Alugar coches

Paga a pena comparar tarifas

Cómpre axustármonos ás datas e ós quilómetros que prevemos percorrer, pois de non cumprírmo-lo contrato todo son penalizacións
1 Xullo de 2003
Img eco domestica listado

Paga a pena comparar tarifas

A opción de alugar un coche, tan utilizada por empresas, converteuse nunha alternativa cada vez máis demandada por particulares que, sen posuír coche propio ou temerosos de que o seu non chegue ó lugar elixido, desexan percorre-lo seu país ou visita-lo estranxeiro. Conscientes do peso que adquiriu este novo público, os departamentos de mercadotecnia destas compañías, xeralmente multinacionais con delegacións en practicamente tódolos países do mundo, amplían as súas miras comerciais no verán e ofertan paquetes adaptados a todo tipo de públicos.

Pero hai que cumprir dous requisitos para alugar un coche: ser maior de 25 anos e mais ter máis dun ano de antigüidade do carné de conducir. Ademais, convén axusta-lo máximo posible as datas e os quilómetros aproximados que se van percorrer, pois se non se cumpre o contrato todo son penalizacións. E outra cuestión fundamental para o consumidor: é un sector con moitas diferencias de prezos, paga a pena comparar tarifas.

Antes de alugar un coche…

  • Repare nalgúns aspectos que lle facilitarán o alugamento do vehículo.
  • Lugar de destino. Cantos máis quilómetros se percorran, máis se paga. O habitual é que nos pregunten o número de quilómetros que pensamos rodar, e se ó devolve-lo vehículo comproban que superamos esa cifra, cada quilómetro de máis abóase entre 3 e 6 céntimos de euro.
  • Gama do coche elixido. O prezo dependerá tamén da gama do coche alugado. Algunhas tarifas:

    • Gama A: utilitarios pequenos, tipo Opel Corsa, de tres portas polo xeral. Prezo: entre 235 e 350 euros por semana (máis 16% de IVE).
    • Gama B: inclúe Seat Ibiza, Renault Clio e semellantes. Autos de 5 portas. Prezo: entre 275 e 400 euros por semana (máis IVE).
    • Gama C: Renault Megane ou semellantes. Prezo: entre 415 e 480 euros por semana (máis IVE).
    • O resto das gamas: de executivo, de luxo, minibús, monovolume ou descapotable. Prezos: a partir de 480-500 euros por semana (máis IVE).
  • Número exacto de días que se desexa viaxar co auto alugado. Cada día de atraso na entrega do coche penalízase en función dos quilómetros realizados.
  • Lugar para devolve-lo vehículo. Algunhas empresas contemplan penalizacións se se devolve o coche nun punto distinto do de partida e non estaba pactado así verbalmente (nalgúns casos pódese avisar por teléfono durante a viaxe) nin no contrato.
  • Número exacto de acompañantes. Para viaxes longas de 5 persoas é recomendable valora-la posibilidade de alugar un monovolume, aínda que custe uns euros máis. Gáñase moito en comodidade.
  • Número de conductores. Se prevé que máis dunha persoa conducirá o coche, fágallo saber á empresa de alugueiro. Pagará un chisco máis, pero podería ter problemas con algunhas aseguradoras se quen sofre o sinistro non consta como conductor no contrato de alugueiro.
  • Xeito de pagamento. Hai que notificarlle claramente á oficina o xeito de pagamento -tarxeta ou en metálico- desexado. Deste xeito, non lle cobrarán o importe total do contrato na tarxeta á que cargaron a fianza, se lle interesa aboalo con outra tarxeta ou en metálico.

Condicións para alugar vehículos

  • Só lle alugarán un coche se o seu conductor ten 25 anos cumpridos e un ano de antigüidade de carné de conducir.
  • Deberalle facilitar á oficina onde asine o contrato o número dunha tarxeta de crédito, en ningún caso aceptarán unha de débito. É posible que lle pidan que deposite a tarxeta na empresa de alugamento: saiba que non está obrigado a facelo e que non é recomendable confia-la tarxeta a ningún establecemento, sexa do tipo que sexa.
  • Non lle cobrarán polo servicio ata que devolva o coche. Un técnico da empresa revisarao polo miúdo e comprobará se cumpre as condicións acordadas:

    • O depósito debe estar cheo, tal e como o atoparon.
    • Comprobarase que a gasolina é a adecuada para ese coche, en caso de que sexa outra e o coche sufra danos, o titular deberalles facer fronte. Se o depósito está case baleiro, a empresa cobraralle cada litro de combustible ata que se encha o depósito máis un cargo adicional en concepto de gastos.
    • Revisarase o número de quilómetros. Dependendo da gama do coche, cada quilómetro de máis cobrarase:
      • Se é un gama baixa ou media: Seat Ibiza ou semellantes, a 0,009 euros mailo 16% de IVE.
      • Se é unha gama media-alta: un Opel Zafira, por exemplo, cobrarase a 0,13 euros o quilómetro extra mailo 16% de IVE.
  • No tocante á hora de entrega, convén que se axuste ó contratado. Terán a cortesía de esperalo 59 minutos máis da hora estipulada. A partir dese momento deberá pagar unha penalización fixada por cada compañía.
  • As multas de tráfico e de aparcamento deberaas pagar o contratante. En España, o cargo por conductor adicional é desde 5 euros (IVE non incluído) por día ata un máximo de 52 euros (IVE non incluído).
  • As máis das compañías teñen accesorios como cadeiras de bebés e bacas para portar esquís. O cargo por día de cadeiras para bebés ascende a preto de 5 euros (IVE non incluído).
Tipos de seguro

O alugueiro dun vehículo sempre inclúe o seguro mínimo, con coberturas como accidente, roubo e morte ou danos do titular, así como dos ocupantes que viaxen no mesmo coche. Non hai que aboar cantidades extra por el, pero é habitual que teña franquía, que dependerá do tipo de vehículo. A dun coche da gama B, por exemplo, pode alcanza-los 480 euros. Iso significa que é probable que as reparacións máis económicas, normalmente sinistros de pouca entidade (rotura dun faro, pequenos croques ou rozaduras que danan a pintura), corran a cargo do cliente.

No tocante ás condicións do seguro a todo risco, varían enormemente en función da empresa de alugueiro. Nalgunhas este seguro é gratuíto, pero en caso de sinistro aplican unha franquía, nunca inferior ós 150 euros. Outras, en cambio, cobran á parte o seguro a todo risco e non fixan franquía ningunha para os partes de accidentes. Nestas últimas, un seguro destas características cun coche da gama C pode chegar a custar 200 euros, dependendo dos días de alugueiro.