Vista e ordenador

As pausas e exercicios para a vista, moi recomendables

1 Setembro de 2004
Img consejo listado

As pausas e exercicios para a vista, moi recomendables

Co uso crecente profesional e privado dos ordenadores aumentaron tamén as molestias da vista dos usuarios. Ollos doentes, secos e irritados, dores de cabeza e unha vista borrosa, son algúns dos síntomas do chamado síndrome da visión do ordenador, que se converteu nunha das molestias máis frecuentes dos empregados de oficina nos últimos anos. A orixe deles atópase nun abuso ou nun mal uso do aparello, e a súa solución pasa por seguir unhas simples recomendacións ó alcance de calquera.

  • Non traballe máis dunha hora seguido fronte ó monitor. Se isto non é posible, faga frecuentes pausas, cada unha de 5 minutos. Durante estas breves pausas oriente a súa ollada a un obxecto distante durante 20 segundos.
  • Alterne o traballo no ordenador con outro tipo de actividades.
  • Se sente molestias, apague o ordenador e faga que os seus ollos descansen. Pechar e abri-los ollos no aire fresco serviralle de alivio.
  • Se cómpre, aumente o tamaño da letra.
  • Os caracteres teñen que estar ben definidos, cun bo nivel de contraste con respecto ó fondo, de tamaño suficiente e cun espazo adecuado entre as liñas.
  • Traballe con texto negro sobre fondo branco. Procure non abusar das cores.

Colocación

  • Sitúe o monitor a unha distancia duns 50 a 60 centímetros.
  • Coloque a parte superior da pantalla a unha altura semellante á dos ollos, ou lixeiramente máis baixa. O monitor queda, deste xeito, na zona óptima de visión, comprendida entre os 5 e os 35 graos por baixo da horizontal visual, desde a cal contemplará todo sen ningún esforzo, a súa vista non se resentirá e evitará posturas lesivas.
  • Incline o monitor cara a abaixo a uns 20 graos en ángulo respecto á súa ollada recta.
  • Utilice un atril para os documentos. Colóqueo a unha distancia equivalente á pantalla e á súa mesma altura. Deste xeito non baixará e subirá constantemente a cabeza para mirar, e reducirá a fatiga visual.

Coidado coa luz

  • Coloque a pantalla perpendicular á ventá, nunca enfronte, pois ó ergue-la ollada pódese cegar, nin de costas a ela, xa que os reflexos da luz natural sobre o cristal son inevitables.
  • Trate de que o monitor ou a lámpada de mesa non sexan a única iluminación. Utilice luz ambiental. Evitará que cada vez que desprace os ollos fóra da zona iluminada teñan que adaptarse a unhas condicións moi diferentes de luz.
  • Non incorra no erro frecuente de utilizar moita luz. Moitas fontes de luz nun sitio poden desviar a atención dos seus ollos do monitor ou causar reflexións na pantalla.
  • O exceso de luz tamén cansa a vista, é preferible orientar as lámpadas para que iluminen a área de traballo e non incidan directamente sobre os seus ollos ou sobre a pantalla.
  • Traballe con monitores que incorporen un tratamento antirreflexo ou un filtro especial. Teña especial coidado en que o filtro non escureza demasiado o monitor.
  • A imaxe da pantalla debe ser estable, sen reflexos, resplandores ou reverberacións. Segundo un estudo, o nivel de luminancia dos monitores de raios catódicos é inestable durante os primeiros 20 minutos tralo acendido, polo que é aconsellable que acenda o monitor antes de comezar a traballar con el: reducirá a fatiga visual producida por estas variacións.
Exercicios fronte ó ordenador
  • Séntese correctamente e olle á fronte. Despois, sen mover a cabeza, desvíe a ollada todo o posible cara á esquerda e logo á dereita.
  • Cando permaneza ante o ordenador, tente facer un esforzo consciente para manter un ritmo de pestanexo frecuente, ou faga pausas breves no seu traballo e pestanexe.
  • Faga unha pausa e dirixa a ollada ó infinito (para os ollos isto equivale a unha distancia superior a 6 m.). Os músculos oculares reláxanse ó facerse innecesaria a acomodación que require ollar a unha distancia próxima.