Hipersudoración

Exceso de suor que traumatiza

1 Xullo de 2004

Exceso de suor que traumatiza

A suor forma parte do mecanismo que nos permite adaptarnos ás flutuacións ambientais de temperatura. Aínda que en condicións normais só deberiamos suar en exceso se practicamos deporte ou sufrimos unha calor desmedida, hai persoas cunha transpiración moi intensa en calquera circunstancia. As súas mans, axilas, rostro e cranio parecen constantemente enchoupados, ata o extremo de que a suor é para estas persoas unha traba que condiciona a súa vida social, laboral e afectiva. A hiperhidrose ou produción excesiva de suor é un trastorno traumático para quen o padece, e non ten nada que ver cunha hixiene deficiente.

Que é a suor?

A suor é un líquido composto por auga, sales minerais e outras substancias, producido polas glándulas sudoríparas que se atopan situadas no tecido subcutáneo, por debaixo da derme. Nalgunhas ocasións tamén está formado por substancias aromáticas, xa que tras comer allo ou sardiñas a suor pode adquirir este olor.

Temos tres tipos de glándulas sudoríparas, distribuídas por toda a superficie corporal: ecrinas, apocrinas ou apoecrinas. As ecrinas son as que teñen máis participación na termorregulación e atópanse distribuídas por toda a pel agás nos labios menores, clítoris, labios e conduto auditivo externo. Contrariamente ó que se acostuma pensar, as zonas con maior profusión non son as axilas, senón o dorso da man e as xemas dos dedos, onde podemos chegar a ter ata setecentas glándulas por centímetro cadrado. Dispomos entre 3 e 4 millóns destas glándulas, capaces de producir cerca de 600 mililitros de suor por hora se son sometidas a altas temperaturas, aínda que en deportistas de alto rendemento poden producir ata 2 ou máis litros. As apocrinas segregan un fluído denso e no ser humano localízanse en axilas, tetos, perineo, ó redor do ano e no conduto auditivo externo. Son as responsables do olor corporal de cada persoa e nos animais xogan un papel primordial na comunicación olfactiva, e por iso as teñen por todo o corpo. Teñen relación coa sudoración producida por causas emocionais como a ansiedade ou a tensión. As apoecrinas teñen unhas características intermedias entre as dúas anteriores e nos humanos atópanse fundamentalmente nas axilas.

Para que suamos?

Suar é unha necesidade fisiolóxica cando vai calor. Os animais homotermos, entre eles os humanos, mantemos a nosa temperatura constante dentro duns límites grazas ó metabolismo e á existencia de mecanismos termorreguladores que axustan as flutuacións de calor e frío do organismo. Neste mecanismo participan o sistema nervioso, o aparato cardiovascular e o endócrino, e a sudoración xoga un papel fundamental. Esta capacidade de manter a temperatura constante é exclusiva dos mamíferos e das aves. O resto de animais son poiquilotermos, o que significa que a súa capacidade de adaptar a temperatura corporal é moi reducida e están suxeitos ás variacións do ambiente. Precisamente esa capacidade dos mamíferos para manter unha temperatura constante constitúe unha gran vantaxe adaptativa que lles permite realizar unha actividade normal independentemente da temperatura ambiental.

A función da suor é regular a temperatura corporal, xa que cando se evapora da nosa pel reduce o exceso de calor. Tamén intervén na eliminación de substancias nocivas para a saúde. Normalmente suamos algo máis dun litro ó día en condicións de repouso, que aumenta ata un litro por hora se realizamos algún exercicio. Os deportistas de elite, como boxeadores ou futbolistas, poden chegar ós catro ou cinco litros por hora. Sen embargo, esta cantidade non é estable ó longo da vida, xa que os nenos e os anciáns súan menos cós adultos. A razón hai que buscala no grao de madurez das fibras do sistema nervioso simpático – que regula as funcións automáticas como a sudoración, o pulso, a respiración e a salivación -, que non están suficientemente desenvolvidas na infancia e se van perdendo a medida que avellentamos. Factores externos como a temperatura ambiente e a humidade tamén inflúen.

