Placas de cociña

Impóñense a eficiencia enerxética e a comodidade

1 Xaneiro de 2005
Img eco domestica listado

Impóñense a eficiencia enerxética e a comodidade

/imgs/20050101/img.eco-domestica.01.jpg
O mercado de cociñas presenta hoxe en día máis alternativas ca nunca. Tantas que pode resultar complicado elixir a máis axeitada para cada uso e consumo familiar. Placas por indución, cociñas eléctricas, de gas ou vitrocerámicas son as opcións máis espalladas. Cada unha delas presenta vantaxes e inconvenientes que cómpre sopesar antes de adquirilas. Na elección deben primar, por riba da estética, os hábitos de quen vai empregar a placa (uso cotián ou máis ben ocasional, poucos pratos ou grandes cantidades de comida…). Tamén o orzamento dispoñible inclinará a compra cara a unha placa ou cara a outra, sen esquecermos un aspecto que cada vez se valora máis: a súa facilidade de limpeza e o espazo que ocupan.

Cociñas de gas

Convencionais.

/imgs/20050101/img.eco-domestica.03.jpgTrátase dunha placa de aceiro inoxidable con queimadores de chama, aínda que tamén poden ter tres queimadores de chama e un eléctrico. Cada fogón diferénciase na potencia da chama e os modelos máis completos dispoñen dun dispositivo de autoacendido e dun sistema de seguridade que corta o fluxo de gas se a chama se apaga. Tamén as hai de dous queimadores, e mesmo dun queimador a gas e outro eléctrico, interesantes para cociñas pequenas ou segundas vivendas.

  • Vantaxes: a máis económica de todas, tanto polo prezo da placa coma polo do gas ou butano. Calquera batería de cociña serve (aceiro inoxidable, barro, especiais para vitrocerámicas, etc.).
  • Desvantaxes: nas de butano cómpre cambiar a bombona cada certo tempo e ter outra dispoñible na casa. A limpeza das placas de gas resulta máis ardua e molesta cá do resto. Os mandos non están integrados, polo que se complica máis a súa limpeza e é máis doado que se acumule lixo en lugares ós que é difícil acceder. Teñen que pasar inspeccións periódicas. Os prezos oscilan entre 100 e 260 euros.

De gas-cristal.

Distínguense das anteriores en que a súa base non é metálica, senón de vidro ou semellante. Resultan máis estéticas e modernas, pero posúen as mesmas vantaxes e inconvenientes cás tradicionais de gas. Son máis caras: a partir dos 160 euros.

Vitrocerámicas

Placa vitrocerámica eléctrica.

/imgs/20050101/img.eco-domestica.02.jpgTransmiten a calor de abaixo cara a arriba, non horizontalmente, polo que se perde menos calor e hai menor risco de queimaduras por contacto coas partes exteriores ás zonas de cocción. Requiren recipientes con base plana para tirarlles o máximo rendemento. Hai placas que combinan focos de vitrocerámicas de distinto tipo (exemplo: dous focos de indución e dous Hi-light). Tamén as hai de só dous focos, de tamaño máis reducido.

  • Vantaxes: doadas de limpar e de manter, seguras (apáganse soas porque inclúen un termóstato que controla a calor, mantendo sempre unha temperatura media.
  • Desvantaxes: algúns tipos de vitrocerámicas son aínda algo caros. Non serven tódolos tipos de recipientes.

