Implantes, novas raíces para recuperar o sorriso

O corpo non os rexeita, pero o éxito da operación depende da boa saúde da nosa boca
1 Setembro de 2011
Img salud

Implantes, novas raíces para recuperar o sorriso

Non é un problema relacionado nin coa avanzada idade nin tampouco co sexo da persoa -home ou muller-. Calquera ao longo da súa vida pode perder un ou varios dentes. Na actualidade, a colocación de implantes permite recuperar as pezas e volver sorrir sen complexos, aínda que o éxito deste tratamento depende de que realice sobre unha boa base, é dicir, unha boca saudable, libre de inflamacións, infeccións ou enfermidades das enxivas.

Un dente por outro

Os implantes dentais son a base sobre a que se poden asentar coroas ou próteses para substituír os dentes que se perderon. Cada un dos implantes, que se ancoran no óso dos maxilares e que están rodeados polas enxivas coma se fosen dentes, actúa como un substituto da raíz dental. Na actualidade, convertéronse nun dos tratamentos máis resolutivos para substituír os dentes perdidos.

Cando unha persoa perdeu todas as súas pezas dentais, pode ter problemas para reter a prótese convencional (ou dentadura postiza) e experimentar perdas funcionais. O tratamento con implantes pódeo axudar a recuperalas, cun resultado natural.

Agora ben, o seu prezo varía moito, xa que hai un amplo abano de opcións terapéuticas, e depende do número e tipo de implantes que se coloquen, do tratamento restaurador que se aplique e da prótese que se utilice sobre eles, tal e como asegura a Sociedade Española de Periodoncia (SEPA). Como acontece coa maioría de tratamentos odontolóxicos, en España os implantes dentais non están cubertos pola Seguridade Social, aínda que noutros países, como en Suecia, o Estado cóbrelle ao paciente parte dos gastos xerados polo tratamento.

No tocante á tipoloxía de implantes, convén advertir que é ampla; hai moitas clases de implantes, aínda que a maioría se elaboran de titanio quimicamente puro. E o máis importante: non todos os implantes teñen a mesma porcentaxe de éxito, xa que as empresas fabricantes seguen distintos estándares de calidade e investigación. Por iso, ao compararmos os orzamentos, non só debemos fixarnos no prezo, senón tamén nas características propias do tipo de implante proposto.

O prezo que se paga tamén depende do tipo de prótese que se coloca. Non é comparable o prezo dunha prótese completa removible do maxilar inferior suxeita por dous implantes ca unha prótese de porcelana sobre oito implantes. En ambos os dous casos o número de dentes que se vai repor é o mesmo, pero a solución de tratamento é diferente. Por iso é importante falar co profesional que vaia realizar o tratamento e coñecer as diferentes alternativas para cada caso concreto.

Por que son necesarios?

O principal motivo polo que se requiren implantes é a perda total ou parcial dos dentes. As máis frecuentes son as ocasionadas pola periodontite (antes denominada piorrea), a carie dental e os traumatismos.

Un terzo das persoas entre 35 e 45 anos sofren periodontite e preto da metade da poboación padécea a partir dos 65 anos, segundo datos da SEPA. Esta enfermidade está producida por bacterias que actúan en persoas cunha predisposición xenética a padecer a enfermidade, e o desenlace final, se non se trata de xeito axeitado, é a perda dos dentes. Outras teñen unha maior tendencia a padecer carie por mor de malos hábitos hixiénicos e unha dieta inadecuada.

Por ambas as dúas razóns, hai persoas con máis risco de perder os dentes e, polo tanto, de necesitar implantes. Así e todo, polo de agora non hai ningún estudo epidemiolóxico en España que permita saber de xeito atinado que porcentaxe de persoas leva implantes e cales son as súas características. Sábese, non obstante, que as persoas de máis idade e mais as que sofren periodontite teñen unha maior probabilidade de perderen os dentes e de seren candidatas a repolos mediante implantes. Outra evidencia é que os avances nas técnicas cirúrxicas dos implantes e das próteses fan que a súa utilización aumente día a día.

A saúde previa, un requisito indispensable

Calquera persoa pode precisar substituír un dente ou moa ao longo da súa vida e sempre que se propón a súa reposición mediante un tratamento con implantes o odontólogo realiza unha avaliación da súa saúde xeral e bucal. Convén saber que ante casos de enfermidades xerais mal controladas, como a diabete, enfermidades infecciosas e inflamatorias na boca, como a xenxivite ou periodontite, non é posible colocar implantes. Estes procesos, ao igual ca a carie, cómpre tratalos previamente e, así que se colocan os implantes, hai que seguir un tratamento de mantemento. De non facelo, poríase en risco o éxito, inmediato ou a longo prazo, dos implantes.

