A vida en euros

O euro na casa e na rúa

A nova moeda esixirá que nos adaptemos a vivir en euros e a crear novos referentes para calcula-lo valor dos productos.
1 Novembro de 2001
Img economia listado

O euro na casa e na rúa

A menos de dous meses da chegada do euro, numerosas dúbidas asaltan ós consumidores sobre os cambios que a nova moeda provocará na súa vida doméstica. O Banco Central Europeo e as autoridades locais están inmersos nunha conta atrás para que os 280 millóns de europeos que a partir do 1 de xaneiro do 2002 vivirán en euros coñezan con antelación o máximo posible sobre a nova divisa. É unha tarefa difícil, xa que resulta complicado instruír a certos sectores da poboación, e aínda hai quen percibe a implantación do euro con receo e inseguridade.

A medida que se achega o día Euro, as campañas sobre o euro fóronse intensificando: as nosas caixas de correo reciben folletos explicativos, proliferan euroconversores, organízanse iniciativas locais para simular compras con euros e coñécese máis sobre cómo serán as moedas e billetes de euros e os seus elementos de seguridade. Tódolos esforzos se encamiñan a transmitirlles ós cidadáns toda a información precisa e a explicarlles que os prezos non variarán, aínda que si a moeda que os representan.

Salarios e pensións, sen variación

A partir do 1 de xaneiro do 2002, o euro formará parte da nosa vida cotiá e aínda que nun principio impere unha sensación de perda do sentido do valor de productos e servicios, a chegada da nova moeda non vai supor unha perda do poder adquisitivo, porque os soldos continuarán sendo os mesmos. Á fin de mes cobrarémo-lo equivalente do noso salario ou pensión en euros. A única diferencia na nómina será que os conceptos -salario base, horas extra, pagas extra, deduccións- virán en euros.

Tarxetas de crédito, contas bancarias…

Durante os primeiros días do vindeiro ano as entidades financeiras -algunhas comezaron xa- cambiarán tódalas contas a euros, e redenominarán tamén en euros os sistemas de pagamento -cheques, tarxetas de crédito, tarxetas de débito- sen ningún cargo para o titular dos mesmos.

As custas das actuacións que as entidades financeiras leven a cabo para se adaptaren ó euro non repercutirán nos clientes. O manexo de cheques complícase, aínda que por pouco tempo: durante o período de transición e coexistencia das dúas moedas, peseta e euro, será preciso empregar dous talonarios de cheques diferentes, un para cada moeda. Pero non haberá problemas para facer efectivos os cheques, sexa cal sexa a moeda en que figuren, xa que a partir do 1 de marzo todos se cobrarán en euros, independentemente da data na que foran emitidos.

Impostos

Facenda faise europea. Polo de agora, só as empresas poden elixir liquida-las súas obrigas con Facenda en euros. Desde o 1 de xaneiro de 1999 pódense pagar en euros os impostos e as cotizacións á Seguridade Social, as declaracións do Imposto de sociedades e o IVE. Pero a partir do 1 de xaneiro do 2002 será obrigatorio para tódolos cidadáns presenta-los impostos en euros, incluída a Declaración da Renda das Persoas Físicas.

Polo tanto, á hora de liquida-lo IRPF en maio do 2002, haberá que traducir toda a documentación do ano 2001 a euros.

De compras co euro

Un adhesivo de cor azul situado nun lugar visible identificará ós comercios acollidos ó Acordo de Boas Prácticas, polo que se comprometen a evitaren abusos durante a transición á nova moeda. Estes establecementos non enganarán ó consumidor, redondearán correctamente, darán os cambios sempre en euros, informarán ós consumidores, etc. Ata o 1 de xaneiro do 2002 os comercios son libres de indicaren ou non o prezo dos seus productos en euros e en pesetas. A partir desa data será obrigatorio que se reflictan os prezos nas dúas moedas, e deberase indica-la cantidade en euros nun tipo de letra máis grande có prezo en pesetas.

Coa chegada das rebaixas de xaneiro, que comezarán sete días despois da entrada en vigor da nova moeda, as etiquetas deberán reflectir catro prezos correctamente redondeados: o normal e o rebaixado, ambos en pesetas e en euros.

Tocar, ollar e virar: cómo distingui-los billetes falsos

A entrada en vigor da nova moeda trae consigo a incerteza de recoñecérmo-los billetes e moedas falsos, distinguírmolos dos verdadeiros e evitarmos enganos que, por certo, xa se produciron. O descoñecemento xeneralizado do tacto, cor e outros signos de identidade dos billetes de euros pode facilitar timos, estafas e, incluso, a perda de confianza nas autoridades monetarias. Para evitalo, o Banco Central Europeo, xunto cos bancos centrais de cada país membro, afanouse en dar a coñece-las medidas de seguridade monetaria sobre o euro e sumou ós xa habituais de cada moeda nacional outros sistemas máis sofisticados.

As medidas de seguridade adoptadas para detectar billetes falsos poden resumirse, cara ós usuarios, nas recomendacións do Banco de España: tocar, virar e ollar.

