Elixir calzado para camiñar

Andar con bo pé

1 Maio de 2004

Andar con bo pé

Aínda que calquera calzado cómodo serve para andar por un camiño en bo estado durante un par de horas, se pretendemos facelo durante todo o día, considerando que na nosa ruta atoparemos toda clase de terreos, cumprirá elixirmos un calzado máis apropiado, xa que da correcta elección do tipo de zapato vai depender a saúde dos nosos pés.

  • Á hora de se decidir por un ou por outro calzado, teña en conta a superficie ou terreo sobre o que vai camiñar habitualmente. Superficies duras, brandas, deslizantes, asfalto, cemento, terra, area.
  • Se realiza pequenas incursións na montaña e só desexa aproximarse á natureza, andar por corredoiras, vereas e camiños, deberá elixir unha bota de excursionismo ou hiking.
  • Se o seu obxectivo é unha suave camiñada de fin de semana e á vez poder chegar a calquera lugar cómodo e seguro, as súas botas serán as de trekking.

De compras, mellor ó final do día

  • Realice a elección do tamaño ó serán, cando o pé está dilatado trala actividade da xornada, ou ben despois dunha camiñada de 20 minutos. Deste xeito, os seus pés estarán nas mesmas condicións que despois de realizar unha marcha curta.
  • Probe as botas ou tenis co tipo de calcetín que utiliza normalmente para camiñar. Teña en conta que un bo calcetín é primordial para acadar o máximo rendemento do calzado. Elíxaos sen costura, evitará abrasións e rozaduras na actividade física.
  • Se é posible, probe o calzado subindo e baixando por unha rampla, xa que o seu comportamento en terreo chan é moi distinto do que vai atopar nas súas saídas, onde os desniveis serán habituais. Deste xeito, o pé desprazarase de xeito natural e poderá detectar a folgura e as posibles futuras molestias.

Comodidade ante todo

  • Probe o número que calza habitualmente e un máis para comparar a comodidade e o axuste entre un e outro. Se non ten a seguridade de que o calzado que ten diante é da talla adecuada, probe outras botas das mesmas características pero doutros fabricantes.
  • Comprobe que o talón estea ben calzado, que o dedo gordo non se monta nos demais e que estes se poden mover (máis ou menos un centímetro entre o dedo gordo e a punteira), o ideal é un cuarto de talla máis da que usa normalmente. Probe as dúas botas e elixa tomando como referencia o pé máis longo.
Radiografía da bota
  • Elixa unha bota ou un tenis de empeña suave e lixeiramente elástica na parte dianteira, para que os dedos se abran naturalmente. A parte traseira debe ser máis ríxida, lixeiramente máis alta no talón, para aumentar o ángulo que se forma entre o pé e a perna no momento en que comeza o empuxe e así soster o nocello.
  • Préstelle atención á sola. Para terreos naturais elixa solas con sucos profundos que permitan que a materia que pise poida evacuarse correctamente; en asfalto, madeira ou materiais sintéticos, os sucos poden ser menos profundos, e en campos de herba ou similar, os tacos (de goma ou aluminio) son o máis recomendable.
  • O talón do pé axustarase á base do calzado, ofrecendo unha fixación total contra o canteo do nocello.
  • A punta debe permitir que o movemento producido ó andar non dificulte a rega sanguínea e comodidade dos dedos.
  • As costuras non deben causar rozaduras nos pés e deben estar confeccionadas con material flexible para que, ó andar, se apoie todo o pé, desde o talón ata os dedos. Na parte de atrás ten que haber unha fendedura para evitar danos no tendón de Aquiles.
  • Decídase por un material que transpire, como o coiro ou a malla de nailon.
  • Ate ben as botas. O abrochamento debe quedar situado sobre a empeña, para evitar que o aumento do volume do pé co exercicio lesione os tendóns superficiais da zona, amais de ser firme, pero sen impedir a correcta circulación sanguínea.