A saúde visual dos nenos

Non ver ben afecta ao rendemento escolar

Entre o 15% e o 30% do fracaso escolar pode deberse a problemas de visión
1 Outubro de 2007
Img consejos listado 189

Non ver ben afecta ao rendemento escolar

Son varios os factores que inflúen nun axeitado rendemento escolar. Un dos elementos clave é a visión, xa que é o sentido polo que se recibe a maior cantidade de información, aproximadamente o 90%. Segundo un estudo realizado pola Fundación do Instituto de Ciencias Visuais de Madrid (INCIVI), entre o 15% e o 30% do fracaso escolar pode deberse a problemas de visión. A mala caligrafía, as faltas de ortografía ou a dificultade para ler adoitan ser consecuencia de problemas de enfoque ou de percepción, moi difíciles de detectar sen axuda médica. En numerosas ocasións os nenos non se queixan, pero hai algunhas actitudes que poden facer sospeitar se existe algún problema que non pode pasar desapercibido.

Sinais de que algo non vai ben

  • Visite regularmente o oculista a partir dos tres anos, salvo que se detecte algún problema antes ou se atopen antecedentes de alteracións na visión dentro da familia.
  • Teña presente que os nenos que necesitan usar lentes e non as usan acaban por ter unha visión distorsionada do mundo. Canto antes se corrixan os problemas, mellor.
  • Os nenos a idades temperás non adoitan avisar de problemas visuais. Para detectalos, un dos principais síntomas é as dores de cabeza constantes.
  • Observe se se achega demasiado para ver a televisión, se se queixa de ollos cansos, se comprime os ollos para ver algo que está afastado, se ten dificultade para correr, se tropeza ou presenta excesivas lágrimas e proído nos ollos.
  • Outros síntomas son os acenos constantes, o arrubiamento ocular, cabalos no pescozo, os ourizós frecuentes, a inclinación da cabeza cara a un lado ou unha mala coordinación do ollo coa man.
  • Entre os escolares, os sinais máis habituais de que algo vai mal son a falta de atención, a dificultade de ler a distancia, a perda de interese pola lectura e os estudos, a lectura lenta, as liñas saltadas ou relidas, os xiros estraños das palabras, a incapacidade de lembrar o que leu, a cara moi preto ao ler ou ao escribir, e mais a fatiga constante, o nerviosismo, a irritabilidade, ou outro comportamento anormal, etc.
  • Se o seu fillo é aínda un bebé, un síntoma de que algo non vai ben é que os ollos do bebé tremen ou se desvían sen motivo ningún ou non seguen a cara nin a voz dos pais.
  • Consulte cun especialista se os seus ollos non están paralelos aos tres meses ou se observa un reflexo anormal no centro do ollo ou se ten algunha dúbida sobre a súa transparencia, ou se cumprido un ano a meniña dun ollo é máis grande ca a do outro ou o branco do ollo (as escleróticas) ten un aspecto azulado.

Televisión e ordenador, a unha distancia axeitada

  • Respecto ao uso por parte dos máis pequenos de videoxogos e ordenadores, non se demostrou que estes aparellos supoñan alteracións na visión, aínda que si é frecuente a aparición de fatiga visual debido exclusivamente á concentración visual que se produce ao utilizalos.
  • Non obstante, para ver a televisión ou para traballar co ordenador -as súas pantallas presentan alta luminosidade e baixo contraste- é conveniente suavizar o nivel de iluminación do ambiente e evitar desa xeito o estrés dos ollos, eliminando os reflexos ou brillos de lámpadas e ventás na pantalla.
  • A distancia adecuada entre a pantalla do televisor e os ollos é de 2 a 3 metros.
  • A distancia visual óptima para os traballos de preto no ordenador é de 45 a 55 cm, debendo colocarse a pantalla nun ángulo de 10º a 20º respecto da horizontal. Ademais, débense realizar descansos frecuentes para que a vista non acuse excesivamente o esforzo.
  • As paredes dos lugares de estudo deben ser mates e de cores claras.
  • A mellor luz para estudar é a natural. Cando se use luz artificial, ha de colocarse á esquerda se é destro, e á dereita se é zurdo.
  • Ao ler, escribir ou realizar actividades manuais, a distancia entre os ollos e o obxecto de atención debe ser duns 30-40 cm.

Con lentes, e sen traumas

  • Os lentes dun neno deben ser cómodos e resistentes.
  • No mercado atopará unha gran variedade de modelos de lentes. As opcións son tantas, que o mellor é que deixe ao seu fillo elixir o modelo que combine mellor co seu rostro e co que se sinta máis a gusto. Xa que é el o que vai usar os lentes, respecte a súa opinión e elección.
  • Pola súa seguridade física en caso de rotura, deben levar cristais orgánicos.
  • Chegados a certa idade (9-11 anos) moitos nenos queren mellorar a súa imaxe usando lentes de contacto. O máis recomendable é que o neno as use cando teña suficiente responsabilidade e control para facerse cargo do uso e limpeza correcta que requiren as lentes de contacto.
Os trastornos máis frecuentes

Segundo os especialistas, problemas oculares como a miopía, a hipermetropía, o estrabismo ou outros afectan a máis do 20% dos nenos en idade escolar.

  • Miopía. Os nenos que sofren miopía caracterízanse por non ver correctamente os obxectos que se atopan lonxe. Os síntomas poden ser confundidos con trastornos como a dislexia, xa que moitos nenos, ao non daren visto ben, poden cambiar, ao copiar dun encerado, letras como o p co q, ou o d co b.
  • Hipermetropía. É xusto o contrario da miopía. Os afectados de hipermetropía teñen unha percepción borrosa dos obxectos próximos.
  • Astigmatismo. As persoas con astigmatismo teñen unha córnea máis curvada nunha dirección ca noutra. O astigmatismo causa, en xeral, visión borrosa e desenfocada. É habitualmente hereditario.
  • Ambliopía ou ollo vago. Afecta a catro de cada cen nenos. Consiste na perda parcial da visión nun ou nos dous ollos dun neno que non pode ser corrixida con lentes. Pódese corrixir cando se detecta e se trata antes dos 7 anos. Se non se procede antes desa idade pode comportar unha gran perda de visión do ollo afectado, dado que este non se desenvolve axeitadamente e aos poucos vai deixando de traballar, de estimularse, co que acaba perdendo capacidade de visión. Esta patoloxía ocular preséntase na idade infantil, polo que a súa detección precoz é fundamental para un tratamento axeitado.
  • Estrabismo. Perda de paralelismo dos ollos. Cada un deles mira en dirección diferente.