Claves para elixir gardería

1 Marzo de 2004

Claves para elixir gardería

Decidírmonos por unha ou por outra gardería é unha das eleccións máis difíciles que os pais debemos facer cando o noso bebé medra e a volta ó traballo -motivo máis habitual para facer uso da gardería- é inminente. Ó trauma que supón a separación física do neno únese a preocupación pola atención que recibirá, as condicións do centro onde pasará boa parte do día e, por suposto, a carga económica que iso comportará. Se está pensando en levar o seu fillo a un destes centros convén que visite varios e que o pense ben antes de tomar a decisión definitiva.

  • As idades máis favorables para levar o neno á gardería son a anterior ós oito meses, pois o neno se adapta mellor, e a posterior ós dezaoito, cando xa adquiriu abondo control de si mesmo como para enfrontarse sen problemas co novo medio.
  • Visite a gardería, co neno, antes de que este quede alí, para que se vaia familiarizando co lugar e coas persoas. Ó primeiro, non o deixe moito tempo nela. Os primeiros días, unha ou dúas horas abondan. En todo caso, non é desexable que pase máis de catro ou cinco horas diarias na gardería, e en ningún caso debe permanecer nela máis de oito.
  • A proximidade ó domicilio é un factor que cómpre ter en conta. O traxecto que haberá que percorrer será menor e o neno seguirá en contacto co medio social no que vive, de xeito que os seus compañeiros de gardería serán tamén os seus amigos do barrio.

Seguridade

  • As ventás teñen que estar situadas fóra do alcance dos nenos ou, de non ser así, provistas de reixas. Os cristais teñen que ser irrompibles.
  • As escaleiras deben ter a varanda á altura dos máis cativos.
  • As portas (bisagras e marcos) deben contar cun sistema apropiado para evitar beliscos nos dedos.
  • Os enchufes teñen que estar situados a unha altura inalcanzable polos pequenos.
  • Os produtos nocivos débense gardar en armarios pechados.
  • As mesas e o resto do mobiliario non deben ofrecer cantos vivos.

Espazo

  • A gardería débese situar nun local de uso exclusivo e con acceso desde o exterior.
  • Debe dispor dunhas condicións arquitectónicas que posibiliten o acceso e circulación ós alumnos con problemas físicos.
  • Segundo a lexislación española, as garderías deben dispor dun mínimo de 1,50 metros cadrados por posto escolar, que se amplían a un mínimo de 3 metros cadrados para o patio de recreo. Con todo, estas disposicións non son acordes co indicado pola UNESCO como desexable, que son 8 metros cadrados por neno menor de tres anos e 4 metros cadrados para os de catro a sete anos.
  • As aulas deben estar ben iluminadas, a ser posible con abundante luz natural, ser espazosas (a amplitude de espazos facilita o traballo cos nenos e evita tensións innecesarias froito de interrupcións ou molestias entre os nenos na actividade cotiá), e limpas (a limpeza e a orde nos materiais, o chan, os cambiadores, os lavabos e a cociña diranlle ata que punto o centro está ben coidado).
  • Repare na división das salas. A gardería debe dispor tanto de salas destinadas ó xogo e á diversión coma de salas destinadas ós traballos manuais ou ó descanso dos máis pequenos.
  • As aulas con alumnos de cero a dous anos contarán con áreas diferenciadas para o descanso e hixiene do neno.
  • O centro debe dispor dun aseo por sala que deberá ser visible e accesible desde a mesma e que contará con dous lavabos e dous inodoros. O aseo para o persoal docente debe estar separado dos servizos dos nenos, cun lavabo, un inodoro e unha ducha.
  • Debe dispor dun patio de xogo por cada nove aulas ou fracción, cunha superficie superior ós 75 metros cadrados.
  • Préstelle atención á superficie sobre a cal vai ter lugar o xogo. O chan do patio debe ser suave e seguro, e nunca de pedra rugosa nin areoso, o cal evitará futuras feridas e infeccións.

Educadores

  • Comprobe que os encargados dos nenos son profesionais coa especialidade correspondente. Os que atendan os nenos entre 0 e 3 anos deben ter, como mínimo, un título de Xardín de Infancia, e os que atendan os nenos entre 3 e 6 anos deben ser Mestres de Educación Infantil.
  • Se se matriculan nenos con necesidades educativas especiais o centro deberá ter recursos humanos e materiais de apoio, os cales serán determinados pola Administración educativa correspondente.
  • O número de nenos por educador debe cumprir a normativa vixente. Así, os mestres dos menores de 1 ano terán un máximo de 8 nenos por aula, os de 1 a 2 anos, máximo 13 nenos e os de 2 a 3 anos, 20 nenos por clase.
  • O persoal dunha gardería debe ter, amais de paciencia, suavidade e firmeza, unha gran sensibilidade para captar o grao de desenvolvemento e as características temperamentais de cada un dos nenos que se atopan baixo o seu coidado, pois é nesta etapa na que resulta máis necesaria -imprescindible- a atención personalizada.
  • Observe como falan os nenos, se as súas palabras son tenras ou duras. Lembre que os nenos pequenos están nunha etapa na que os abrazos, o agarimo e a dozura son importantísimos. Préstelle atención tamén a como lles falan os nenos a eles, e se lles dan mostras de agarimo e de confianza.

Liña pedagóxica

  • O centro debe ter un programa claro de traballo, con actividades orientadas á experimentación e o descubrimento con materiais específicos, espazos e materiais para o traballo psicomotriz, actividades que faciliten aprendizaxes musicais e sensoriais.
  • O resultado de todo o traballo debe quedar reflectido en informes periódicos e en posteriores entrevistas persoais cos pais nas que se poidan aclarar dúbidas e conflitos

A comida

  • Canto máis pequeno é o neno máis debemos coidar a súa dieta. Infórmese de se a gardería fai a súa propia comida (daquela visite a cociña, coñeza a cociñeira), ou se pola contra é unha empresa especializada quen a serve (nese caso pregunte quen decide os menús).
  • O comedor debe ser unha sala diferenciada e de uso exclusivo para poder asegurar as normas de hixiene e limpeza.

A hora da sesta

  • Interésese sobre como organizan a hora do descanso, tan vital nesta etapa.
  • Infórmese do tipo de hamacas que se utilizan, se tapan os nenos con sabas ou mantas en inverno, se dormen todos xuntos ou por grupos, cantos educadores se encargan da vixilancia e que fan cando un neno non quere durmir ou esperta antes da hora.