Baterías de coches

Paga a pena investir nelas

1 Decembro de 2005
Img economia listado

Paga a pena investir nelas

/imgs/20051201/economia1.jpgSe hai algún dispositivo do coche que require un especial coidado na súa compra e conservación, este é a batería. Non en van o 42,5% dos servizos de asistencia realizados en estrada no 2004 se relacionaron con problemas de batería, mentres que o 13,92% das avarías estaban relacionadas co motor, segundo o RACC. O principal problema é que o mercado das baterías é extenso e moi variado, e pódense atopar ata vinte marcas distintas, cada unha cun prezo e cunha calidade. Cal elixir? A maior prezo, maior calidade? Os expertos en motor aconsellan, independentemente do modelo que se elixa, optar por baterías que ofrezan un mínimo de dous anos de garantía, ter en conta as que teñan unha reserva de arranque superior a 300 amperios e unha boa protección que impida as fugas de ácido (substancia que contén no seu interior), evitando así a corrosión do motor. A mellor opción de compra é a que axunta todas estas características: baterías de gama media -nin as máis baratas, nin as máis caras- con amperaxe semellante á recomendada polo fabricante ou algo maior se o vehículo conta con moitos dispositivos electrónicos adicionais. Aínda que a partir dos 40 euros se poden adquirir baterías de certa calidade, as máis competas roldan os 50-55 euros ou máis. E convén comparar prezos: nos talleres oficiais son máis caras ca nos tradicionais ou en tendas especializadas. No tocante á súa vida útil, o habitual é que cheguen ós 4-5 anos ou mesmo máis se se presta atención ó seu mantemento.

Tipos de batería

A diversidade de modelos deste dispositivo, que ten como misión proporcionar a potencia necesaria para acender o motor de arrinque e protexer ó mesmo tempo o sistema eléctrico, é enorme.

Clasificación segundo o mantemento:

  • Baterías que precisan mantemento: requiren auga destilada para funcionaren. Son máis económicas, ata un 10%, pero menos cómodas pola atención
  • Baterías que non precisan mantemento: son as máis usadas pola súa comodidade, aínda que tamén algo máis caras. É importante que unha vez ó ano sexan revisadas por un técnico que verifique o seu bo estado. Dentro deste grupo destacan as de aliaxe de cadmio chumbo e cadmio prata, que se colocan sobre todo en vehículos de gama alta pola súa maior duración e rapidez de recarga, aínda que son máis caras có resto.

/imgs/20051201/economia2.jpg Algúns especialistas recomendan mercar as baterías baleiras e posteriormente enchelas co líquido, pois unha batería pode permanecer na tenda ou nun taller un período longo antes de ser vendida e existe o perigo de fuga do líquido (o ácido) ou pode tamén perder calidade. Estas baterías recoñécense porque teñen líquido reseco na parte de abaixo, co que a súa vida útil pode ser inferior. Outra pista para detectarmos fugas é que o andel no que permaneceu presente manchas do ácido reseco.

Clasificación segundo a amperaxe:

Os fabricantes indican a amperaxe que cada vehículo require e proporcionan este dato mediante a unidade amperio hora (Ah). Segundo os expertos, non se debe adquirir unha batería cunha amperaxe inferior á indicada pola marca do coche, pero si pode ser superior en función do número de elementos eléctricos que haxa que acender. Tamén hai outros casos nos que a amperaxe recomendada polos talleres é algo superior, como no caso de vehículos vellos ou con motores castigados.

Estas indicacións do fabricante aparecen na batería orixinal do coche e no manual do usuario do vehículo:

  • Para coches de gasolina e sen aire acondicionado: baterías de 45 amperios.
  • Para coches de gasolina e con aire acondicionado: baterías de 55 amperios.
  • Para coches de gasolina e diesel de gama media: baterías de 75 amperios.
  • Para os coches de luxo: baterías de 70 a 90 amperios.

Coidados da batería

Elementos daniños para as baterías:

Os especialistas en motor aseguran que unha batería ben coidada e utilizada correctamente garante e alonga o seu bo funcionamento. Para iso cómpre ter en conta que é o que pode afectar á boa saúde dunha batería:

  • O mal funcionamento do sistema de carga, debido a un fallo no regulador de voltaxe. Por iso se recomenda que se carguen en presenza dun experto.
  • Secado das celas porque non teñen o nivel de auga abondo.
  • Unha mala colocación da batería, de xeito que esta poida vibrar; a vibración é un dos factores que máis danan a batería, polo que se recomenda que vaia ben suxeita ó vehículo.
  • Fallos no sistema de arrinque, polo que lle esixe máis forza á batería.

Como coidar unha batería:

  • Nivel de auga. Cómpre verificar a miúdo o nivel de auga e un mantemento periódico, como mínimo unha vez ó ano.
  • Corrente eléctrica. Sempre que se vaia instalar un accesorio electrónico no coche convén consultar cun técnico se a potencia da batería será abonda, porque é posible que interese substituíla polo aumento de demanda de corrente eléctrica.
  • Sistema de carga. Revisar o sistema de carga do coche, o alternador e regulador de voltaxe, para evitar sobrecargas e descargas.
  • Con chuvia. A chuvia obriga a limpar a miúdo o acumulador para evitar que se lixen os conectores e se perda o contacto e impedindo que se recargue a batería. Ademais, coa porcallada córrese o perigo de que penetre algunha impureza no electrólito e que a batería dure menos. Por iso é importante que os tampóns estean ben postos.
  • Co frío e coa neve. É bastante común que nas mañás frías, se xeou, o coche non arrinque ou que lle leve un cacho arrincar. Nestes casos, e sempre que se sospeite que é por mor da batería, recoméndase acudir a un taller ou a un centro especializado e non tocar nada da batería.
  • Coa calor. A calor desgasta os materiais da batería, de xeito que no verán cómpre comprobar máis polo miúdo ca en calquera outra época do ano o nivel da auga e a limpeza dos postes.