Declaración da renda

Obxectivo: desgravar

Estamos a tempo de equilibrármo-la factura fiscal e de pagarmos un chisco menos na vindeira declaración da renda
1 Novembro de 2003
Img listado economia

Obxectivo: desgravar

Quedan dous meses escasos para que remate o ano e, polo tanto, para prepara-la declaración da renda. O primeiro paso será axuntarmos tódolos recibos e factures que xustifiquen os bens adquiridos no 2003 que sexan relevantes para a declaración, as plusvalías conseguidas, o pagamento de impostos coma o de vivenda e, sobre todo, os documentos relativos a productos bancarios como contas de aforro-vivenda, plans de pensións ou seguros privados de xubilación. E máis aínda cando a reforma do IRPF, en vigor desde o pasado 1 de xaneiro, recolle unha rebaixa de impostos que afecta a casos concretos, como as persoas descapacitadas e proxenitores de nenos e nenas menores de 3 anos. De paso, é un bo momento para facermos números porque temos ata o 31 de decembro para equilibra-la factura fiscal e pagarlle menos ó fisco. ¿Como facelo? Velaquí algunhas posibilidades, todas elas compatibles coa lexislación vixente.Para comezar, como é ben sabido, non están obrigadas a realiza-la declaración da renda as persoas solteiras cun salario anual de ata 7.515 euros, as casadas con cónxuxe ó seu cargo e con dous fillos que gañen ata 13.135 euros e os pensionistas con cónxuxe ó seu cargo cun ingreso anual non superior ós 10.600 euros.

Vivenda

É o elemento ó que maior rebaixa fiscal recoñece a nova lei.

  • Compra.Se adquiriu ou desexa adquirir unha casa ó longo deste ano, a cantidade estipulada para desgravar dependerá do xeito elixido para pagala: se decide facelo ó contado e dividi-lo pagamento en dúas partes, só desgravará unha parte este ano e a segunda o vindeiro; se, pola contra, decide pagala ó contado dunha soa vez ou a través dun crédito hipotecario, a cantidade máxima que pode desgravar é de 1.352,28 euros.
    Á marxe desta cantidade, atópanse os gastos de rexistro e notaría, que tamén desgravan.
  • Reforma ou conservación.Desgravan só as obras realizadas na residencia habitual que se poidan xustificar: “aquelas que teñen como obxectivo mante-lo uso normal da vivenda, así como a substitución de bens como a calefacción ou o ascensor”. A cantidade que se pode desgravar é o 15% da investida ata un límite de 9.015,18 euros. Estas reformas pódense realizar dentro da casa, na fachada, no mantemento de entubados, do tellado, etc. Neste último caso, os gastos incluiranse como importes que dan dereito a unha deducción do 3% en concepto de amortización do inmoble. Non se inclúe o valor do chan.
  • Alugueiro. É unha das novidades da nova lei, coa intención de promove-lo alugueiro. Quen posúa unha vivenda desocupada e a alugue tributará só polo 50% da contía anual cobrada ó inquilino. Os propietarios de casas que xa estivesen alugadas farano polo 75%.
  • Créditos hipotecarios. As maiores deduccións prevense cando o préstamo represente polo menos o 50% da vivenda e se garanta que nos tres primeiros anos non se amortizan cantidades que superen o 40% do capital. As deduccións son as seguintes:
    • Durante os dous primeiros anos do préstamo: o 25% sobre os primeiros 4.507,59 euros e o 15% sobre o resto ata un límite de 9.015,18 euros. A partir do terceiro ano: a deducción é do 20% sobre os primeiros 4.507,59 euros e do 15% sobre o resto ata un límite de 9.015,18 euros. Se non se chegou ós 9.000 euros, poderíase proporciona-lo diñeiro que falta a través dun crédito adicional.
    • No País Vasco, a deducción polo pagamento de xuros é do 20%, que se pode incrementar ata un 30% para menores de 35 anos e familias numerosas, en ámbolos casos independentemente da cantidade pagada. O único límite é que esta deducción por xuros e a deducción por investimento en vivenda habitual non supere o 60% da base impoñible. E hai un límite vitalicio, ou crédito fiscal, de xeito que en toda a súa vida unha persoa poderá deducir por investimento en vivenda habitual como máximo 30.000 euros en Biscaia e en Guipúscoa e 27.045,54 euros en Álava. Se unha persoa adquire en Biscaia e en Guipúscoa unha vivenda de máis de 200.000 euros ou de máis de 180.303 euros en Álava, a deducción só afectará a esas dúas cantidades.

Contas aforro-vivenda

Aínda que se pode deduci-lo 15% do depositado cada ano, a lei obriga a investi-las cantidades achegadas na compra dunha casa nun período non superior a 5 ou 6 anos, segundo a comunidade autónoma en que se contrate. Unha vez cumprido o prazo, se non se merca unha vivenda pagaranse as deduccións fiscais e os xuros de demora. A cantidade máxima que se pode aportar a unha conta aforro-vivenda é de 9.015,18 euros por declaración.

No País Vasco, o límite que se pode deducir por unha conta aforro-vivenda nun ano non pode supera-lo 60% da base impoñible.

Herdanzas

Réxense polo Imposto de Sucesións e Doazóns, cedido desde 1997 ás comunidades. Hai reduccións de ata o 99% para herdeiros directos en Cantabria e haberaas no 2004 na Rioxa. A Generalitat aprobou a súa supresión total para herdeiros menores de 21 anos.

Nais traballadoras con fillos

Deducción de 1.200 euros por cada fillo de ata tres anos.

Plans de pensións (EPSV no País Vasco)

O máximo que se pode achegar na declaración da renda é 8.000 euros, máis outros 1.200 por cada ano que teña o contribuínte por riba dos 52 anos. Para quen teña 65 ou máis anos, o máximo que se pode achegar con dereito a deducción é 24.250 euros.

País Vasco e Navarra: novidades no IRPF

No País Vasco

  • Aumentan as deduccións por descendente: o incremento para menores de 3 anos aplícase ata os 6 anos, e é de 250 euros por fillo. A deducción por ascendente aplicarase ademais cando viva nunha residencia e o contribuínte colabore co pagamento. As cantidades que se poden deducir son 200 euros para maiores de 65 anos e 400 para maiores de 75 anos.
  • A deducción por alugueiro simplifícase: 25% co límite de 1.500 euros anuais para menores de 35 anos e familias numerosas e 20% co límite de 1.200 euros anuais para maiores de 35 anos.
  • A conta vivenda amplíase a 6 anos, aínda que os cartos da conta poden se retirar se se repoñen antes do 31 de decembro.

En Navarra

  • Increméntase o mínimo por descendente a partir do terceiro fillo. Con menores de 3 anos, a reducción é de 1.200 euros.
  • A deducción por mercar unha vivenda habitual é do 18% para familias con dous fillos e do 30% para familias numerosas.
  • Créase unha nova deducción de ata 900 euros para quen perciba pensións de viuvez inferiores ós 2.700 euros.