A saúde da pel

Herpes labial: sen perder o sorriso

Non reviste gravidade, salvo en nenos pequenos ou persoas inmunodeprimidas, pero é molesto e ata doloroso para quen o padece
1 Febreiro de 2011
Img salud listado 725

Herpes labial: sen perder o sorriso

Cando menos a esperas, unha antiestética quentura asoma nos labios. Malia a que o saber popular a coñece por este nome, trátase dun herpes labial, un dos herpes simples que afectan ao ser humano. Hai estudos que sinalan que preto do 90% da poboación é portadora do virus causante, aínda que moitos non o notaran nunca. A miúdo evoluciona e chega a sandar espontaneamente, pero algúns remedios dan mellorado o seu aspecto e acelerado, aínda que pouco, a súa curación. Dende as sociedades científicas lánzanse algúns consellos para previr o desenvolvemento das súas lesións. O herpes simple é unha infección vírica que pode causar lesións nos labios e nos xenitais. En ambos os dous casos, están producidas polo mesmo virus do herpes simple, aínda que por dúas variantes distintas: a forma labial está causada polo herpes 1 (VHS-1) e a do xenital polo herpes 2 (VHS-2).

Lesións e zonas afectadas

Por norma xeral, antes de que apareza o herpes labial nótase unha sensación de comechón, formigo e arrubiamento na zona. Despois, saen unhas pequenas bochas ou vesículas cheas dun líquido transparente e que poden estar acompañadas por unha inflamación dos ganglios do pescozo. Estas vesículas vanse secando e, logo de adquiriren un ton amarelado, acaban formando unhas bostelas que caen e que non adoitan producir cicatrices. En xeral, o herpes labial sanda por si só nunha ou dúas semanas sen deixar sinais, aínda que, nalgúns casos, a pel da rexión herpética pode quedar algo máis sensible. Esta afectación nada ten que ver co temido herpes zóster, tamén chamado popularmente como “culebriña”, causado polo virus da varíola e que se desenvolve en partes do corpo distintas ás do herpes simple, e que produce unha gran dor.

A localización máis frecuente do herpes labial é nos labios ou zonas adxacentes da cara, xa que tamén pode aparecer no nariz, nas meixelas e nas pálpebras, con outras peculiaridades e ata en calquera outra área da pel ou das mucosas. Esta infección non adoita ser grave a menos que afecte a bebés acabados de nacer, a persoas inmunodeprimidas ou que se estenda cara aos ollos ou zonas próximas a eles, xa que pode provocar unha infección corneal.

Intermitente e contaxioso

O herpes labial é moi común. De feito, a maioría da poboación teno dende a infancia, aínda que non o notara nunca. Estimacións de diferentes estudos indican que o ten ata o 70% da poboación. A porcentaxe de afectados aínda podería ser moito maior: o 90% da poboación sería portadora do virus do herpes simple na infancia, antes dos 4 ou 5 anos.

Despois da nenez, unha vez instaurado no organismo, o virus do herpes simple non desaparece, senón que, tras o primeiro brote, permanece nel nun estado de latencia ou adormecido e reactívase de cando en vez ao longo da vida. A partir de entón, a súa presenza e os seus síntomas dependen da inmunidade de cada persoa. O herpes é, pois, un virus recorrente, é dicir, que persiste de forma crónica, e que se manifesta de xeito intermitente. Isto significa que hai persoas que, sendo portadoras, teñen máis posibilidades de se defenderen fronte a el e que, polo tanto, presentan menos brotes herpéticos, mentres que outras son máis febles e calquera cambio que experimenta o seu organismo serve para que o herpes rexermole.

Entre os cambios que favorecen a súa aparición figuran a menstruación, o estrés, a exposición continuada ao sol e as queimaduras solares, a práctica do exercicio intenso, pequenos traumas nos labios por mordelos repetidamente e, en xeral, todas as circunstancias que implican unha diminución das defensas do organismo. Coñécense popularmente como quentaduras xa que as lesións xorden a miúdo tanto a raíz dos episodios febrís como despois de tomar o sol.

Amais destes factores, o herpes labial contáxiase a través da saliva, polo que se pode contraer tras estar en contacto cunha persoa portadora. O virus resulta máis contaxioso cando se atopa na súa fase activa. De aí que se insista en non bicar os nenos durante ela. Non obstante, esta capacidade de transmisión non debe converterse nunha obsesión para as persoas que o padecen, posto que a maioría da poboación, aínda que non o saiba está infectada por este molesto virus.