Tipos de vitrocerámicas:

  • De indución. Funciona por ondas magnéticas. A calor xérase de modo instantáneo ó acender o mando do foco que desexamos utilizar, así que o tempo necesario para a cocción é inferior ó do resto de aparellos e o seu consumo menor. Estas placas non queiman se se tocan cando están acesas, xa que baixo o cristal non hai ningunha resistencia, tan só unha bobina que crea un campo magnético que atravesa o cristal. Resultan, polo tanto, recomendables cando hai nenos na casa. As de menor consumo de tódolos tipos de placas. Custan entre 650 euros e 1.300 euros, segundo o modelo e o tamaño. Son as que probablemente substituirán as placas Hi-light, aínda que os prezos aínda deben baixar para que isto aconteza.
  • Halóxenas. Utilizan focos halóxenos como elemento xerador de calor e a súa resposta é moi rápida, aínda que non inmediata. A súa utilización require moita potencia e, xa que logo, maior consumo.
  • Radiantes. As máis económicas e as que menos se venden actualmente, pois quedaron obsoletas. A calor xérase a través das resistencias radiantes, fabricadas a partir de aliaxes metálicas de forma helicoidal ou espiral, que van fixadas nun soporte de material illante. A partir de 350 euros.
  • Placas Hi-light. Impuxéronse de xeito abrumador fronte ás radiantes, que foron as máis empregadas ata que apareceron as Hi-light. Tamén se coñecen como placas rápidas, e están formadas por resistencias onduladas que quentan con maior rapidez cás radiantes. Son as máis habituais nas casas. O prezo varía desde 255 euros ata 500.

Vitrocerámicas de gas.

Este tipo de vitrocerámicas funcionan a gas. Son moito máis caras cás eléctricas, pero aforran no recibo da luz, principal inconveniente das outras. A súa oferta é limitada, probablemente debido ó seu elevado prezo (custan arredor de 100 euros fronte ós 250 euros das eléctricas) e á súa baixa eficiencia enerxética.

Cociñas eléctricas

Cociñas eléctricas tradicionais. Os lumes son placas metálicas de ferro fundido de diferentes tamaños e potencia que se poden graduar en función das necesidades do usuario. Un dos focos adoita ser ‘rápido’ e quece en menos tempo. Tamén se combinan a miúdo focos eléctricos e queimadores de gas.

  • Vantaxes: estes aparellos son dos máis económicos (outra cousa é o seu consumo enerxético). Os focos arrefrían moi de vagar, así que coa súa calor residual se pode acabar de cociñar un prato.
  • Desvantaxes: consumo elevado de electricidade en comparación con outros tipos de placas, eficiencia enerxética inferior ás vitrocerámicas (non sendo as de gas). Moito máis lentas quecendo e arrefriando, e cómpre agardar máis para limpalas. Nestes momentos pódense atopar modelos a partir de 115 euros.
Consideracións sobre placas vitrocerámicas
  • Doadas de limpar. Abonda con empregar un pano suave cando o foco estea morno ou frío. Pódense empregar produtos especiais para estas placas sempre que non danen a súa superficie. Ademais adoitan incluír unha rasqueta con coitela para eliminar os restos de comida pegados.
  • Soportan grandes pesos. Pódese cociñar nun recipiente de 18 cm de diámetro con 25 quilos de peso sen ningún problema.
  • Resisten os golpes. Demostrouse na elaboración das probas de calidade que aturan a caída dun disco de case dous quilos a unha altura de centímetros coa placa acesa sen que esta se estrague.
  • O coeficiente de dilatación térmica é 90 veces menor có do vidro normal e 190 veces menor có do aceiro inoxidable.
  • Son seguras. A calor limítase á zona do queimador e unhas luces integradas na placa avisan de que a placa está aínda quente.
  • O consumo enerxético das placas de indución é inferior có das placas vitrocerámicas, eléctricas de resistencias ou halóxenas, grazas á redución dos tempos de cocción.

Inconvenientes

  • O prezo das halóxenas e das de indución é moi elevado: pódense atopar a partir dos 380 euros en función do número de lumes.
  • Cómpre empregar baterías de cociña deseñadas especificamente para estas placas, non se poden usar utensilios de aceiro inoxidable e a súa base debe ser plana.
  • Ráianse con facilidade e se algúns alimentos (como o azucre) caen riba do foco cando se está a usar, cómpre limpalas axiña.