Camiños legais dos provedores de Internet

O usuario non pode esixir o servizo de banda ancha (ADSL), pero si pode ser indemnizado por un servizo deficiente
1 Setembro de 2007
Img derechos listado

Camiños legais dos provedores de Internet

A Lei da Sociedade de Servizos da Información e de Comercio Electrónico, máis coñecida como a Lei de Internet, está en trámites de modificación. Os seus obxectivos: cubrir baleiros normativos, eliminar obstáculos e potenciar os dereitos dos cidadáns. Así, os provedores de acceso a Internet deberán informar os usuarios sobre os medios técnicos de protección fronte a virus e programas espía, a restrición dos correos electrónicos non solicitados e de acceso a contidos e servizos non desexados ou nocivos para a xuventude e a infancia.

O proxecto de lei fomenta o comercio electrónico e imponlles ás compañías que prestan servizos públicos ou de grande incidencia económica (eléctricas, auga, gas, electricidade, telecomunicacións, financeiras, aseguradoras, etc.) facilitar a contratación ou alta, a baixa e as reclamacións por medios electrónicos. Tamén se impulsa o uso da factura electrónica e as conexións de banda ancha. Precisamente, o dereito a esixir un servizo de banda ancha, as condicións para darse de baixa e a maneira de protestar por unha factura son os capítulos que maior número de reclamacións concentran por parte dos usuarios e que maior atención xurídica requiren.

Ten dereito o usuario a esixir o servizo de banda ancha ou ADSL?

Non, as políticas de impulso da banda ancha non deron todo o froito desexado. Aínda hai catro millóns de españois que non teñen posibilidade técnica de acceso á banda ancha e moitos máis que non poden elixir a tecnoloxía desexada porque non se facilita a cobertura por parte das operadoras de cable. Aínda que o último Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas, de marzo de 2007, cifra nun 30% o aumento de usuarios de Internet, este débese aos usuarios de banda estreita.

Ademais, o “Servizo Universal”, que é o conxunto de prestacións de telecomunicacións que se lle debe garantir a todos os cidadáns con independencia da súa localización xeográfica e a un prezo razoable, non inclúe o acceso a Internet mediante ADSL. Por iso, o usuario non llo pode esixir a ningún operador.


Para contratar o acceso a Internet, a operadora esixiulle ao usuario un período de permanencia. Falta pouco para que cumpra o prazo e o cliente quérese dar de baixa. Cal é a fórmula e con que dereitos conta?

En todos os contratos debe constar o teléfono de atención ao público, o enderezo electrónico, a páxina web do operador e mais a dirección postal da oficina comercial do operador e do departamento de atención ao cliente. A lei outorga dereito á baixa solicitándoo con quince días de antelación da maneira designada no contrato. Se o medio posto á disposición do usuario é telefónico, solicite o número de referencia da súa xestión e o envío dun documento que permita acreditar a solicitude da baixa.

O feito de ter contratado un período de permanencia aínda non vencido non debe impedir cursar a baixa. Dar por finalizado o contrato é un dereito que teñen todos os subscritores en calquera momento. O operador non o pode penalizar por incumprir o prazo pero si reclamar, entendemos que de maneira proporcionada, a devolución das “condicións vantaxosas” que recibira en atención ao compromiso dun período mínimo. A lei di que estes prazos non poderán ter unha duración excesiva, aínda que non indica que se entende por excesivo.

E se o contrato do usuario non está escrito?

Pódeo solicitar no Servizo de Atención ao Cliente de modo gratuíto para o subscritor. Ten dereito a iso. No momento de solicitalo, o cliente pódelle pedir ao operador que lle asigne un número de referencia á súa petición para ter constancia dela. Tamén pode consultar o contido mínimo dos contratos na web do operador, aínda que lle recomendamos a primeira opción.


Se o usuario non está conforme coa factura de Internet, que pode facer?

O cliente pode presentar unha reclamación no Servizo de Atención ao Cliente do seu operador. Convén que solicite sempre o número de referencia da súa reclamación e xustificante de recepción. Se non obtén resposta satisfactoria nun mes, pode acudir á arbitraxe de consumo ou enviarlle unha reclamación á Secretaria de Estado de Telecomunicacións (SETSI). Se é empresa, debe facelo directamente a esta última. Dende a entrada en vigor do Real Decreto 424/2005, a SETSI tamén resolve reclamacións de usuarios de Internet. O interesado pode recibir asesoramento nos Servizos de Información ao Consumidor do seu concello ou provincia. Convén lembrar que se non paga a partida relativa a Internet, pero si o resto da factura, o operador non ten dereito a suspender o servizo telefónico.

A conexión a Internet sofre continuas interrupcións. Que compensación ten o cliente?

No 2006 modificouse o Real Decreto 424/2005 no apartado referente aos dereitos dos usuarios de Internet pola interrupción temporal do servizo de acceso. O cliente pódelle reclamar ao operador, ten dereito a ser compensado coa devolución da cota de abonamento e outras cotas fixas, rateadas polo tempo que durara a interrupción. O operador está obrigado a indemnizar automaticamente o subscritor, no período de facturación inmediatamente seguinte ao da aparición do problema, se a compensación é superior a un euro. Pero convén que o usuario se asegure da orixe do problema e comprobe a configuración da conexión ou dos aparellos que permiten o acceso.

Para determinar a contía da indemnización, sempre que teña contratado conxuntamente co operador outros servizos de telefonía fixa e Internet e non se analice na oferta ou contratación a parte do prezo que corresponde a cada servizo, considérase que o prezo de cada servizo é o proporcional ao da súa contratación por separado. Se o operador non comercializa os servizos por separado, considerarase que o prezo de cada un é o 50% do prezo total.


O operador pode cambiar as condicións do contrato de acceso a Internet cando xa está subscrito?

O operador está no seu dereito de propoñelo e o subscritor de aceptar ou non. As modificacións das condicións contractuais deben ser notificadas cun mes de antelación, informando o abonado do seu dereito a darse de baixa de modo anticipado e sen penalización ningunha se non está conforme.

É delito a descarga de música?

Serao en función da existencia de ánimo de lucro, en sentido comercial. Recentemente unha sentenza dun Xulgado de Santander non apreciou delito na descarga de música e en compartila por Internet sen animo de lucro porque, di, “entender o contrario implicaría a criminalización de comportamentos socialmente admitidos e ademais moi estendidos nos que o fin non é en ningún caso o enriquecemento ilícito, senón o xa salientado de obter copias para uso privado. Todo iso leva á conclusión de que neste caso non se produciu unha infracción merecedora de sanción penal “.