Os nenos, vítimas da xenxivoestomatite

Normalmente, o herpes simple non dá síntomas e pasa desapercibido para unha boa parte das persoas infectadas. Pero existe un tipo de herpes labial que provoca numerosas molestias a primeira vez que se manifesta, xa que non só sae nos labios, senón que pode espallarse cara ao seu interior da cavidade bucal ata a lingua. Este tipo de herpes denomínase xenxivoestomatite herpética: dura entre unha e dous semanas e afecta a nenos de entre 6 meses e 5 anos.

Nestes casos, o virus provoca moitas molestias: febre alta, babas, inflamación das enxivas (xenxivite), que mesmo poden sangrar, mal alento e bochas ou úlceras dolorosas nos labios, na mucosa bucal e na lingua que poden ocasionar dificultades para comer.

O tratamento: segundo a fase

O herpes simple evoluciona en poucos días e desaparece espontaneamente, sen necesidade de tratalo. Non obstante, hai dispoñibles algúns produtos e tratamentos que aceleran a curación das lesións herpéticas, aínda que con resultados discretos.

Na fase inicial do herpes, cando aparece como vesículas ou bochas cheas líquido, débense utilizar antisépticos para limpalas e secalas. Para iso, recoméndase lavalas con auga e xabón. Despois, aplicar algunha solución de vaselina ou algunha crema similar. Un dos antisépticos que se poden utilizar nos primeiros momentos é o alcohol, con pequenos toques cun algodonciño sobre a lesión pero con moderación.

Outra opción para secar as bochas é aplicar unha loción que se prepara mesturando 1 gramo de sulfato de cobre ou sulfato de cinc que se vende na farmacia cun litro de auga da billa. A continuación, empápase con ela un pano ou gasa e aplícase tres veces ao día sobre as bochas, durante dez minutos, ata que se convertan en bostelas.

Tamén hai cremas que incorporan antivirais, aínda que o seu prezo é elevado en comparación cos beneficios que ofrecen. Realizáronse estudos con algunhas pomadas que inclúen penciclovir e os resultados sinalan que só acurtan de xeito lixeiro o brote das lesións, arredor dunhas horas ou dun día, polo que algúns dermatólogos non as recomendan. Unicamente nos casos de inmunodeficiencias severas é preciso utilizar tratamentos antivirais con pastillas, con compostos como o aciclovir (que tamén está dispoñible en crema). Outros fármacos dispoñibles en pastillas son famciclovir (que é a forma en comprimido da crema tópica con penciclovir) e valaciclovir.

As persoas que padecen xenxivoestomatite poden aliviar a febre e a dor con medicamentos como o paracetamol ou o ibuprofeno, pola súa dobre acción antitérmica e analxésica.

Consellos para persoas con herpes labial
  1. Manter a zona das lesións limpa, non a manipular e, de facelo, lavar ben as mans antes e despois de facelo.
  2. Non compartir vasos nin cubertos para evitar posibles contaxios.
  3. Non bicar aos nenos nin ás persoas que non tiveran nunca herpes.
  4. Non hai medidas de prevención, salvo evitar o contacto coa saliva, polo que se deben controlar os factores que poden influír na súa aparición, como aprender a manexar o estrés.
  5. Cada persoa debe estudar as súas propias tendencias e observar que circunstancias son máis propicias para que lle saia un herpes labial.
  6. Se o factor que favorece a reactivación do virus é o sol, débese utilizar un protector solar elevado nos beizos no verán e mais no inverno.
  7. Se os brotes se repiten, con polo menos seis brotes ao ano, o mellor é consultar o dermatólogo.
  8. Evitar que os nenos con xenxivoestomatite acudan á escola ata que as lesións do herpes se convertan en bostelas.
  9. Para aliviar a xenxivoestomatite, os máis cativos deben tomar alimentos fríos e bos de tragar, como purés e papas. Convén evitar os alimentos ácidos, como os cítricos, e demasiado salgados e beber líquidos en abundancia.

Fonte: Unidade 12 e Aurora Guerra, xefe de Sección de Dermatoloxía do Hospital Doce de Outubro de Madrid, profesora titular da Universidade Complutense de Madrid e membro da Asociación Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), Guía Práctica da Saúde de Semfyc e AEPAP