Aforrar combustible durante a condución

Moderación na estrada

1 Xullo de 2004

Moderación na estrada

/imgs/20040701/eco_domestica01.jpg
Desde hai dez anos Alemaña, Holanda, Suíza e Finlandia veñen desenvolvendo un programa de condución económica denominado ‘Eco Driving’. A Unión Europea pretende implantar este plan en todos os países membros nos vindeiros dez anos, co obxectivo de que o condutor aforre combustible ó mesmo tempo que mantén unha actitude respectuosa co medio natural. Barállase a posibilidade de introducir estes preceptos no sistema de ensino para a obtención do permiso de conducir e en cursos para empresas e organizacións que dispoñen de grandes flotas. A Dirección Xeral de Tráfico calcula que co aforro mantido do 1% do total consumido anualmente na Unión Europea, aforraranse tres millóns de litros de combustible e evitarase a emisión de 900.000 toneladas de CO2, o que suporá un aforro de 300 millóns de euros cada ano. En España, o aforro acadaría os 1.850 millóns de euros, equivalente en carburante a un total de 700 millóns de litros de gasóleo e 1650 millóns de litros de gasolina. Segundo estas previsións, cada condutor disporía de 160 euros máis cada ano se se habitúa a seguir unha serie de normas na condución.

Entre as diversas análises que confirmaron a importancia de manter unha serie de hábitos ó volante como a mellor fórmula para aforrar enerxía e mellorar a seguridade, salienta a realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) en 1999. Para desenvolver esta proba utilizáronse dous coches da mesma marca e os mesmos litros de gasolina no percorrido seleccionado por cidade. Os resultados obtidos foron os seguintes: conducindo con coidado gastáronse 9,8 litros ós 100 quilómetros, mentres que no caso de condución agresiva aumentaron ata chegar ós 17,5 litros por cada 100 quilómetros. E aínda que os expertos aseguran que as técnicas para realizar unha condución económica están vinculadas ós modernos motores de inxección, a DXT asegura que o aforro comeza no mesmo momento en que se pon o coche en marcha.

Cómo diminuír o gasto de combustible

  • Non usar o coche en traxectos moi curtos. O 45% das viaxes que se realizan son inferiores a tres quilómetros e nelas pódense chegar a consumir 20 litros por cada 100 quilómetros, máis do dobre ca en estrada. Hai alternativas ós desprazamentos curtos, como o transporte público, a bicicleta ou o camiñar. Podemos compartir e alternar o uso do vehículo con varias persoas, de xeito que os coches vaian completos.
  • Revolucións por minuto. Circular a 2.000-2.500 revolucións por minuto en coches de gasolina, e a 1.500-2.500 revolucións por minuto nos diésel. Os novos modelos de coches circulan con comodidade a estes réximes baixos e a mecánica non sofre.
  • Aceleróns e freazos. Hai que evitar aceleróns e freazos bruscos, consómese moito máis combustible. E se se circula a unha velocidade alta, o condutor debe tratar de anticiparse ós posibles cambios: pode, por exemplo, levantar o pé do acelerador cando aprecia que un semáforo vai cambiar a vermello, deixando que o coche chegue coa súa propia inercia e xogando co freo e o cambio de marchas para detelo axeitadamente.
  • Distancia de seguridade. Unha axeitada distancia de seguridade permite circular a unha velocidade regular e non consumir enerxía en exceso, pois evítase frear e acelerar bruscamente. Desta forma aforraremos entre o 10 e o 15% de carburante.
  • En pendentes. Cando se trata de baixar pendentes convén levantar o pé do acelerador e aproveitar a inercia do coche, utilizando o cambio e o pedal do freo para efectuar pequenas correccións e axustar a velocidade. Non deixar nunca o cambio de marchas en punto morto, xa que non só é perigoso, senón que o coche consome máis. Pola contra, cando se desexa
  • subir unha pendente, a mellor forma de facelo é utilizando a marcha máis longa posible, pisando o pedal do acelerador o xusto para manter a velocidade. Os cambios de marcha deben realizarse a un réxime de revolucións máis alto que en superficie chá.
  • Tráfico intenso. En caso de caravana, o coche consome menos se non se para, agás en caso de paradas longas.
  • Arrinque do vehículo. Ponse en marcha xirando unicamente a chave de contacto, non é necesario pisar o pedal do acelerador; en motores de gasolina débese iniciar a marcha en canto se xira o contacto. Nos diésel, esperar os cinco segundos de rigor incide nun consumo máis moderado.
  • Marchas. En canto se arrinca o vehículo é importante cambiar de primeira a segunda velocidade o antes posible, canto máis longa sexa a marcha á que se circule, menor será o gasto. Nunca se debe pisar a fondo o acelerador para cambiar unha marcha, salvo casos de emerxencia, xa que o consumo de combustible nestes casos é moi alto.
  • Rodas. Se os pneumáticos se enchen de aire en exceso, o coche pode perder estabilidade nas curvas. Os pneumáticos baixos en presión fan que se consuma unha cantidade significativa de combustible. Os mecánicos aconsellan que se revisen periodicamente e se cumpran as medidas sinaladas por cada fabricante. Ademais, se a presión das rodas é incorrecta, desgastaranse antes debido ó exceso de flexibilidade que adquiren e ó sobrequecemento, aumentando así o seu consumo.
  • Motor. Manter en bo estado o motor permitirá que non necesite máis gasolina da necesaria. Concretamente, é importante ter limpo o aceite e o filtro do aire para que a combustión sexa máis eficiente. As buxías deben manterse sen refugallos da combustión, co eléctrodo en bo estado e os inxectores libres de obstrucións. Está comprobado que un motor novo en mal estado consome máis combustible que outro máis vello pero ben coidado.
  • Apagar o motor. Se a parada que se desexa realizar pode durar máis dun minuto, convén apagar o motor do coche. Durante a condución en estrada, o mellor xeito de non consumir máis gasolina da necesaria ante a necesidade de frear o vehículo é aproveitando a inercia do coche e utilizando unha marcha axustada. Deberase pisar o embrague só no momento no que o coche comece a calarse.
  • Aire acondicionado. Facer un uso irracional do aire acondicionado pode chegar a incrementar o consumo nun 20%. Por outro lado, circular coas fiestras baixadas a 100 quilómetros por hora supón un aumento do 5% do gasto de combustible.
  • Evitar a sobrecarga do vehículo. Só o uso da baca, baleira ou non, aumenta o consumo do carburante entre un 2% e un 35%. É aconsellable retirala se non se está utilizando.