Xustiza gratuíta

Avogados para os que menos teñen

O obxectivo de Asistencia Xurídica Gratuíta é impedir a indefensión, eliminar discriminacións por razóns económicas e mais facilitarlle a xustiza gratuíta a quen acredite insuficiencia de recursos
1 Febreiro de 2009
Img derechos listado 131

Avogados para os que menos teñen

A Xustiza require investimento de tempo e, en maior medida, de cartos, non só de quen a administra, senón de quen a reclama. Pero a xustiza tamén pode ser gratuíta para a cidadanía, que demanda cada vez máis este servizo. Segundo datos do Consello Xeral da Avogacía Española, o sistema de Asistencia Xurídica Gratuíta xestionou no 2007 máis de 629.000 expedientes na quenda de oficio, un 7,8% da carga do sistema xudicial. Hai que ter en conta que entre un 25% e un 30% dos avogados españois en activo están adscritos ao sistema, e asisten tamén ao detido (583.000 persoas) e mais ás vítimas de violencia de xénero (52.000 mulleres).

Xestionado polos 83 colexios de avogados españois, este mecanismo responde ao dereito constitucional de todas as persoas a obter a tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos lexítimos. Impedir a indefensión e eliminar discriminacións por razóns económicas, facilitándolle xustiza gratuíta a quen acredite insuficiencia de recursos son os obxectivos da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta e do seu regulamento de desenvolvemento. A gratuidade espállase aos servizos de avogados e procuradores e aos informes periciais xudiciais pertinentes, amais de se concederen reducións na publicación de edictos ou en aranceis rexistrais. Para iso, o cidadán debe acreditar a insuficiencia de recursos.

Quen se pode beneficiar do sistema de asistencia xurídica gratuíta?

Está dispoñible para todos os cidadáns españois, para os nacionais dos demais Estados membro da Unión Europea e para os estranxeiros que se atopen en España, sempre que acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

Todos os estranxeiros poden acceder a este servizo?

A Lei de estranxeiría, do ano 2000, establecía o dereito para os estranxeiros residentes cando acreditasen insuficiencia de recursos económicos e en iguais condicións ca os españois. Por outra banda, para os estranxeiros que viven en España en situación irregular, a concesión de asistencia xurídica gratuíta limitábase aos procedementos administrativos ou xudiciais que puidesen levar á denegación da súa entrada, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo. A Lei de asistencia xurídica gratuíta tamén limitaba o seu acceso aos estranxeiros que non residisen legalmente en España aos procesos penais e aos administrativos relativos á solicitude de asilo.

Non obstante, o Tribunal Constitucional declarou, no ano 2003, inconstitucional este apartado da Lei de asistencia xurídica gratuíta, por entender que o dereito á xustiza gratuíta lle corresponde a todo estranxeiro que se atope en España, con independencia de que dispoña ou non do permiso de residencia.

Xa que logo, de acordo co Tribunal Constitucional, o dereito á Xustiza Gratuíta correspóndelle a todo estranxeiro que se atope en España e que acredite insuficiencia de recursos para litigar. E este dereito estenderíase a todas as ordes xurisdicionais.

Alguén máis ten dereito a solicitar xustiza gratuíta?

Os traballadores e os beneficiarios do sistema da Seguridade Social teñen acceso a beneficiarse deste dereito para xuízos na Orde xurisdicional social, así como as asociacións de utilidade pública e as fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

Cal é o requisito principal?

Segundo a lei, o requisito básico para acceder á xustiza gratuíta é que os recursos e ingresos económicos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, non superen o dobre do salario mínimo interprofesional (SMI) vixente no momento de efectuar a solicitude.

De acordo ás circunstancias de cada familia, ao número de fillos ou de familiares ao seu cargo, ao estado de saúde, ás obrigas económicas ou custos obxectivamente avaliados, pódeselles conceder de xeito excepcional o recoñecemento á asistencia xurídica gratuíta a persoas con recursos e ingresos que aínda que superen o límite non exceden do cuádruplo do mesmo.

Cal é o límite de ingresos?

Aínda que a Lei, do ano 1996, fixa o dobre do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), nestes intres a referencia é o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM). A súa contía determínase tendo en conta a previsión ou obxectivo de inflación dos orzamentos xerais do Estado e actualízase a comezos de cada ano. Ao ser no 2008 a súa contía anual (con pagas extras) de 7.236,60 euros ao ano, para ter dereito haberá que acreditar uns ingresos inferiores ao dobre: 14.473,20 euros ao ano.

