Home Cinema

Calidade de imaxe e son sen saír da casa

Limitar a cantidade destinada a este gasto é fundamental e será a primeira peneira entre uns modelos e outros
1 Febreiro de 2004
Img consejos listado 143

Calidade de imaxe e son sen saír da casa

O Home Cinema ou cine na casa está de moda e revolucionou o lecer e a electrónica de consumo dos fogares. Trátase dun sistema de imaxe e son composto dun DVD, un amplificador A/V (audio/vídeo) e altofalantes, que tenta recrear o cine na casa permitíndonos obter no noso salón unha elevada calidade de audio e de vídeo. Os fabricantes ofrecen modelos para todos os gustos e petos. A continuación propóñense algunhas claves para tirarlle o mellor partido ó sistema de cine na casa.

O prezo inflúe moito

  • Antes de mercalo, decida canto está disposto a desembolsar. Os prezos dos Home Cinema varían tanto que limitar a cantidade destinada a este gasto é fundamental e será a primeira peneira entre uns modelos e outros. Unha vez decidido, busque un establecemento que mereza a súa confianza e onde lle expliquen claramente os conceptos básicos que debe saber para instalar e utilizar o Home Cinema correctamente e para tirarlle o máximo rendemento.
  • Para poder conectar o Home Cinema a un televisor, este debe contar con polo menos un euroconector (os aparellos de menos de 10 anos inclúeno), a ser posible con saída conmutable RGB (sistema de conexión de vídeo de alta calidade que separa as tres cores básicas). No tocante ó tamaño, é aconsellable que sexa de 25 polgadas ou máis. O máis axeitado, así e todo, é un televisor de 32 polgadas ou máis, en formato panorámico.
  • Hai varios anos os Home Cinemas mercábanse por compoñentes: elixíase un DVD e o resto de elementos (amplificador e altofalantes) ata acadar o sistema completo, e mercar os compoñentes por separado permite decantarse polo mellor de cada casa, pero o gasto tamén aumenta notablemente.

Combos ou todo nun

  • O mercado ofrece tamén a posibilidade de adquirir un conxunto completo, tamén coñecido como combos, que incorpora todos os elementos (amplificador, DVD e altofalantes). Estes sistemas todo nun son a mellor opción para quen se inicia no mundo do Home Cinema sen esixir a mellor calidade e sen pretender amplialo. Amais de resultaren moito máis económicos que se mercásemos os compoñentes por separado, os combos combinan estética e prestacións, e diminuíron notablemente o tamaño dos compoñentes. Como aspectos negativos destacan as súas limitacións tanto en conexións coma en potencia ou calidade sonora, aínda que para quen acaba de iniciarse isto non adoita supor un impedimento. Para facérmonos cun bo combo, resulta fundamental non se deixar abraiar polas gangas, pois os equipos que ofrecen moitas prestacións a moi baixo prezo a miúdo agachan compoñentes de baixa calidade.

Colocación das caixas

  • Canle central. Débese situar enriba ou debaixo da pantalla de televisión. Debe ter blindaxe magnética, para que o imán do altofalante non altere a imaxe, sobre todo en TV de tubo. Se aparecen manchas de cores no lado do televisor onde se colocou a caixa central, arrédea deste polo menos 30 ou 40 centímetros.
  • Caixas frontais. O tweeter (altofalantes de agudos) débese situar á altura dos oídos, orientados cara ó oínte, a uns 60 cm a cada lado da pantalla, e á mesma profundidade có central.
  • Caixas traseiras. Para poder aprezar o son envolvente que proporcionan, colocaranse atrasadas con respecto á posición de escoita como mínimo arredor dun metro. Se isto non é posible, situaranse a ambos lados do oínte. En ambos os casos, débense situar a unha altura de aproximadamente 30 centímetros por riba da cabeza do oínte sentado, e orientados cara ao mesmo.
  • Subwoofer. Ó non ser o son grave direccional, a súa colocación non é primordial. Probe distintos emprazamentos, e colóqueo onde mellor realce as frecuencias baixas sen distorsionar, que adoita ser esquinado na parede frontal.

Acústica da sala

  • Mellore a acústica da sala na que vai instalar o seu sistema de cine na casa. Saiba que os cristais e o pladur son o peor inimigo para un son claro e natural. O chan de madeira natural tamén crea reflexións do son. Evite que o son que sae dos altofalantes distorsione ou teña eco colocando alfombras e cortinas, que absorben o son no canto de reflectilo.
  • Os mobles con tapicería, como sofás e cadeiras de brazos, e os cadros pequenos, teas ou tapices das paredes, tamén contribúen a mellorar a acústica.
  • Non instale as caixas acústicas nun moble que teña portas ou baldas de cristal. Evite os mobles que conteñan cristalería.
  • Evite que o son retumbe, separando as caixas da parede polo menos 50 centímetros.
Por compoñentes
  • Lector DVD
  • É imprescindible que a saída de audio dixital sexa do mesmo tipo cá do amplificador.
  • Debe ofrecer unha lectura multiformato: DVD-vídeo, CD-vídeo, CD-audio e, mesmo CD-R e CD-RW. Os últimos modelos incorporan lectura de DVD-audio e SACD (Super Audio CD).
  • Debe contar, polo menos, con descodificadores Dolby Digital e DTS (sistemas de comprensión do son).
  • Convén que inclúa dous euroconectores e saída RGB.
  • Amplificador ou receptor A/V. É a unidade central do DVD, que permite seleccionar as fontes e controlar o volume.
  • Considere o espazo no que o vai instalar. Para estancias de ata uns 20 metros cadrados abondará con calquera amplificador de gama media-baixa. Unha boa elección sería utilizar receptores entre 50-100 W por canal. Para habitacións grandes será mellor contar cun amplificador de maior potencia.
  • Debe incluír descodificadores Dolby Digital e DTS.
  • Elixa un modelo que incorpore polo menos dous euroconectores, unha RGB e unha entrada óptica e coaxial dixitais.
  • Teña claro qué é o que pode montar no seu salón. Non sendo que posúa cartos e espazo abondos, esquézase de colocar 6 altofalantes, e, moito menos, 7. Por iso resultará inútil que o amplificador incorpore Dolby Digital EX, DTS ES 6.1 e demais formatos multicanle que superan o 5.1 (formato de son envolvente que utiliza seis canles: esquerda, central, dereita, posterior esquerda e posterior dereita, e unha canle de banda limitada para sons de baixa frecuencia).
  • Caixas ou altofalantes. Un sistema básico está composto por cinco caixas: central, dúas frontais e dúas traseiras. A central reproduce os diálogos, as frontais a banda sonora e parte dos diálogos, e as traseiras, ou de efectos, reproducen os sons ambientais (ruídos, música de fondo, etc.). Dentro deste concepto inclúese tamén o subwoofer ou caixa de graves.
  • Esixa que sexan firmes e que non vibren co son que se produce no seu interior para que non produzan distorsión.
  • É imprescindible que cubran todo o rango de frecuencias existente, e que o sistema estea ben dimensionado.
  • A canle central debe incorporar blindaxe antimagnética.