  • Tocar Os billetes en euros están impresos nun papel especial fabricado principalmente con fibras de algodón. O seu tacto é firme, resistente e áspero. Ademais, a impresión calcográfica, ou en relevo, dalgúns elementos dos billetes (as iniciais do Banco Central Europeo, as cifras que indican o valor do billete e os motivos de ventás e portas), á parte de axudaren ás persoas con problemas de vista, consegue un efecto perceptible ó tacto que serve para identifica-la autenticidade dos billetes.
  • Virar Os billetes contan con hologramas que se aprecian ó virar e inclina-lo billete.
  • Ollar Marca de auga, fío de seguridade, motivo de coincidencia, banda iridescente, tinta que cambia de cor… son outros elementos de seguridade que se poden apreciar ó olla-los billetes ó trasluz.
  • A marca de auga: visible ó trasluz por ámbolos lados da zona non impresa do billete. Pódese ver tanto o motivo arquitectónico principal, coma a cifra que indica o valor facial do billete. Esta marca créase no propio papel, variando a súa espesura durante o proceso de fabricación.
  • O fío de seguridade: embébese tamén no papel na etapa de fabricación. Ó ollar un billete ó trasluz, poderase apreciar unha liña escura que cruza verticalmente o billete, amais da palabra “euro” xunto ó valor facial do billete.
  • Banda holográfica: na parte dereita do anverso dos billetes de menor valor (5Euro, 10Euro e 20Euro) hai unha banda holográfica. Ó vira-lo billete, apréciase o símbolo do euro en tons de cor brillante e a cifra que indica o valor do billete (5, 10 ou 20).
  • Holográfica: No anverso dos billetes de maior valor (50Euro, 100Euro, 200Euro e 500Euro) hai un holograma (patch), para dificultar máis a súa falsificación. Ó move-lo billete, pódese observa-la cifra que indica o seu valor en tons de cor brillante e a imaxe do motivo arquitectónico plasmado no billete.
  • Motivo de coincidencia: tamén a contraluz, pódese verifica-lo motivo de coincidencia. Está situado na esquina superior esquerda do anverso do billete. Trazos irregulares impresos por ámbalas caras do billete únense para crearen de maneira completa e perfecta a cifra que indica o seu valor facial.
  • Banda iridescente: os billetes de menor valor, 5Euro, 10Euro e 20Euro, teñen unha banda iridescente que soamente aparece no reverso. Brilla baixo unha luz intensa e pódese ve-lo símbolo do euro dentro da banda, xunto co número que indica o valor do billete.
  • Cor da tinta: nos catro billetes de maior valor cambia a cor da tinta que indica o valor do billete, situada na esquina inferior dereita do reverso. A cifra do valor facial presenta unha cor morada ó ollalo de fronte, e verde oliva ou, mesmo castaña, ó ollalo desde o ángulo.

Euro e máquinas

En España funcionan 407.396 máquinas de xogo repartidas por diferentes establecementos. E todas deben estar preparadas para a chegada do euro. En principio, non haberá máquinas que acepten os dous tipos de moeda. Durante o período de coexistencia de pesetas e euros, os xogadores poderán elixir entre máquinas que acepten euros ou pesetas. Cando remate o período de coexistencia, o prezo mínimo dunha partida nunha máquina “comecartos” será de 0,20 euros (33 pesetas). O problema desta medida xorde se se introduce unha moeda de 50 céntimos. Neste caso, o xogador ten dereito a dúas xogadas e os 10 céntimos restantes quedan en reserva para o xogador seguinte, pero non se devolven.

Desde a Asociación Nacional de Empresas de Máquinas Recreativas quérese incidir en que ese pico de 10 céntimos non pasa ás mans, nin do propietario, nin do dono da máquina, senón que queda “para o vindeiro xogo”. Desta medida quedan excluídas as “comecartos” de Cataluña e País Vasco. Nestas comunidades autónomas, os 10 céntimos dan dereito a unha partida de dobre ou nada. No caso das máquinas de videoxogos, emprazadas en cibercafés, centros recreativos ou grandes superficies, estableceuse o prezo en 1 euro, dada a complexidade destas máquinas, algunhas delas cun custo de máis de 4 millóns de pesetas, e posto que na actualidade a maior parte delas teñen un custo de 200 pesetas. No tocante ó custo do sector para modifica-los moedeiros e toda a programación encargada da devolución, así como toda a serigrafía das máquinas, está por determinar de xeito concreto.

Non obstante, o cambio destes sistemas oscila entre as 20.000 pesetas e as 120.000 pesetas, por máquina, prezo que se está incrementando conforme se achega a data da entrada do euro. Para chegar a estas medidas, os empresarios de máquinas recreativas comezaron coas xuntanzas de profesionais xa en 1997, por iso os problemas apareceron previamente. A Asociación Nacional de Empresas de Máquinas Recreativas, non obstante, tranquiliza ós usuarios, xa que todo este grupo de productos está suxeito a estrictas normas e a un sistema de homologación e certificación obrigatorio que soamente pode concede-lo fabricante, previa inspección da Comisión Nacional de Xogo que depende do Ministerio do Interior. Posteriormente, cada consellería, ben de economía ou de interior, é a responsable das inspeccións e revisións pertinentes.

