O contrato da mudanza

Mudanzas en boas mans

A nova regulación legal, en vigor dende febreiro do 2010, recoñece un maior número de dereitos e obrigas por parte dos usuarios e das empresas de mudanzas
1 Febreiro de 2011
Img eco domestica

Mudanzas en boas mans

Dedicación, esforzo e cartos. Velaquí os requisitos que se precisan para se enfrontar á tan temida mudanza. Aínda que se contrate unha empresa especializada en trasladar todos os obxectos e mobles dunha vivenda a outra, os clientes non se libran de ordenar, limpar e baleirar armarios e estantes. Para que o labor sexa menos complicado, é fundamental un pouco de organización e método. O primeiro é considerar o volume dos obxectos e mobles que hai que transportar e, de paso, aproveitar a ocasión para desfacerse de obxectos e roupa que xa non se utiliza, e xestionar, por exemplo, as notificacións de cambio de domicilio. Se o orzamento o permite, o apropiado é confiarlles a mudanza a profesionais. Pero antes de efectuar calquera movemento hai que se asegurar de que se traballa cunha empresa legalmente establecida. Non obstante, e aínda que se sigan estes consellos, non sempre se coñecen os dereitos e obrigas que rezan no contrato de mudanza, sobre todo dende febreiro do 2010, momento no que entrou en vigor unha regulación legal específica para este sector.

Que lei regula as mudanzas?

A Lei do contrato de transporte terrestre de mercadorías, lei 15/2009, regula os dereitos e obrigas das partes no contrato de mudanza. Por este contrato, o carrexador (é dicir, a empresa de mudanzas) está obrigado a transportar o mobiliario, aparellos e complementos que se colocarán en vivendas, locais de negocios ou centros de traballo. Pero non só iso, senón que tamén é a súa competencia realizar as operacións de carga, descarga e traslado dos obxectos dende onde se atopen ata os situar no lugar de destino. Ademais, coa nova regulación, a responsabilidade económica do transportista por danos queda limitada por lei.

A que danos se refiere?

Aos que se poidan causar pola perda ou pola avaría dos bens. Por iso, é recomendable que os usuarios elaboren un inventario detallado dos obxectos da mudanza que se debe incluír no contrato e asinar por ambas as dúas partes.

E se o contrato non incorpora o inventario de todos os bens?

O orzamento, unha vez aceptado, fai as veces de contrato. Agora ben, se no orzamento falta o documento de inventario ou é incompleto, o usuario pode e debe esixir a realización e aceptación dun inventario completo dos bens antes de comezar a mudanza. Ademais, é recomendable que no propio inventario conste o día e a hora en que se vai realizar a mudanza. E se o transportista se nega a realizar ou a aceptar o inventario, o cliente pode considerar que desistiu o contrato, malia que se aceptara o orzamento. Aínda que esta decisión pode traer consecuencias.

Que consecuencias?

É posible que lle xere perdas e danos ao usuario que, ao se ver obrigado a contratar outra empresa, vexa atrasada a súa mudanza. Por esta razón, convén deixar constancia escrita destas incidencias e reclamar, de ser o caso, perdas e danos.

Cal é o límite da responsabilidade por danos?

As empresas de mudanzas utilizan o metro cúbico para calcularen a cantidade de obxectos e aparellos que deben transportar. Segundo a nova regulación, a responsabilidade do carrexador por danos ou perda dos bens transportados non debe ser superior a vinte veces o Indicador Público de Efectos Múltiples/día (17,75 euros) por cada metro cúbico do espazo de carga necesario para o cumprimento do contrato.

Esa cantidade pode que non cubra todos os danos, máis aínda se as operacións de carga e descarga causan danos en chans ou paredes das vivendas. Que se pode facer daquela?

Esta limitación da responsabilidade aplícase só a danos ou perda dos bens ou dos aparellos transportados, pero non a outros danos que, causados pola mudanza, sufra o usuario en bens distintos aos transportados. Entre estes atópase o “continente” das vivendas e os seus elementos, como o chan ou as paredes e teitos (papel pintado, molduras, etc.). polos que se podería reclamar máis alá dese límite legal de responsabilidade.

Interesaría contratar un seguro?

Si, é unha práctica recomendable. Se existe a posibilidade de concertar un seguro que cubra o risco de danos aos bens obxecto da mudanza non está de máis facelo. Pero non hai que esquecer que, aínda que se contrate, o transportista continúa a ser responsable.

Que se pode facer se o transportista se retrasa?