Trastornos relacionados coa suor

Cando se súa excesivamente fálase de hiperhidrose, produción excesiva de suor, que pode ser xeneralizada -ou sistémica- e localizada. A hiperhidrose sistémica obsérvase en moitas circunstancias: embarazo, obesidade, menopausa, ansiedade, hipertiroidismo, consumo de alcohol ou de opiáceos, e tamén en moitas enfermidades, como tumores, infeccións…
Pero a que máis problemas xera é a hiperhidrose localizada, tamén denominada emocional porque se desencadea por estímulos tensionantes e emocionais. Afecta as palmas das mans, plantas dos pés, axilas e á rexión craniofacial. Ignórase o que a ocasiona e pénsase que é unha hiperactividade do sistema vexetativo simpático. Padécena unha de cada 10.000 persoas e polo xeral maniféstase xa na infancia e persiste case sempre durante toda a vida. Na metade dos casos hai un factor desencadeante, polo xeral de tipo emocional, aínda que tamén pode xeralo a calor, o exercicio físico ou a alimentación. A hiperhidrose localizada desaparece pola noite.
Na afección plantar orixina mal olor, bochas, maceración da pel, infeccións locais, micose e deteriora os calcetíns e o calzado. A axilar humedece a zona, irrítaa, tamén produce mal olor e deteriora a roupa. O tratamento local mellóraa pero non consegue eliminala totalmente. A craniofacial caracterízase por unha sudoración excesiva de fronte e cara, desencadéase tras unha tensión mínima e os que a padecen vense obrigados a estar secando a cara continuamente. Para quen utiliza cosméticos, maquillaxes, é un problema serio.
A hiperhidrose palmar é un verdadeiro problema social para o que a sofre, sobre todo as formas graves e se se trata dun cargo público, representantes, dependentes, pintores, debuxantes… As persoas afectadas poden volverse retraídas, evitan dar a man e mesmo chegan a fuxir da vida social.

Tratamento

O tratamento destas afeccións non é fácil. Nos casos máis leves recórrese a produtos de farmacia, de droguería, de aplicación local en axilas ou nos pés. Utilizáronse medicamentos anticolinérxicos por vía oral pero polos seus efectos secundarios (retención urinaria, visión borrosa, sequidade de boca…) foron abandonados. Empréganse tamén preparados coma o cloruro de aluminio hexahidratado en solución alcohólica, sobre todo na forma axilar, pero irrita a pel. O ácido tánico, o glutaraldehido e a formalina ó 1% son tamén eficaces aplicados localmente, pero utilizados durante moito tempo producen hiperpigmentacións da pel.
A temida toxina botulínica, que está sendo utilizada actualmente en moitas afeccións (estrabismo, engurras, patas de galo, distonía cervical…) e que produce un bloqueo da transmisión nerviosa, aplícase tamén no tratamento da hiperhidrose localizada. Inxéctase subcutaneamente e a sintomatoloxía remite nunha semana, pero ten o inconveniente de que reaparece ó cabo duns meses.

Tamén se poden tratar cirurxicamente as formas severas deste trastorno en mans, axilas e rexión craniofacial. A intervención é unha simpatectomía torácica mediante endoscopia, e consiste na sección dalgúns nervios e ganglios da cadea simpática torácica. É unha intervención eficaz, sempre e cando sexa realizada por mans expertas, que require unha hospitalización de só 24 horas. A mortalidade é nula e as complicacións escasas. O resultado desta operación é satisfactorio no 95% dos casos, mentres que no 5% restante hai recidiva ou fracaso, que se atribúe a unha insuficiente extirpación dun ganglio. O principal efecto secundario é a aparición de transpiración noutras partes do corpo, coñecida como sudoración compensatoria, que presentan o 50% das persoas operadas. Agás nalgúns pacientes non acostuma ser moi severa e en moitos casos desaparece espontaneamente.

Recomendacións para quen padece hiperhidrose

  • Utilice roupa de algodón, transpirable, e evite os tecidos sintéticos.
  • Use calcetíns e zapatos porosos, con boa transpiración, e cámbiese a miúdo
  • Dúchese unha ou dúas veces ó día
  • Afeite o pelo axilar
  • Evite a inxestión de café, alcohol e especies picantes
  • Se a suor ten olor desagradable utilice na ducha un xabón líquido con clorhexidina e despois aplíquese un composto de clohidróxido de aluminio

Aparatos milagreiros…

A sudoración dunha área cutánea pode inducirse mediante calor aplicada localmente. Dese xeito funcionan algúns artiluxios profusamente anunciados en TV que, aplicados a unha zona do corpo, provocan sudoración e que, segundo di a súa publicidade, serven para adelgazar a zona. Nada máis enganoso: suar non queima graxas e a diminución de peso que se obtén é por perda de líquidos, algo que non debe facerse, pois os líquidos que se perden pola sudoración hai que repolos para garantir o equilibrio hidrosalino do organismo. Beber cando se súa é unha necesidade.