O euro nos taxis

A madrugada do 1 de xaneiro do 2002, Noitevella, pagarémoslles ós taxistas en pesetas e devolverannos en euros. Este é un dos compromisos adquiridos polo sector coa administración. Amais deste compromiso, os taxistas comprometéronse a través do Acordo coa Secretaría de Estado de Economía, da Enerxía e da Pequena Empresa sobre certos aspectos relativos ó Euro, a participaren nas campañas de difusión e de introducción da moeda.

Como grupo profesional incluído no sector servicios teñen o compromiso de participaren activamente na campaña de concienciación e de tranquilización da poboación. Deste xeito, os máis de 77.000 taxis que traballan en España deberán devolver en euros desde o mesmo día 1 de xaneiro do 2002, ou o que é o mesmo, na propia celebración da vindeira Noitevella. Pero o seu compromiso por facilitárlle-las cousas ós usuarios de taxis esténdese ós sectores máis vulnerables, e os taxistas comprometéronse a extremaren a atención e as explicacións cando se trate de persoas maiores. Ó mesmo tempo, o sector comprometeuse a axeita-los seus taxímetros, de tal maneira que neste momento o 75% dos taxis españois xa contan con taxímetros preparados para a introducción do euro, e todos deberán estar prontos o vindeiro 1 de xaneiro.

O cambio do taxímetro actual, por un con lectura de euros, ten un custo medio de 90.000 pesetas, que cada propietario de vehículo debe asumir. Neste sentido, diferentes asociacións autonómicas solicitaron subvencións de ata o 50%, para asumiren estas custas. Sen embargo, polo de agora ningunha administración autonómica respondeu. Os taxímetros que xa se están incorporando posúen lectura nas dúas moedas, xa que deben ser útiles ata decembro do 2001, durante o período de convivencia das dúas moedas, e finalmente, durante a única presencia do euro. Por iso desde o sector quérese asegurar que o cambio da denominación non vai varia-las tarifas do taxi.

Segundo Félix Cañego, presidente da Federación Valenciana do Taxi, “as tarifas para o ano 2002, como para cada ano, son oficiais e están intervidas pola Administración. Deste xeito, a partir de xaneiro do 2002 pódese producir unha suba de tarifas, pero a habitual a comezos de ano, froito dos incrementos dos seguros, o gasóleo, a amortización do vehículo e os salarios dos conductores, pero o euro en si e os cambios de moeda non van provocar ningunha suba“.

Para que os usuarios do taxi ademais saiban o valor dunha carreira nas dúas moedas, os taxis levarán unha táboa de equivalencias para que o usuario poida facer axiña os seus cálculos. Por outra banda, está previsto que a obrigatoriedade do cambio só alcance ata o billete de 20 euros (3.328 pesetas) e que o contador dos pasos realice un prezo redondo.

O que si lles preocupa ós taxistas é a cantidade de diñeiro en efectivo que durante os dous primeiros meses vai circular polo país. Por iso, o sector está estudiando unhas caixas nas que poidan leva-las dúas moedas, e ó mesmo tempo incrementa-las súas medidas de seguridade para evitar atracos. Por iso se está implantando o sistema GPS de detección rápida, anteparos, e a norma, no caso de que o cliente resulte “sospeitoso”, de deixalo nun lugar público, preto dunha gasolineira, bar ou calquera establecemento con sistema de alarma.

Recomendacións para os primeiros días

Amais das medidas adoptadas de maneira institucional, as autoridades monetarias suxiren que, sobre todo nos primeiros días, se adopten certas conductas que permitan evita-los fraudes:

  • Obter billetes a través de canles habituais de obtención de efectivo: caixeiros automáticos, entidades financeiras, establecementos comerciais, etc. No caso de núcleos de poboación que non dispoñan de entidade financeira a menos de 15 quilómetros, axentes bancarios desprazaranse ata cada lugar para ofreceren os seus servicios. Nestes casos cómpre asegurármonos, a través de cada concello, de que a persoa que acode é, efectivamente, un axente autorizado.
  • O Banco de España recomenda permanecer atentos ás actuacións dos comercios e elixi-los acollidos ó Código de Boas Prácticas, comprometidos na información, o mantemento dos prezos, a dobre exposición de prezos e a correcta aplicación do redondeo.
  • Recoméndase tamén, desde o 1 de xaneiro do 2002, empregar en cada transacción económica unha soa moeda, se é posible, euros.
  • A nova moeda non entra en funcionamento ata o 1 de xaneiro do 2002 e ninguén posúe aínda euros, non sendo entidades financeiras e centros de distribución, polo que hai que desconfiar de quen nos ofreza antes a nova divisa.