Como coidar as unllas

Obxectivo: unllas perfectas

O coidado das unllas é algo máis ca un proceso estético, e o seu principal obxectivo é evitar que se estraguen e mellorar a súa firmeza
1 Outubro de 2005
Img consejo del mes listado 109

Obxectivo: unllas perfectas

Aínda que non o pareza, as unllas son un tipo de pel modificada e non cumpren funcións decorativas. Protexen as últimas falanxes dos dedos, proporciónanlles apoio ás puntas dos dedos dos pés e das mans e axúdannos a levarmos a cabo accións como rañar unha superficie ou desatar un nó. O seu estado pode ser indicador de saúde e requiren coidados especiais para mantermos a súa firmeza e evitarmos que se estraguen. A alimentación, a hixiene e a manicura poden mellorar o seu estado e diminuír o risco de infeccións.

  • /imgs/20051001/unas.jpgAs unllas están formadas por tres capas de queratina. A primeira é a parte brillante, a segunda capa chámase queratina mediana e, a terceira, a queratina sensible. Estas tres capas corren o risco de separarse ou dobrarse cun uso intensivo do cortaúnllas ou das tesoiras.
  • Unha unlla sa ten unha forma ovalada, é lisa e ten unha cor parcialmente rosada. Esta cor débese á gran vascularización que existe no leito epidérmico e ás características transparentes da unlla.
  • Consulte co seu médico se nota calquera anomalía: engrosamento da unlla, cambio na cor ou dor que non cede.
  • Durante a infancia, as unllas son flexibles, transparentes, de superficie lisa e convexa. Nos adultos, a unlla é máis dura e resistente, e cada vez apréciase máis a lúnula (espazo abrancazado semilunar da raíz das unllas). Na senectude, a unlla perde brillo, tórnase opaca, agrisada, fráxil e a lúnula tende a desaparecer.
  • As unllas dos dedos da man dun adulto medran aproximadamente 0,1 milímetros ó día. Na infancia, o crecemento é de 0,15 milímetros ó día, e na terceira idade diminúe un chisco, quedando en 0,06 milímetros ó día.
  • As unllas teñen entre un 7 e un 16% de auga, que é conveniente manter para que a súa flexibilidade e dureza sexan as adecuadas.
  • Os grandes inimigos das unllas son a auga, as manicuras agresivas, os produtos deterxentes, os malos cosméticos, quitaesmaltes mal formulados e abrasivos, substancias alérxicas, golpes…
  • As manchas brancas nas unllas débense a microtraumatismos, pequenos golpes directos sobre elas que fan que se separen as capas interiores sen que a externa sufra estragos.

Máis vale previr

  • Non empregue quitaesmaltes agresivos ou endurecedores cargados con demasiado formol, resecan as unllas e adoitan ser a causa principal do dano das capas de queratina, protectora natural das unllas, deixándoas sen defensas fronte a alteracións e agresións externas.
  • O quitaesmalte debe ser rico en substancias oleosas e non conter acetona, xa que ataca a capa que protexe as unllas, reseca a cutícula e pon amarelos os dedos.
  • Limite o uso de esmaltes e quitaesmaltes.
  • Aplíquese cremas hidratantes. Faga que penetren nas unllas mediante masaxes.
  • Se as súas unllas presentan algunha patoloxía, non lles aplique ningún produto embelecedor. Empeorará o cadro.
  • Protexa as unllas contra lixivias e deterxentes empregando guantes dobres dobres do plástico con revestimento interior de algodón. Os labores domésticos son especialmente agresivos para as unllas.
  • Elimine a cotío o lixo que se amorea embaixo das unllas.
  • Seque perfectamente as mans e as unllas logo de lavalas. A auga deteriora a lámina ungueal e a cutícula, enxugándoas. Ademais, a humidade favorece o desenvolvemento de infeccións.
  • Preserve as súas unllas do sol e das agresións externas como o frío extremo, a chuvia e a calor.
  • Se unha unlla ten unha infección ou un fungo nunca empregue a mesma lima que empregou coas unllas sas para evitar a transmisión da infección.
  • Atención, fumadores. O tabaco é nocivo para a saúde das súas unllas. Amais de retardar o seu crecemento, por un déficit de nutrición ó contraer os vasos sanguíneos, tamén provoca alteracións antiestéticas, como por exemplo a súa cor amarelada.

A manicura perfecta

  • Non faga a manicura máis dunha vez á semana.
  • A lonxitude da unlla non debe pasar a polpa dos dedos (parte carnosa), xa que ó aumentar a súa superficie libre favorécese a perda de auga.
  • Non tire dos anacos de pel levantada na base das unllas, os molestos repelos.
  • Non elimine as cutículas. Son a protección natural para non mancar a ‘fábrica’ da unlla. Recortar esaxeradamente a cutícula aumenta a posibilidade de contraer infeccións.
  • Para eliminar o esmalte, oprima a unlla durante uns segundos cun anaco de algodón impregnado en quitaesmalte sen acetona.
  • Para lles dar forma use unha lima de cartón -as metálicas poden fender as unllas- facéndoo desde os lados cara ó centro, con movementos suaves e continuos. Evite o uso de tesoiras.
  • Non as pula con métodos moi agresivos nin abrasivos. Déalles brillo ás unllas con teas de rebezo acolchadas ou semellantes.
  • Se adoita botar esmalte, antes de facelo non esqueza a base protectora. Estenda o esmalte en capas moi finas un intre antes de aplicar a outra capa.

As unllas dos pés, grandes esquecidas

  • Préstelles especial atención ás unllas dos pés. As unllas demasiado longas, demasiado curtas ou mal cortadas pódenlle dar problemas e ser causa de infeccións.
  • Corte as unllas despois de lavar os pés, así estarán máis brandas e serán máis boas de cortar.
  • Empregue unha tesoira de punta roma. Non use tesoiras con punta, alicates de manicura, follas de afeitar, limas metálicas, etc.
  • Córteas horizontalmente, deixando os bordos rectos.
  • Non as deixe demasiado curtas. Deixe que sobresaia a lámina ungueal (parte visible da unlla) polo menos un milímetro por diante da polpa (parte carnosa) do dedo.
  • Lime as puntas cunha lima de cartón. Non empregue tesoiras con punta, alicates de manicura, follas de afeitar, limas metálicas, etc.

Nutrilas desde dentro

  • Os compoñentes esenciais da unlla son queratina, auga e lípidos, calcio e ferro.
  • Os alimentos máis apropiados para manter as unllas fortes son os mesmos que tamén lle dan fortaleza e fermosura ó cabelo, é dicir, os que teñen un alto contido de proteínas, sales minerais e vitaminas.
  • Os sales minerais máis efectivos son o calcio, o iodo, o cinc e o ferro. Por iso é recomendable consumir leite, iogures, queixos frescos, fígado de becerro, espinacas, lentellas, sésamo e algas.
  • As vitaminas máis beneficiosas para as unllas son a vitamina A, que se atopa en abundancia no tomate, no pemento vermello e na cenoria, e mais as vitaminas do grupo B, contidas entre outros alimentos, no lévedo de cervexa.