Vantaxes psicolóxicas do deporte na xente nova

Exercitar os músculos sociais

Ben utilizado, o deporte contribúe ao desenvolvemento psicolóxico e social de nenos e adolescentes
1 Xuño de 2009
Img interiormente listado 363

Exercitar os músculos sociais

Mentres que os adultos atopan no deporte unha vía para controlar o peso e un xeito de manter unha vida saudable, para os rapaces e adolescentes o deporte en equipo pode ser un modo de socialización e integración. Practicado dun xeito san, o deporte facilita as relacións humanas nun contexto lúdico e permite aumentar a autoestima e a seguridade en un mesmo. Así e todo, pais e profesionais deben procurar que os mozos entendan esta práctica deportiva como un xogo e non como un sistema para fomentar a competitividade.

Menores con dificultades para se relacionaren

Os nenos que non destacan na escola polas súas habilidades de trato cos demais compañeiros poden atopar no deporte a oportunidade de se relacionaren con persoas diferentes nun contexto informal e divertido. Practicar exercicio en grupo facilita a relación entre os menores e a súa colaboración mutua para acadar un obxectivo común. Deste xeito ráchanse as barreiras de comunicación para moitos nenos e adolescentes introvertidos ou tímidos que non gozan da complicidade e aceptación dos seus compañeiros.

Nestes casos recoméndase practicar deportes en equipo, tendo en conta as seguintes consideracións:

  • Estar atentos de que se trata dun equipo no que prima o bo ambiente e a colaboración entre compañeiros.
  • Comprobar que o menor se leva ben cos demais e que iso facilita a súa integración e desenvolvemento de habilidades sociais.
  • Asegurarse de que non é discriminado dentro do equipo, nin por parte dos seus compañeiros nin polo adestrador.
  • Comprobar que os nenos máis retraídos participan a gusto no equipo e que o pasan ben coa actividade, xa que pode acontecer que se sintan incómodos e non o expresen.
  • Evitar os cambios de equipo sen o consentimento do menor.
  • Os rapaces moi tímidos adáptanse con máis facilidade a un grupo novo de persoas se xa coñecen a alguén de confianza dentro do equipo.

Os deportes individuais non se centran tanto en desenvolver a colaboración entre compañeiros, pero achegan outras vantaxes e cuestións que cómpre ter en conta:

  • As persoas máis tímidas séntense máis cómodas en actividades deportivas nas que non participe un gran número de persoas.
  • Moitos nenos e adolescentes desenvólvense e renden mellor cando non dependen dos demais.
  • Os deportes individuais ofrecen máis oportunidades para fomentar a autonomía e a creatividade, o que aumenta a confianza en un mesmo.
  • Aos mozos máis impulsivos e transgresores coas normas, discriminados no contexto dun equipo, favorécelles depender só deles mesmos, aínda que reciban atención individualizada por parte do adestrador.
  • Se o deporte polo que se inclina o menor é individual, é importante que parte da actividade se desenvolva en grupo; deste xeito promoverase unha mínima socialización a partir de xogos colectivos.
  • Os pais son os responsables de axudar a dixerir os erros ou as derrotas se se practica exercicio de xeito individual, xa que o menor que non conta con equipo que o apoie ante as dificultades pódese sentir sobrecargado.
  • Aos menores máis extrovertidos non lles conveñen os deportes individuais, xa que poderían aburrirse con facilidade e deixar de practicalos.

Menores con problemas de autoestima

O exercicio pode ser moi beneficioso para os menores con problemas de confianza e malos resultados académicos. A actividade deportiva permítelles pór en práctica outras habilidades fóra do contexto escolar e desenvolverse nun contorno no que se senten en igualdade de condicións con respecto aos seus compañeiros.

Mediante o deporte mellórase a percepción de un mesmo cando se descobren calidades descoñecidas como resultado de practicalo día a día. Perfeccionadas as capacidades físicas, o menor gaña confianza, aínda que sexa nun terreo diferente ao rendemento intelectual. Ademais, ante os acertos deportivos, os pais teñen a oportunidade de reforzar a súa autoestima e aproveitar para aprenderlles a tolerar o erro e a derrota evitando o dramatismo e a perda de confianza. O deporte facilita que o cerebro estea máis activo, polo que axuda á concentración e, de xeito indirecto, a favorecer o rendemento escolar.

O deporte para fomentar valores educativos

Os deportes en equipo fomentan valores educativos útiles para o desenvolvemento infantil-xuvenil. Sentirse parte dun grupo facilita o desenvolvemento de valores como a xenerosidade e o compañeirismo, á vez que permite aprender a compartir experiencias como a ledicia e a decepción cos compañeiros. Por iso, os nenos e adolescentes máis rebeldes e con dificultades para seguiren as normas atopan a oportunidade de fomentar a tolerancia á frustración ao se veren obrigados a ceder ante as indicacións dun líder -representado pola figura do adestrador- e a non actuar de xeito impulsiva segundo os seus desexos.

O deporte tamén fomenta a responsabilidade, xa que ensina a mellorar a partir dos propios erros, e os menores perciben que controlan a súa evolución como persoas. Ademais, seguir un horario de adestramento e cumprir cos compromisos deportivos -disciplina- tamén axuda.

O deporte non o é todo

Os adultos, tanto os pais como os adestradores, deben asegurarse de que o deporte inflúa de xeito positivo nos menores. Un aspecto que cómpre ter en conta, sobre todo cando se trata de deportes que implican competición, nos que o resultado pode xerar frustracións difíciles de asimilar para persoas moi noviñas. Pero non é o único elemento que se debe controlar. Débese constatar que o deporte elixido non fomente a discriminación. En numerosas ocasións, só destacan algúns dos integrantes do grupo e déixanse nun segundo lugar os que mostran menos habilidades. Esta é unha práctica prexudicial para quen sofre dunha baixa autoestima con respecto ao resto de compañeiros.

Os pais e adestradores deberán estar atentos ás seguintes cuestións:

  • Reforzar aspectos como a deportividade, o respecto, o esforzo realizado e o espírito de superación ante resultados negativos.
  • Evitar unha mentalidade perfeccionista e obsesiva para render a un nivel óptimo que carrexe frustracións constantes.
  • Considerar a práctica doutra actividade se se observa que a autoesixencia excesiva prexudica ao menor.
  • Adestradores e pais deben centrarse o xusto no resultado competitivo para evitar que o menor só estea satisfeito cando gaña.
  • Valorar sempre o positivo de cada evento, sen alterarse polos erros que se puideran cometer.
  • Asegurarse de que o deporte é unha actividade na que se goza para evitar o estrés e o abandono prematuro.
  • Os adultos que se atopan implicados na actividade deportiva deben dar exemplo coa súa actitude e non ser un modelo negativo.
  • Os adultos nunca deberán preguntar polo resultado dun partido ou competición, senón que teñen que interesarse por se o pasaron ben ou non.
  • Cando os adolescentes xa non renden abondo como para continuaren a súa traxectoria en equipos de maior nivel e se ven obrigados a deixar o deporte que ocupou o seu tempo libre e ao que dedicaron tanto esforzo, débense buscar alternativas para non abandonar as bondades de practicar un deporte.