Reciclar aceite usado: para que e como

Evita o alto poder contaminante deste residuo e serve para elaborar produtos ecolóxicos como biodiésel ou xabóns
1 Setembro de 2010
Img eco domestica listado 393

Reciclar aceite usado: para que e como

O aceite doméstico usado pódese reciclar e esta é unha acción ben sinxela que favorece o ambiente por partida dobre. Amais de evitar que contamine os ríos, os solos ou que prexudique as canalizacións, aprovéitase para crear diversos produtos ecolóxicos, como biodiésel ou xabóns. Se ben aínda queda un longo camiño por percorrer, cada vez máis concellos en España poñen en marcha algún sistema de recollida do aceite usado para a súa posterior reciclaxe. As posibilidades son diversas e, nalgúns casos, orixinais, como cando se combina ecoloxismo, espírito empresarial e solidariedade. Os consumidores son esenciais, tanto para reciclar como para que se implanten nos seus concellos estes sistemas.

Para que serve reciclar o aceite usado

Verter o aceite doméstico usado polo vertedoiro causa un efecto negativo no ambiente. En España, estímase que dous terzos deste residuo acaba nos sumidoiros, de xeito que ocasiona diversos prexuízos: atoamentos nas canalizacións, traballo extra para as plantas de tratamento de augas residuais, aumento de pragas urbanas, etc. Estímase que cada consumidor xera ao ano uns catro litros de aceite doméstico usado. En total, España move uns 180 millóns de litros de aceite vexetal usado anuais.

Se este refugallo chega aos ríos, fórmase unha tona superficial que afecta ao intercambio de osíxeno e que prexudica aos seres vivos do ecosistema. Os cálculos apuntan que un litro de aceite pode contaminar mil litros de auga.

O aceite industrial, como o utilizado na maquinaria pesada ou nos automóbiles, ten aínda peores consecuencias: dous litros dan contaminado a auga dunha piscina olímpica ou a superficie de dous campos de fútbol. O seu elevado contido en metais pesados e a súa baixa biodegradabilidade tórnano unha ameaza para os solos, que poden perder a súa fertilidade, e para as augas, as superficiais e mais as subterráneas, onde pode perdurar ata 15 anos.

Esta contaminación pódese evitar coa reciclaxe, unha práctica ecolóxica que no caso do aceite usado ten moitas posibilidades e beneficios. Por cada litro deste residuo pódese lograr un litro dun biocombustible para motores diésel. A vantaxe é dobre: evítase o seu impacto na natureza e créase unha alternativa para reducir o uso dos combustibles fósiles convencionais.

Diversos sistemas permiten producir este biodiésel ata na casa, pero aconséllase a súa elaboración en plantas industriais específicas para consumilo con plenas garantías, como a de Montmeló (Barcelona), Alcalá de Henares (Madrid), Rograsa (Mérida, Badaxoz) ou Bionor (Berantevilla, Álava).

O aceite usado ten outras moitas saídas. Industrias tan diversas como a química, a cosmética ou a farmacéutica aprovéitanse deste residuo para elaboraren fertilizantes, vernices, cera, cremas, deterxentes, xabóns, lubricantes, pinturas, candeas, etc. Nalgúns concellos, como en Montgai (Lleida), puxeron en marcha un sistema de recollida de aceites usados para a súa posterior transformación en xabóns. Non hai moitos anos aproveitábase nas casas para elaborar xabón caseiro. Hoxe en día, os partidarios dunha limpeza ecolóxica no fogar adquiren este tipo de xabóns ou fanos eles mesmos con sosa cáustica, que se pode adquirir nunha droguería calquera. Iso si, convén realizalo con precaución, xa que é unha substancia moi corrosiva.

Sistemas orixinais de reciclaxe de aceite

Outros concellos puxeron en marcha accións ecolóxicas e solidarias. Na Universidade de Granada entrégaselle o aceite a dúas asociacións, Madre Coraje e Avalón, que o utilizan para axudar a persoas desfavorecidas e a enfermos de sida, respectivamente. En Alhama (Granada), o aceite recóllese para lle dar traballo a persoas en risco de exclusión.

Algúns concellos utilizan os servizos de empresas españolas pioneiras especializadas na recollida e tratamento deste refugallo. O Concello guipuscoano de Mondragón baséase no sistema de eko3r, unha empresa creada na mesma poboación que integra todo o proceso co apoio das novas tecnoloxías. Pola súa banda, os sistemas de empresas como Addom ou Compalsa utilízanse en varios municipios.