A Lei responsabiliza o transportista ante un atraso e obriga ao carrexador a pór o vehículo á disposición do usuario no lugar e tempo pactados.

Responde o transportista en todo caso?

O carrexador responde da perda total ou parcial das mercadorías, así como das avarías que sufran e do atraso, pero non responderá se proba que a perda, a avaría ou o atraso se ocasionaron por culpa do destinatario ou do cliente, polas propias mercadorías ou por circunstancias que a empresa non puido evitar nin impedir as consecuencias. Pero en ningún caso pode alegar como causa de exoneración os defectos dos vehículos utilizados para o transporte.

Daquela, en que casos a empresa non se responsabiliza?

A empresa non responde se o dano ou avaría puido ocasionarse nos seguintes casos:

  • Deficiencias na embalaxe ou no marcado dos bens feitos polo cliente
  • Manipulación realizada polo usuario
  • Carga ou descarga de bens con dimensións ou pesos non adecuados para os medios de transporte acordados, sempre que a empresa avisara o usuario do risco de danos e este insistise na execución da mudanza
  • Falsidade ou incorrección da información proporcionada polo usuario
  • Transporte de animais vivos ou de plantas
  • Pola propia natureza dos bens da mudanza.

Non obstante, o usuario está no seu dereito de probar que o dano non foi causado, en todo ou en parte, por ningún de tales riscos. E cando probe que o dano foi parcialmente motivado por unha circunstancia imputable ao carrexador, este debe responder na mesma medida en que contribuíu ao dano.

Antes de iniciar unha mudanza cómpre…

Solicitarlle ao transportista un orzamento por escrito no que consten todos os servizos que se van prestar, o seu custo e o prezo total da mudanza, especificando se se inclúen nel os gastos que xeren os trámites administrativos. Hai que ter en conta que en moitas ocasións unha mudanza xera a ocupación temporal da vía pública que precisa de autorización municipal e o abono das súas correspondentes taxas.

Cales son as obrigas do transportista?

Debe transportar o mobiliario ou os aparellos ao destino acordado e é o responsable das operacións de carga e descarga, salvo que se pacte o contrario. De ser así, estará obrigado a armar, desarmar, embalar, desembalar e colocar no lugar que se lle indique os bens obxecto da mudanza. Tamén ten a obriga de informar acerca das normas administrativas aplicables ao traslado, pero non de comprobar se os documentos postos á súa disposición son correctos e completos. Por outra banda, o carrexador débelle solicitar ao consumidor información precisa para a correcta execución da mudanza, tales como as condicións de acceso ás vivendas, locais e establecementos para o seu persoal e vehículos.

Como se reclama?

A acción por perda ou avaría dos bens obxecto da mudanza extínguese se o destinatario non lle manifesta por escrito as súas reservas ao carrexador ou aos seus auxiliares no momento da entrega ou, en caso de perdas e avarías non aparentes, dentro dos sete días seguintes ao da entrega (sen contar domingos e festivos).

E se non se alcanza un acordo hai un prazo de prescrición dun ano para ir aos Tribunais de Xustiza. Tamén se pode acudir á arbitraxe de transporte ou de consumo, pero son sistemas alternativos aos Tribunais que teñen carácter voluntario. Se o reclamado non acepta a arbitraxe, só queda a vía xudicial.

Consellos para levar a casa ás costas con éxito
  • Asegúrese de que contrata unha empresa legalmente establecida e que conta con todos os permisos administrativos. Solicite sempre factura con IVE.
  • No convén pagar o importe total por adiantado. Negocie a modalidade de pagamento e aboe unha entrega a conta. O resto pódeo pagar cando remate a prestación do servizo.
  • Non esqueza tramitar a baixa das subministracións da súa antiga vivenda, notificarlles o cambio de domicilio, por exemplo, aos bancos, aos presidentes das comunidades de propietarios, seguros, etc.
  • Se contrata servizo de gardamobles, infórmese sobre o contrato de seguro, sobre os locais da empresa e sobre o servizo de vixilancia.
  • Se o orzamento o permite, contrate tamén a embalaxe de bens e aparellos.
  • En caso contrario, teña en conta que é moi importante a elección das caixas e a súa identificación con etiquetas, así como a protección dos obxectos delicados. Lembre deixar á man os artigos máis necesarios, como roupa de cama, toallas, medicamentos, artigos de hixiene, utensilios de cociña e de limpeza, etc.
  • Deixe tamén para o final as plantas e para aliviar a carga de traballo permita que os seus fillos axuden embalando as súas pertenzas (xoguetes, roupa…), pero sempre coa supervisión dun adulto.