Ademais, antes dun tratamento con implantes, cómpre examinar a oclusión ou xeito de morder dos dentes remanentes e, sobre todo, realizar un estudo radiográfico para determinar a cantidade e posición do óso que queda para ancorar os implantes, xa que tampouco se pode realizar este tratamento en pacientes que carecen de óso na boca. Neste último suposto, aplícanse as técnicas pertinentes para reconstruílo.

Tratamentos de éxito

O 95% dos tratamentos con implantes dentais son exitosos, segundo datos desta sociedade española. Isto significa que se unen ao óso, é dicir, osteoíntegranse axeitadamente ao óso, o que permite colocar sobre eles as coroas que substitúen os dentes perdidos. Os pacientes fumadores rexistran un maior risco de que non se produza esta osteointegración e de que os tratamentos fracasen. Nestes casos hai que retiralos e, se as condicións o permiten, volver colocar outros implantes. Pero non existe o rexeitamento, é dicir, unha reacción do organismo para defenderse do corpo estraño introducido.

No resultado exitoso dos implantes inflúe unha coidadosa planificación previa. A intervención para colocalos é indolora, xa que se adoita realizar con anestesia local, do mesmo tipo ca a utilizada para unha extracción ou un empaste. Ademais, cando os pacientes teñen máis tendencia a pórse nerviosos, ou en tratamentos longos, adminístraselles algún tranquilizante antes ou realízaselles o tratamento con sedación e, moi poucas veces, baixo anestesia xeral.

Os implantes necesitan unirse solidamente ao óso para que soporten axeitadamente as próteses ou pezas dentais artificiais que se colocan despois sobre eles. Por iso, poden transcorrer entre dous e seis meses entre a colocación do implante e a da prótese, aínda que en ocasións se pode efectuar na mesma sesión. Durante o tempo de espera o paciente pode levar unha prótese provisional. Tras a cirurxía pode haber diversos graos de inflamación. E, aínda que os implantes raramente producen dor, prescríbense antiinflamatorios e antibióticos que se deben tomar nos días posteriores á intervención para evitar posibles molestias ou infeccións.

No que atinxe á alimentación, non ocasiona problemas sempre e cando o paciente non teña dentes remanentes. Pero se está totalmente desdentado e a colocación da prótese non é inmediata, pode usar as súas próteses convencionais e evitar comer alimentos duros.

Beneficios e limitacións dos implantes

As vantaxes dos implantes fronte ás dentaduras postizas tradicionais e outras solucións odontolóxicas residen en que permiten obter a sensación e funcionalidade dun dente natural, sen necesidade de ter un apoio sobre as pezas contiguas. Respecto ás próteses convencionais, que se usan para substituíren os dentes sen a colocación de implantes, se son fixas é preciso “tallar” ou reducir os dentes adxacentes. Cando a prótese é removible (de quitar e pór) precísase un gancho ou “retedor” nos dentes. Se o paciente xa non ten ningún dente, o uso de implantes fai que as próteses se movan menos ao comer ou ao facer un movemento, e tamén evita o uso de adhesivos ou pegamentos.

Outro aspecto importante é que os implantes acaban formando parte dos pacientes que os levan e, por esta razón, requiren os mesmos coidados ca os dentes naturais. Polo tanto, a idea de extraer os dentes naturais pensando en que xa non se van ter máis problemas é totalmente falsa. Unha mala hixiene bucal aumenta ata catorce veces o risco de perder os implantes. De aí que as persoas que os levan deban ter coidados periódicos por parte do dentista e someterse a revisións cada seis meses. Estes controis son necesarios para evitar a perda dos implantes ao longo do tempo, o que pode acontecer se non se realiza un mantemento periódico tanto dos compoñentes da prótese coma dos tecidos que rodean o implante (enxiva e óso subxacente). Nestas revisións, prevéñense as enfermidades periimplantarias, como a periimplantite, producida por bacterias situadas na enxiva que rodea o implante, e que pode causar a perda do óso que suxeita o implante; ao igual que a periodontite destrúe o óso que suxeita aos dentes. O sangrado das enxivas arredor de dentes ou implantes pode indicar que se iniciou un destes procesos, aínda que a miúdo son asintomáticos. De aí a importancia das revisións, para detectalos canto antes.

Para os que levan implantes
  1. Cepillar os dentes polo menos dúas veces ao día e ser moi disciplinado coa hixiene bucodental, e incluír a seda dental ou outros dispositivos para realizar a limpeza interdental.
  2. Se se é fumador, convén deixalo, xa que este mal hábito afecta á saúde bucodental.
  3. Evitar na medida do posible apertar os dentes ou facelos chiar. De se padecer bruxismo hai que acudir ás revisións odontolóxicas.
  4. Non esquecer visitar o dentista cada seis meses: Para reforzar a prevención de enfermidades bucais e tratar os dentes. Para evitar complicacións maiores ou tratamentos máis custosos.Para controlar os implantes e evitar enfermidades peri-implantarias.

Fonte: Núria Vallcorba, periodoncista e presidenta da SEPA, e David Herrera, vicepresidente da SEPA.