En calquera caso, a concienciación dos consumidores é esencial. Amais de levar a reciclar o seu aceite usado, pódeselles solicitar aos responsables institucionais que implanten algún sistema de recollida, como os doutras localidades españolas, ou que melloren o sistema que xa se utiliza. Outra opción é avalar iniciativas cidadás, como as da asociación de veciños FABZ de Zaragoza.

Como reciclar o aceite usado

Os puntos limpos son instalacións públicas pensadas para depositar residuos domésticos contaminantes, como o aceite, ou voluminosos, pero requiren o esforzo do consumidor por desprazarse a eles, xa que en xeral hai poucos e algo afastados dos núcleos urbanos.

Unha opción máis próxima e práctica para o consumidor son os colectores urbanos. Algúns concellos, como Logroño, sitúanos nuns poucos lugares concretos, como grandes superficies comerciais. Noutros casos, como Bilbao, colócanse xunto ao resto dos colectores típicos de reciclaxe. A maneira de distinguilos é variada, tanto pola forma como pola cor. En ocasións, óptase por tons vivos, como o laranxa ou o vermello e, outras veces, utilízanse colectores tipo co nome do residuo destacado. Nalgunhas poboacións limítase a súa entrega a certas horas específicas, como en Villa de Tegueste (Tenerife), pero noutras, como Galdames (Biscaia), pódese entregar a calquera hora do día. Os consumidores teñen que gardalo nuns envases pechados que poden ser de varios tipos. Nalgúns casos, o propio consumidor ten que pór o envase (en xeral, botellas de plástico usadas) para levalo ao colector. Noutros casos, os responsables da reciclaxe entregan envases de diversas cantidades para homoxeneizar o sistema de recollida.

O aceite que se pode reciclar é o vexetal sobrante da cociña, de frituras, graxas e asados, de alimentos enlatados, manteiga de porco, ou graxas estragadas e caducadas. Agora ben, non se deben depositar nestes colectores o aceite de motor, as graxas industriais ou os aceites con bases de petróleo. Neste caso, a lexislación obriga os fabricantes a se faceren cargo deles. Para iso, púxose en marcha unha entidade, Sigaus, que o ano pasado recuperou, segundo os seus responsables, 154.775 toneladas deste refugallo, do que un 70% serviu para obter novos aceites.

Pódese facer biodiésel caseiro?

O proceso para converter o aceite usado en biodiésel non é moi complicado en teoría: basicamente consiste en mesturalo cun alcohol, como o metanol. Por iso, diversas iniciativas propóñenlles aos consumidores transformar o aceite usado das súas cociñas en biocarburante gratis para os seus vehículos. O condutor escocés Antony Berretti quixo dar exemplo de que a idea é posible. Para iso, propúxose percorrer varios países europeos, entre eles España, cunha furgoneta transformada por el mesmo, de xeito que puidese repor o seu depósito cos aceites vexetais sobrantes de restaurantes.

Algunhas empresas ata se propoñen vendelo entre os consumidores e facer negocio diso. Por exemplo, a compañía estadounidense Greasecar Vegetable Fuel Systems comercializa uns kits de conversión, con prezos que oscilan entre 500 e 1.300 euros, que segundo os seus responsables se amortizan nuns meses ao obter o carburante gratis.

A empresa británica Green Fuels diríxese tamén ao mercado doméstico co seu procesador de biodiésel FuelPod2. Cun prezo duns 3.000 euros, este aparello dá producido, segundo os seus responsables, ata 50 litros de biodiésel ao día a partir de diversos residuos aceitosos. As súas dimensións -60 centímetros de diámetro e 1,40 metros de altura- están pensadas para que se poida gardar nun soto ou nun garaxe.

Así e todo, algúns expertos lembran as limitacións de producir este tipo de biodiésel de maneira caseira. Aínda que estes sistemas caseiros poden funcionar a pequena escala, non dan producido un carburante coa norma EN14214, que especifica como debe ser o biodiésel e que aceptan os fabricantes. Xa que logo, un biodiésel que non cumpra este criterio perdería a garantía en caso de avaría do vehículo.

Ademais, alertan tamén de que a produción caseira podería ser ilegal se non se asumen unha serie de requisitos bastante estritos de tipo ambiental (o metanol é un produto perigoso) e tributarios (hai que declarar a produción, aínda que despois se aplique a exención).