Ictericia neonatal / A contaminación / O optimismo / Enfermidades cardíacas e sobrealimentación na infancia / A depresión debilita os ósos / Joaquim Mullol

1 Abril de 2007

Ictericia neonatal / A contaminación / O optimismo / Enfermidades cardíacas e sobrealimentación na infancia / A depresión debilita os ósos / Joaquim Mullol

En catro palabras

/imgs/20070401/img.salud-2.01.jpg

Ictericia neonatal:
A ictericia é unha descoloración amarelada de pel e ollos que aparece pola acumulación da bilirrubina, un pigmento que se atopa na bile, en sangue. Prodúcese aproximadamente no 50% dos nenos acabados de nacer, adoita desaparecer sen tratamento e, en principio, non afecta á saúde do bebé. Se a ictericia persiste practícase unha análise aos cinco días de vida, momento en que os niveis de bilirrubina son máis altos, para detectar a tempo os casos máis graves, que poden ocasionar danos cerebrais.

O que avisa non é traidor


A contaminación pode causar afeccións cardíacas e cerebrovasculares

Vivir nun ámbito contaminado afecta seriamente á saúde. Un estudo publicado no New England Journal revela que as mulleres que viven en grandes cidades teñen máis posibilidades de sufrir afeccións cardíacas e accidentes cerebrovasculares ca as que viven en lugares libres de polución. O estudo, realizado por expertos da Universidade de Washington, afirma que as emanacións tóxicas que producen a adhesión de partículas contaminantes ao osíxeno que respiramos van en aumento e afectan seriamente a saúde, especialmente en mulleres posmenopáusicas. Cada vez que a concentración de substancias tóxicas, medida en microgramos por metro cúbico de aire, aumenta un 10%, o risco de padecer afeccións cardiovasculares aumenta nun 76% debido á inflamación das células sanguíneas e dos pulmóns, que favorece a acumulación de graxa e a arterosclerose. Os principais responsables son o ácido sulfúrico e o monóxido de carbono, así como os gases emanados da queima de árbores e combustibles fósiles.


Noticias


O optimismo alonga a vida

/imgs/20070401/img.salud-2.02.jpg As persoas que manteñen unha actitude positiva e non se renden fronte ás adversidades teñen menos posibilidades de morrer como consecuencia de afeccións cardíacas ca os pesimistas. A revista da Clínica Mayo editou o estudo realizado por un grupo de investigadores de Carolina do Norte, nos Estados Unidos, no que analizan a importancia de encarar a vida de maneira positiva. Logo de lles realizaren probas baseadas na análise de antecedentes médicos e test de personalidade a máis de 7.000 adultos dende os anos 70, demostraron que as persoas optimistas teñen ata un 42% menos de posibilidades de padeceren doenzas cardíacas e de morreren por esa causa ca os que sempre o ven todo negro.


Enfermidades cardíacas e sobrealimentación na infancia

/imgs/20070401/img.salud-2.03.jpg Os nenos que nacen cun baixo peso teñen maior risco de desenvolver enfermidades cardíacas na idade adulta, segundo afirma un grupo de investigadores ingleses nun traballo publicado na revista Circulation. Os autores sosteñen que adoptar unha dieta máis rica en calorías para estes nenos co fin de recuperar peso e desenvolvemento corporal pode aumentar o risco de hipertensión que, á súa vez, está relacionado cun maior risco de desenvolvemento de enfermidades coronarias na idade adulta. Os científicos comprobaron en nenos de seis e oito anos que naceran con pouco peso e que recibiran sobrealimentación que tiñan a presión arterial máis alta ca os que seguiron unha alimentación normal.


A depresión debilita os ósos

Manter un bo ánimo sempre é saudable, e non só para a mente. Científicos israelís da Universidade Hebrea de Xerusalén realizaron un estudo que revela que a depresión pode debilitar os ósos e que os fármacos destinados a combatela poderían ser eficaces para tratar a osteoporose. A razón: a depresión causa a liberación dunha substancia química, a noradrenalina, que dana as células que forman os ósos. Os antidepresivos poden bloquear a saída desta substancia e reverter os seus efectos negativos. Aos ratos empregados no experimento administráronselles fármacos para inducir un comportamento como o da depresión humana; os ratos perderon masa ósea, sobre todo na cadeira e na columna vertebral. Tras detectar estes efectos negativos, inoculáronse antidepresivos, que produciron maior actividade e un aumento considerable da densidade ósea.


Entrevista


Joaquim Mullol, coordinador da Unidade de Rinoloxía, do Hospital Clínic de Barcelona

«As mulleres identifican mellor os cheiros ca os homes»

/imgs/20070401/img.salud-2.04.jpg Vostede evita que os pacientes perdan o olfacto. Para o que hai que ulir… Probe a non ulir e pensará doutro xeito. Non poder sentir o cheiro dun fillo ou dun ser amado produce unha enorme frustración. Doutra banda, os trastornos do olfacto poden estar detrás dalgunhas explosións de gas en edificios urbanos. Cada ano, milleiros de persoas desenvolven problemas co sentido do olfacto. Sei de pacientes con auténticas depresións motivadas por unha incapacidade total (anosmia) ou parcial (hiposmia) de ulir.

Ten narices a cousa…
O nariz é importante por moitas razóns. Amais de actuar como instrumento esencial para o olfacto e para o gusto, aloxa o aire inspirado e desprázao despois ata a parte superior do padal, á gorxa e aos pulmóns. Ao seu paso polo nariz, o aire quece, humidifícase e fíltrase.

Como ulimos?
O nariz humano pode chegar a captar ata 10.000 cheiros diferentes. Faino coa axuda de receptores especiais sensibles ás moléculas do olor que viaxan polo aire. Hai polo menos vinte tipos distintos de receptores e cada un ten a capacidade de percibir unha determinada clase de moléculas de olor.

E como deixamos de ulir?
Os factores desencadeantes máis comúns son as infeccións das vías respiratorias superiores e os traumatismos craneoencefálicos.

Máis cousas…
Os científicos atoparon que o sentido do olfacto comeza a diminuír franqueada a sexta década de vida. As mulleres, a todas as idades, identifican mellor os cheiros ca os homes e, por circunstancias que aínda descoñecemos, os fumadores (contra o que cabería pensar) teñen mellor olfacto ca os non fumadores…