Protección do menor

Os dereitos e as obrigas legais de nenos e adolescentes

As leis non só protexen os menores de 18 anos, tamén recollen as responsabilidades ás que deben facer fronte
1 Outubro de 2007
Img derechos listado

Os dereitos e as obrigas legais de nenos e adolescentes

O Centro de Investigacións Innocenti de UNICEF afirma nun recente informe que o Benestar Infantil nos Países Ricos é mellorable. Os seis parámetros utilizados para medir este concepto -benestar material, saúde e seguridade, educación, relacións familiares e entre compañeiros, condutas e riscos, e benestar subxectivo- ofrecen unha fotografía da vida de nenos e nenas que sitúa a España no posto número cinco da clasificación xeral de benestar infantil nos 21 países da Organización da Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Aínda que familias, institucións e gobernos asumen como clave o esforzo para lles ofrecer aos nenos e adolescentes as mellores condicións de vida, aínda persiste certo descoñecemento social acerca dos seus dereitos, e tamén sobre as súas responsabilidades legais.

Dereitos dos menores

Os menores de 18 anos que viven en España teñen uns dereitos recoñecidos na Constitución e na Convención de Dereitos do Neno de Nacións Unidas. Son os seguintes:

  • Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe. Prodúcese unha intromisión ilexítima destes dereitos cando se difunde información, a imaxe ou o nome dun menor nos medios de comunicación, sempre que iso poida implicar unha deterioración da súa honra ou reputación. Estes dereitos comprenden tamén a inviolabilidade do domicilio familiar e da correspondencia e o segredo das comunicacións.
  • Dereito á información. Se cadra este é un dos dereitos máis vulnerados pola publicidade, os contidos televisivos e os videoxogos. As administracións públicas deben velar para que os medios de comunicación promovan nas súas mensaxes dirixidas a menores os valores de igualdade, solidariedade e respecto aos demais, e para que eviten imaxes de violencia, explotación nas relacións interpersoais ou que reflictan un trato degradante ou sexista.
  • Dereito á liberdade de ideoloxía, conciencia e relixión, respectando os dereitos e liberdades dos demais.
  • Dereito de participación, asociación e reunión. Dereito a participar plenamente na vida social, cultural, artística e recreativa do seu ámbito, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa. Os menores teñen o dereito a formar parte de asociacións e organizacións xuvenís dos partidos políticos e sindicatos, e a promover asociacións infantís e xuvenís e inscribilas.
  • Dereito á liberdade de expresión. Teñen dereito a publicar e difundir as súas opinións, á edición e produción de medios de difusión e ao acceso ás axudas das Administracións públicas.
  • Dereito a ser oído. O menor poderá exercitar este dereito por si mesmo ou a través da persoa que designe para que o represente, cando teña suficiente xuízo. Cando iso non sexa posible ou non lle conveña ao interese do menor, poderase coñecer a súa opinión por medio dos seus representantes legais, sempre que non sexan parte interesada nin teñan intereses contrapostos aos do menor.

Responsabilidade e obrigas do menor de idade

Os fillos teñen a obriga de obedecer aos pais mentres permanezan baixo a súa potestade, de respectalos sempre e de contribuír ao levantamento das cargas da familia, na medida das súas posibilidades e mentres convivan con ela. Pola súa banda, pais ou titores teñen a obriga de vixiar os seus fillos menores e son responsables civís dos danos causados por eles, dos derivados de delitos e faltas penais e, dende o ano 2005, ata das multas de tráfico.

Aos menores de 18 anos aplícanselles unhas normas penais específicas por uns Xulgados e Tribunais diferentes aos do resto dos cidadáns. Os Xuíces de Menores son os que se pronuncian sobre a responsabilidade penal derivada dos feitos cometidos por persoas entre os 14 e os 18 anos, sobre a responsabilidade civil e os que velan polo cumprimento e a execución das súas sentenzas. Se o menor non cumpriu os 14 anos, non se lle esixirá responsabilidade.

Aínda que o Código Civil di que non poden prestar consentimento para contratar, o contrato realizado por un menor de idade non é nulo, aínda que pode chegar a ser anulado. A xurisprudencia é uniforme neste sentido: o contrato existe, pero é anulable, en ocasións. E así, igual que os tribunais anularon un contrato de telefonía móbil concertado por un menor, non se pronunciaron en contra dun servizo baseado en practicar unha tatuaxe permanente, ben realizada e en perfectas condicións hixiénicas, pero sen o consentimento dos pais

Que penas se poden impoñer?

A un menor pódenselle chegar a aplicar medidas de internamento en centros específicos para menores, xa sexa en réxime pechado, semiaberto, aberto ou terapéutico. Outras medidas son o tratamento ambulatorio, a asistencia a un centro de día, a permanencia de fin de semana no seu domicilio ou nun centro, a liberdade vixiada cumprindo as regras de conduta impostas polo Xuíz: asistir con regularidade ao centro docente e xustificar ante o xuíz as ausencias, someterse a programas de tipo formativo, cultural, educativo, etc., prohibición de acudir a determinados lugares, establecementos ou espectáculos, prohibición de achegarse á vítima, a convivencia con outras persoas, familia ou grupo educativo para orientar o menor no seu proceso de socialización, prestacións non retribuídas en beneficio da comunidade (que só poden impoñerse con consentimento do menor) e a amoestación

Canto poden durar?

As medidas que se lle poden aplicar aos menores non poden exceder de dous anos. No caso de que os menores conten con 14 ou 15 anos, as medidas pódense ampliar ata tres anos, pero se teñen 16 ou 17 anos poderanse ampliar a seis anos. Cando o feito revista extrema gravidade, o Xuíz debe impoñer unha medida de internamento en réxime pechado de un a seis anos, complementada sucesivamente con outra medida de liberdade vixiada con asistencia educativa ata un máximo de cinco anos.

Menores estranxeiros

As persoas menores de 18 anos que se atopen en España teñen dereito á educación. Tamén están no seu dereito de recibir asistencia sanitaria e de beneficiarse dos demais servizos públicos os menores que se atopen en situación de risco ou baixo a tutela ou garda da Administración competente, aínda que a súa residencia en España non sexa legal. Unha vez constituída a garda ou tutela, a Administración Pública competente facilitaralles aos menores estranxeiros a documentación acreditativa da súa situación.


Que se pode facer a partir dos 14 anos.

  • Solicitar o DNI. É obrigatorio.
  • Obter o permiso de condución de ciclomotores.
  • Outorgar testamento aberto ante notario.
  • Ser testemuña en xuízo.
  • Denunciar ante a policía.

A partir dos 16 anos pódese traballar co permiso dos pais ou titores. Con esta idade, sempre que os pais o concedan e o menor o consinta, pode obter a emancipación mediante comparecencia ante o Xuíz.