Adormentar os nenos

Como ensinarlles ós nenos a descansar ben

O insomnio infantil ten a súa orixe, no 98% dos casos, nun hábito mal adquirido
1 Febreiro de 2006
Img consejo listado 137

Como ensinarlles ós nenos a descansar ben

/imgs/20060201/bebe.jpg O 70% dos nenos aprende a durmir con poucas rutinas, como levalo ó berce, darlle as boas noites… Pero hai un 30% que non dá. Son nenos normais, pero o seu reloxo biolóxico madura máis a modo. Ademais, no 98% dos casos de insomnio infantil, este prodúcese por un hábito mal adquirido. Para rematar con numerosas noites en vela, a mellor receita son bos hábitos de sono. Con algunhas sinxelas pautas pódese lograr que os nosos fillos durman dunha tirada desde o primeiro día.

Como crear o hábito do sono cando aínda son bebés

  • Os poucos momentos en que non estea durmindo, non deixe o bebé no berce. Cóllao, xogue con el, fágalle aloumiños, para que asocie o berce coa hora de durmir.
  • Ó chegar a noite, deixe a súa habitación ás escuras e procure que estea o máis illada posible do ruído. Pola contra, para durmir a sesta deixe algo de claridade e permita que cheguen ata el os sons da casa.
  • Déiteo no carro ou nun cesto para durmir a sesta, e déalle as tomas diúrnas no salón. Asociará o cesto -ou o carro- e o salón co día, e o berce e mais o dormitorio coa noite.

Ritual nocturno

  • Cíngase a un horario para adormentar o bebé. O máis recomendable é que o deite entre as 20.00 e as 20.30 horas en inverno, e entre as 20.30 e as 21.00 horas no verán. Está demostrado que esa é a hora en que o sono aparece máis facilmente. O atraso de media hora no verán débese ó cambio horario.
  • Cree unha rutina previa ó momento de deitarse pola noite. Non esqueza que para un bebé repetición é igual a seguridade.
  • Non o adormente no colo. Déiteo aínda esperto e saia do cuarto antes de que adormeza. Se chora, póñase á súa beira para acougalo, sen o sacar do berce. Marche de novo e repita as visitas tantas veces como cumpra, ata que durma.
  • É bo que teña ó seu carón o seu animaliño de peluxe, o seu xoguete preferido ou a almofada. Sentirase máis acompañado e descubrirá que permanecen a canda el cando esperte pola noite.

Bos hábitos para un sono reparador

  • /imgs/20060201/consejos.jpgA partir do terceiro mes non se erga a collelo ó primeiro laio. Déalle a oportunidade de que volva adormecer el só.
  • A partir dos 6-7 meses o seu bebé debería ser quen de se deitar sen chorar e con ledicia, de prender no sono el só, de durmir entre once e doce horas dunha tirada e de facelo no seu berce e sen luz.
  • Cando o seu fillo xa deixou de ser un bebé, faga que utilice a cama só para durmir. Non o deixe xogar nin ver a tele enriba da cama.
  • Canto máis ordenados sexan os hábitos de sono familiares, máis doado será que o neno adopte eses mesmos costumes.
  • Á hora de ir durmir, amósese doce pero inflexible. Non ceda ante posibles “chantaxes”.

Horas de sono: as necesarias, nin máis nin menos

  • Non todos os nenos precisan as mesmas horas de sono. Valore se o seu fillo dorme abondo ou non a partir dalgúns indicadores como o cansazo, as dores de cabeza, a irritabilidade ou agresividade, as ganas de durmir en horas non establecidas, etc.
  • Cando é un bebé, non o esperte, aínda que leve moito tempo durmindo (nin sequera para comer, non sendo que o seu peso non sexa o axeitado para a súa idade). Hai dous motivos: porque durante o sono segrega a hormona do crecemento, imprescindible para que este non se deteña, e porque, mentres dorme, aforra enerxías, que quedan á disposición dun mellor desenvolvemento.
Hábitos incorrectos para adormentalos

Bebés. Arrolalos no colo ou no berce, darlles a man, pasealos no carriño, deixalos ata que estean acabadiños, pólos na cama dos pais, darlles un biberón ou aleitalos, pórlles música… Se espertan durante a noite, que o farán, os bebés agardan que a situación sexa a mesma que cando botaron a durmir, é dicir, se asocian durmir con estaren no colo dos pais, esperan seguir estando alí, se adormeceron mamando, buscarán o peito, se o fixeron escoitando música, agardan oíla…

Nenos. Que o fagan fronte ó televisor, que durman sempre na habitación dos pais, meterse con eles na cama, contarlles contos durante horas, mantelos espertos ata que caian de sono…