O cambio de banco, unha opción incómoda pero barata

Un número crecente de consumidores considera a posibilidade de trasladar os seus cartos a outra entidade ante o aumento da competencia entre bancos, que ofrecen maior rendibilidade e menos comisións
1 Xullo de 2008
Img economia listado

O cambio de banco, unha opción incómoda pero barata

O sentimento que se experimenta é semellante ao do cambio de casa. A primeira reacción ante a posibilidade de mudarse de banco é a de preguiza e apatía. Aínda que cada día se estende máis o uso da banca por Internet e as visitas ás sucursais se reducen, os aforradores españois séntense máis cómodos cando coñecen os directores ou comerciais das súas oficinas bancarias. A simpatía e a atención personalizada son dous dos factores que dilúen o interese dun cliente por cambiar de banco, aínda que aumenta o número de consumidores que consideran a posibilidade de trasladar os seus cartos a outra entidade. A competencia bancaria actual é moi forte e, en moitas ocasións, pode resultar beneficioso abandonar o banco actual en busca de mellores condicións para o aforro e para os produtos de inversión. Na actualidade, as entidades ofrecen regalos e outros incentivos, como non pagar comisións por recibir contas correntes ou carteiras de valores, fondos de investimento ou de pensións doutros bancos ou caixas. Así e todo, convén valorar as vantaxes e os inconvenientes de emprender un traspaso bancario.

Traspaso de contas correntes

O traspaso da conta corrente dunha entidade a outra é unha operación que pode realizar calquera aforrador, en xeral, sen asumir ningún custo. Hai uns anos, as entidades aplicaban unha comisión por cancelación total de contas, pero na actualidade esta práctica desapareceu e xa son poucas as entidades que cobran por iso. Non obstante, convén asegurarse antes de realizar a mudanza. Se a entidade impón algún tipo de comisión, o aforrador pode decidir sacar todos os cartos e deixar a conta a cero. Neste caso, o banco ou caixa en cuestión pódelle reclamar ao cabo dun tempo as correspondentes comisións polo mantemento de conta. Non obstante, en varias ocasións, o Banco de España criticou o que considera unha mala práctica bancaria tras sinalar que ningunha entidade debe cobrar comisións cando a conta non contén saldo.

  • Cando traspasar: Un dos motivos que poden levar a que un aforrador cambie de banco é acadar unha maior rendibilidade para os seus cartos. Se na actualidade a remuneración do seu aforro é nula (moitas entidades ofrecen un xuro en conta do 0,1%), pode optar por traspasar o seu aforro a outra entidade que lle ofreza maior rendemento. As mellores contas están en Internet e chegan a ofrecer tipos de xuro do 5,5% TAE.

    Outra razón de peso a miúdo radica no pagamento de comisións. Polo xeral, as entidades tradicionais, con oficinas físicas, adoitan cargar comisións por operacións bancarias básicas como realizar transferencias, cobrar cheques, custodiar os aforros en conta… Agora ben, a banca on-line suprimiu o pagamento destas tarifas. Un usuario de banca tradicional aboa cada ano uns 154 euros de media en comisións, cifra que se reduce a cero nas entidades que operan a través de Internet.

  • Como traspasar: O traspaso dunha conta corrente dun banco a outro é unha operación sinxela. Abonda con dirixirse á nova entidade a abrir a conta para que o proceso se inicie sen problemas. A nova entidade encargarase de xestionar o cambio de domiciliación dos recibos. O usuario, pola súa banda, deberá comunicar no seu traballo o cambio de conta no que desexa ingresar a súa nómina.

Traspasar un fondo de investimento

Máis de sete millóns de españois teñen contratado un fondo de investimento co obxectivo de rendibilizar ao máximo os seus aforros. Non obstante, moitos deles nunca se aproveitaron dunha das características exclusivas deste vehículo financeiro: a posibilidade de cambiar de fondo de investimento sen a necesidade de tributar. Dende o ano 2003, a lei financeira permite traspasar o aforro investido dun fondo de investimento a outro, mesmo de xestoras ou entidades distintas, sen ter que pagar Facenda por iso (só haberá que render contas co fisco cando se rescaten de xeito definitivo os cartos). Dende aquela, cada trimestre, uns 15.000 millóns de euros investidos en fondos de investimento cambian de produto.

O principal criterio para tomar esta decisión debe ser a rendibilidade e a exención fiscal. A oferta de fondos de investimento é moi ampla e engloba produtos de moi diferentes categorías: uns invisten en bolsa, outros en renda fixa, outros ofrecen rendibilidades garantidas… O traspaso é moi oportuno cando o produto non estea rendendo todo o desexado, cando o faga peor ca a media da súa categoría, cando o momento de mercado aconselle cambiar de segmento de investimento ou cando as comisións do produto contratado sexan moito máis altas ca as da media do seu sector. Por exemplo, en momentos de bolsa alcista, é conveniente solicitar o traspaso dun fondo de renda fixa a renda variable. Se o fondo dun aforrador perde e, de media, a súa categoría anota ganancias, tamén é adecuado cambiar de produto.

