  • Manteña fóra do alcance dos pequenos os enchufes, cables eléctricos, fitas das persianas e cordóns das cortinas.
  • Cubra os enchufes da rede eléctrica para evitar que introduzan neles os dedos ou obxectos pequenos. Para iso dispón de obxectos especialmente deseñados para este fin (entre 2 e 6 euros. Véndense en paquetes de varias unidades).
  • Asegúrese de que ao pé das fiestras e das varandas non haxa obxectos (cadeiras, mesas, xoguetes, testos, caixas…) sobre os que poidan subir e asomarse.
  • Os balcóns e fiestras deben dispor dun sistema de bloqueo (entre 5 e 10 euros) que lles impida a súa apertura aos nenos.
  • Protexa aquelas fiestras que se atopen a menos de 1 metro do chan mediante defensas axeitadas (varandas, reixas). Os barrotes, de existiren, deben estar colocados en vertical, e a súa separación debe ser tal que impida o paso da cabeza dun neno pequeno.

Pinturas sen risco

  • Evite todo tipo de pinturas con base solvente, en particular aquelas que poidan conter metais pesados como o chumbo e o cromo, moi prexudiciais para os nenos, xa que a esa idade o seu sistema nervioso está en plena formación e son moi vulnerables aos efectos nocivos destas substancias.
  • Elixa pinturas de base acuosa lavables, de baixo olor e materias primas non tóxicas para pintar todo tipo de superficies.
  • Evite que os nenos sufran o “cheiro a pintura”, posibles alerxias ou problemas respiratorios. Faga que queden na casa de parentes ou veciños durante os días nos que se vaia pintar a casa e deica 3 días despois de rematar o traballo.