Equipo informático doméstico

Mellor investir nos elementos que avellentan máis a modo

1 Decembro de 2004
Img eco domestica listado

Mellor investir nos elementos que avellentan máis a modo

/imgs/20041201/eco_domestica01.jpg
O ordenador persoal converteuse nos últimos anos nun elemento cada vez máis común nos fogares, sobre todo se neles vive xente nova ou nenos. Mentres que en 1997 tan só o 5,1% dos fogares tiña un equipamento informático básico, no 2003 o número multiplicouse ata o 43% dos domicilios, segundo o Barómetro de Consumo 2004 de Fundación Grupo Eroski. O primeiro que cómpre ter en conta ó adquirir un equipo informático persoal é o seu inevitable e rápido ‘avellentamento’: o tempo que media entre a compra dun equipo e o seu desfase é duns catro anos. Por iso, é preferible investir máis nos elementos que avellentan máis a modo, como o monitor, o teclado e o rato, que, ademais, son os que máis inflúen na comodidade de uso. Doutra banda, as prestacións mínimas que se lle deben esixir a un ordenador dependerán das tarefas que vaiamos realizar con el, aínda que os modelos que hai no mercado actualmente ofrecen prestacións abondas para os usos caseiros máis comúns.

Monitor

Tamaño. É recomendable que quen pase moitas horas diante da pantalla opte por un monitor grande, máis aínda se é afeccionado ós videoxogos, polo que agradecerá mercar unha pantalla de 17 ou de 19 polgadas.
Pantalla. As pantallas planas TFT estanse impoñendo nos fogares fronte ás tradicionais con tubo catódico: ós seus cada día máis accesibles prezos (hainas a partir de 200 euros) engádense as súas reducidas dimensións de fondo. Ademais, disque coa súa resolución de pantalla -arredor de 1.280 x 1024 píxeles ou puntos- a vista se cansa menos. Importante: o tamaño da pantalla dun TFT de 15 polgadas equivale a un de 17 polgadas dos tradicionais.
Televisor. Hai monitores TFT que fan a función de televisor e de pantalla de ordenador sen necesidade de mercar unha tarxeta específica de televisión. O prezo rolda, segundo o tamaño, os 400 euros, dependendo da marca. Para utilizalos é indispensable conectalos á antena de televisión. Non é preciso acender o ordenador para poder gozar só da televisión.

Teclado

Sen cables. A principal vantaxe é que permite a súa mobilidade ata tres metros porque non ten cables conectados á CPU, funciona con pilas. Os modelos máis actuais inclúen botóns no teclado para abrir o correo electrónico, páxinas web, e mais para avanzar e retroceder páxinas.
Con cables. O prezo de un a outro pode variar entre 10 e 15 euros.

Rato

De bóla ou óptico. Con cable ou sen cable móvese grazas a unha bóla colocada na parte de abaixo. Require unha almofada para que a bóla non colla lixos e o rato escorregue mellor. Os ópticos teñen, no canto dunha bóla, un feixe de luz.
Con roda. Colocada na parte central do rato, equivale á barra de desprazamento. Facilita a navegación pola pantalla.
Miniratos ópticos. Especialmente deseñados para portátiles. Todos teñen conexión USB e o seu prezo anda arredor dos 18 euros.

CPU

Velocidade do microprocesador. É unha das partes máis importantes do ordenador, xa que realiza todos os cálculos e controla o seu funcionamento. A velocidade deste ‘cerebro’ determina a rapidez do ordenador. Convén optar por unha de 2,8 gigahercios como mínimo.
Placa base. É o soporte onde se atopa o procesador, a memoria, os conectores das tarxetas, a unidade de CD-ROM e o disco duro. Nela conéctanse todas as tarxetas, os bancos de memoria e o microprocesador. É fundamental fixarse no número de rañuras ou slots que trae a placa: cantas máis haxa, máis poderá ‘medrar’ o ordenador. No tocante ás conexións precisas para utilizar periféricos, é importante que teña suficientes portos (rañuras externas) e slots (rañuras internas) para podelos utilizar ó mesmo tempo. Os usuarios habituais de cámara de vídeo dixital agradecerán o porto firewire porque permite descargas máis rápidas e cómodas.
Memoria RAM. Nela almacénanse os datos cos que está traballando o ordenador. Dela depende o rendemento do equipo. Un ordenador cun disco duro de moita capacidade pero con pouca RAM equivale a un coche cun depósito grande de combustible pero de pouca potencia. A última xeración coñécese como ‘Memoria DDR’. Para traballar cun sistema operativo como Windows XP cómpre unha memoria de 256 MB de Ram e para utilizar os videoxogos actuais recoméndase unha memoria de 512 MB, pero pasar a un mega de memoria compensa: recíbese moito por non tantos cartos.

Disco duro

É a unidade de almacenamento interno do ordenador onde se garda todo: programas, arquivos… A capacidade media dos que se venden actualmente é de 120 gigas.

Impresora

Poden ser portátiles ou de tamaño estándar (máis grandes). A calidade non varía, só o prezo: as portátiles custan máis. Rara vez se opta na casa por impresoras láser: son máis caras cás de tinta, aínda que a súa calidade e velocidade de impresión é maior. Compensan só cando se van empregar de xeito moi continuado, xa que os recambios de tóner (a tinta que usan) duplican o prezo dos cartuchos das impresoras a chorro de tinta. Nas impresoras a cor é aconsellable optar polas que poden usar cartuchos con tinta recargable. Esta opción é a máis económica e ecolóxica, e o recheo manual dos cartuchos faise en tendas especializadas. Tamén hai uns cartuchos, os de tricromía, nos que as cores primarias están divididas e se cambia só a que se gasta.