Non obstante, antes de anunciar o traspaso, convén fixarse en se o produto antigo aplica comisións de reembolso. Os fondos que adoitan cobralas son os garantidos e poden supor o pagamento de ata un 5% do capital que se ten investido, de xeito que pode non resultar interesante decretar o traspaso. De feito, un dos inconvenientes dos fondos garantidos radica na alta comisión de reembolso que aplican, polo que habitualmente non resulta recomendable traspasar o aforro investido neste produto. Neste caso, adoita ser mellor manter o investimento ata que remate a vida do garantido.

Pola contra, non convén traspasar o aforro dun fondo a outro cando nese momento se está en perdas. Neste caso, é máis aconsellable liquidar o fondo e tratar de compensar minusvalías (perdas) con ganancias xeradas con outros produtos (accións ou outros fondos de investimento).

Trámites necesarios. En primeiro lugar, hai que se dirixir á entidade que ofrece o novo produto elixido e cubrir un documento cos seus datos persoais. A entidade asumirá as xestións necesarias para o traspaso. Con este impreso, a nova oficina dispón dun día hábil para solicitar o traspaso á entidade antiga, á que lle deberá indicar os datos da nova conta na que deberá aboar o aforro e mais os xuros xerados co fondo antigo.

A entidade antiga deberá realizar as comprobacións que considere oportunas nos dous días hábiles seguintes. O diñeiro deberá estar ingresado na nova entidade xestora, como moi tarde, tres días despois de solicitar o cambio. O traspaso entre fondos é unha operación sinxela que inclúe un único trámite. A nova xestora encargarase de realizar o transvasamento sen que sexa molesto para o aforrador.

Traspasar un plan de pensións

Calquera aforrador pode cambiar de plan de pensións, en calquera momento e sen ningún custo fiscal nin de comisións. O proceso, neste caso, adoita ser algo máis lento ca no dos fondos de investimento, xa que estes produtos teñen liquidez, é dicir, pódense vender e rescatar o diñeiro en calquera momento, mentres que os plans de pensións non a teñen. De aí que tampouco ao aforrador lle deba apremar tanto o traspaso do seu plan de pensións. Neste caso, a normativa obriga a que o traspaso dun plan á nova entidade se leve a cabo nun prazo máximo de quince días.

Antes de ordenar un traspaso, convén ser moi selectivo na elección dun novo plan de pensións. É importante non caer na tentación de investir só en produtos que ofrezan un regalo. Cómpre valorar cuestións como o labor da xestora, o resultado do fondo en períodos longos de tempo… E elixir o que mellor se adapte ao perfil de risco e, sobre todo, á idade de cada un. En España, todas as entidades financeiras, bancos e caixas, así como as aseguradoras, inclúen na súa oferta plans de pensións. En total hai máis de 900 produtos rexistrados, que se estruturan en seis categorías en función da tipoloxía dos activos que forman as súas carteiras (renda fixa a curto prazo, renda fixa a longo prazo, renda fixa mixta, renda variable, renda variable mixta e garantidos). Segundo o tempo que falte ata a xubilación ou o cobramento da prestación, é máis ou menos conveniente optar por un plan pertencente a unha ou outra categoría.

Como se trata dun produto contratado para o longo prazo, o cambio de plan de pensións adoita ser moi interesante para ir adecuando o risco ao tempo que quede para rescatar os cartos. Así, unha persoa de 35 anos debería investir nun plan de pensións de renda variable, pero segundo se vaia achegando aos 65 debe ir cambiando o seu aforro cara a produtos máis conservadores. O obxectivo será, sempre, acumular ganancias.

Dende xaneiro deste ano, ademais, permítese cambiar os cartos dun plan de pensións a un Plan de Previsión Asegurado (PPA) e viceversa. Este último produto interésalles aos aforradores máis conservadores, xa que asegura un tipo de xuro mínimo durante toda a vida do produto, coa mesma atractiva fiscalidade dos plans de pensións. Nestes momentos, pode ser interesante trasladar o aforro dun plan de pensións a un Plan de Previsión Asegurado para superar a incerteza actual do mercado. Como nos fondos, un aforrador pode traspasar os seus cartos dun plan de pensións a outro ou a un PPA tantas veces como queira ao longo da súa vida. Neste caso, non hai ningunha comisión que pagar.

Trámites: Para facer efectivo o traspaso, o cliente só ten que acudir á nova entidade, elixir o plan destino e cubrir un pequeno formulario cos seus datos persoais e o nome da xestora e do seu actual plan de pensións. O traspaso será máis rápido cando non se cambie de entidade, senón só de produto. Neste caso, as xestoras mesmo permiten ordenar o cambio dende Internet e adoita ser efectivo en menos dunha semana.