Que ofrece a asistencia xurídica gratuíta?

Asesoramento e orientación gratuíta previa ao proceso xudicial e defensa e representación gratuíta por parte do avogado e do procurador no procedemento. A iso engádese:

  • A asistencia dun avogado ao detido ou ao preso que non o designase.
  • A inserción gratuíta de anuncios ou edictos.
  • A exención de pagamento dos depósitos precisos para a interposición de recursos.
  • A asistencia pericial gratuíta no proceso a cargo do persoal técnico adscrito aos órganos xurisdicionais ou, no seu defecto, a cargo de funcionarios, organismos ou servizos técnicos dependentes das administracións públicas.
  • A obtención gratuíta de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais.
  • A redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan polo outorgamento de escrituras públicas e pola obtención de notas, certificados, anotacións, asentos e inscricións nos rexistros da propiedade e mercantil, cando teñan relación directa co proceso. Os dereitos arancelarios non se percibirán cando o interesado acredite ingresos por baixo do (IPREM).

Como se solicita?

O interesado pode presentar un modelo normalizado de solicitude no Servizo de Orientación Xurídica do Colexio de Avogados do lugar onde se atopa o xulgado ou tribunal onde se vaia celebrar o proceso ou ben ante o xulgado do domicilio do solicitante se este aínda non se iniciou. Este impreso tamén se facilita nas dependencias xudiciais e nas comisións de asistencia gratuíta. Así e todo, os detalles pódense consultar polo miúdo en www.justiciagratuita.es, un portal creado polo Consello Xeral da Avogacía española que contén información por comunidades autónomas, amais dun servizo de orientación xurídica, un simulador para coñecer se un se pode beneficiar da xustiza gratuíta e un acceso que permite solicitar xustiza gratuíta a través de Internet utilizando o DNI dixital con sinatura electrónica.

Na solicitude constarán os datos que permitan apreciar a situación económica do interesado e dos integrantes da súa unidade familiar, circunstancias persoais e familiares, a pretensión que se quere facer valer e a parte ou partes contrarias no litixio, de as haber, e acompañarase a documentación que acredite todo iso. O colexio de avogados e o de procuradores designará de xeito provisional un avogado e un procurador que deberá ser aprobado pola comisión de asistencia xurídica gratuíta.

Nos xuízos nos que non é obrigado ser asistido por un avogado, pódese solicitar a asistencia xurídica gratuíta?

De acordo coa Lei de axuizamento civil, en toda notificación do xulgado ou tribunal na que se lle comunique a unha parte a intención da parte contraria de se servir de avogado e procurador, será informado de que pode solicitar xustiza gratuíta. Así, se o demandante acode cun avogado, o demandado pode solicitar asistencia xurídica gratuíta. E no caso de que o demandante non sexa asistido por un avogado pero o demandado lle comunique ao tribunal a súa asistencia con avogado, o demandante pode solicitar xustiza gratuíta.

Aspectos que cómpre ter en conta cando se solicita asesoría xurídica gratuíta:

  • O colexio de avogados designa un avogado de oficio sempre que se solicite nun procedemento no que sexa precisa a intervención de avogado. Deste xeito é posible solicitar e obter avogado de oficio e xustiza gratuíta. Non obstante, o avogado ten dereito a cobrar e só se concede xustiza gratuíta se se demostra que o solicitante cumpre os requisitos legais. Pola contra, deberá pagar os honorarios do seu avogado de oficio.
  • Cando na sentenza o beneficiario da asistencia xurídica é condenado a pagar as costas, este non as terá que pagar non sendo que os seus ingresos e recursos económicos superen o límite legal dentro dos tres anos seguintes ao remate do proceso. Nese caso, terá que se facer cargo das costas causadas na súa defensa e mais das da parte contraria.
  • En función das circunstancias do solicitante (número de fillos ou familiares ao seu cargo, estado de saúde, obrigas económicas que sobre el pesen, custos derivados da iniciación do proceso ou outras de análoga natureza) e sempre que o solicitante sexa ascendente dunha familia numerosa de categoría especial, pódeselles conceder, como excepción, a asistencia gratuíta a persoas con recursos e ingresos que superen os límites legais sen excederen do cuádruplo do (IPREM). Nestas mesmas condicións, poderáselles recoñecer o dereito á asistencia xurídica gratuíta ás persoas con minusvalidez.