Estou no paro, podo rescatar o meu plan de pensións?

Desde o 2009 é posible para todos os parados que deixan de cobrar as súas prestacións por desemprego
1 Xuño de 2011
Img eco domestica listado 461

Estou no paro, podo rescatar o meu plan de pensións?

Case cinco millóns de parados. A arrepiante cifra da deterioración laboral que se vive en España leva a moitos fogares a buscar solucións para poñer fin ou, polo menos, frear a situación de afogo na que se atopan. Unha delas é rescatar o plan de pensións. Precisamente, no 2009 o Goberno creou unha nova lei que lles permite reembolsar o capital aforrado nestes produtos a todos os parados aos que se lles esgote a prestación, o que disparou os rescates. No 2009 (último ano do que se dispoñen datos), 43.428 persoas reclamaron o pagamento do seu aforro en plans de pensións por se atoparen nunha situación de desemprego prolongado, un 352% máis ca o ano anterior. Reembolsáronse en total 219,8 millóns investidos nestes produtos, un 67,3% máis ca no 2008, cando se rescataron 67,3 millóns de euros. Sen dúbida, a posta en marcha da nova normativa causou efecto entre a poboación necesitada de liquidez. Pero, que se esixe para solicitar o rescate?, como é mellor facelo? De volta ao mercado laboral, pódese seguir achegando cartos ao plan?

Quen o pode solicitar?

A modificación do Real Decreto 1229/2009 recolle que poden solicitar o rescate do seu plan de pensións todos os parados que cumpran as seguintes tres condicións:

  • que se atopen en situación legal de desemprego,
  • que estean inscritos como demandantes de emprego
  • que esgotasen ou non teñan dereito a percibir prestacións contributivas. É dicir, calquera persoa que estea no paro (inscrito nos rexistros do INEM) e que non teña dereito a ningún tipo de prestación pode rescatar o aforro do seu plan de pensións.

Ata o ano 2009 podíano facer só os que levasen máis de doce meses sen cobraren prestación por desemprego e pasasen a engrosar as listas dos denominados parados de longa duración. Agora, non obstante, calquera desempregado pode recuperar os cartos do seu plan sen necesidade de agardar un determinado período de tempo no paro e sen prestación. En calquera caso, a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións esixe que o plan de pensións debe recoller expresamente as novas posibilidades de rescate, algo ao que se acolleron as máis das entidades (aínda que poden existir algunhas excepcións moi minoritarias).

Son varios os tipos de desempregados aos que beneficia a norma:

  1. Todos os que esgotan a prestación por desemprego (sexa cal sexa o tempo ao que tiñan dereito a cobrala).
  2. Os que cobren a axuda por un tempo inferior a 12 meses, así que se lles esgote a prestación poden solicitar o rescate do seu aforro en plans.
  3. Igualmente, quen teña dereito a cobrar a prestación o tempo máximo permitido (dous anos), así que pase este período e consuma o seu dereito a cobrar o paro, de seguir desempregado, pode solicitar o rescate do seu plan.
  4. A nova normativa tamén fai posible que un parado que non teña dereito a prestación poida reembolsar os aforros que teña investidos no seu plan de pensións, de xeito inmediato tras ser despedido e apuntarse nos rexistros do INEM.

No caso dos traballadores autónomos, o tratamento é similar. Poderán recuperar os cartos dos seus plans cando, tras cesaren na súa actividade, figuren como demandantes de emprego e non estean a cobrar ningunha prestación contributiva. A Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións admitiu que non cómpre que o traballador autónomo se dea de baixa no réxime especial de autónomos da Seguridade Social para percibir os dereitos consolidados do seu plan de pensións, pero deberá cumprir o resto de requisitos.

Que trámites hai que facer

Rescatar os cartos dun plan por ser parado sen prestación é un dos supostos excepcionais de liquidez que contempla a lei e, como tal, require unha xestión e documentación extraordinaria.

  1. En primeiro lugar, o beneficiario do plan deberalle comunicar a continxencia pola que desexa rescatar o seu plan á súa xestora.
  2. En segundo lugar, para acceder aos dereitos consolidados, os interesados deberán presentar ante a súa entidade o correspondente certificado do INEM, o Servizo Público de Emprego Estatal, para acreditaren a súa posición de desempregado que non goza do cobramento de prestación.

Ao igual que acontece coas situacións xerais de cobramento do plan por xubilación do partícipe, nos casos nos que se solicita o cobramento por paro as entidades teñen de prazo ata 7 días hábiles para aboar na conta do interesado os dereitos consolidados.

Volver facer achegas

En principio, resulta lóxico que mentres se está a cobrar o aforro do plan de pensións por unha situación excepcional de desemprego non se poidan realizar achegas ao devandito plan. Non obstante, a lei non prohibe seguir realizando achegas a outros plans de pensións que o partícipe poida ter abertos (aínda que sería bastante chocante). En calquera caso o que si que tería o seu sentido e está permitido é volver investir en plans de pensións se o partícipe atopa traballo e regresa ao mercado laboral en activo.

Curiosamente, a lei non considera aínda a posibilidade de rescatar o plan de pensións para evitar un posible embargo. Nestes casos, o plan de pensións quedaría inmobilizado e sería intocable ata que se produza unha das situacións recollidas na lei (xubilación, enfermidade grave, invalidez ou paro sen prestación).

Fiscalidade

As prestacións de plans de pensións tributan no IRPF como rendementos de traballo e están sometidas a retención, tanto se se toma o aforro en forma de capital, renda ou mixta. Por iso, é fundamental que o desempregado teña en conta este aspecto antes de solicitar o reembolso xa que é moi probable que se esixe o cobramento en forma de capital, a Declaración da Renda do ano correspondente lle saia a pagar (o que podería ser moi prexudicial para as finanzas familiares).

  • Territorio xeral do Estado: de entrada, se se rescata o plan en forma de capital tributará segundo o tipo marxinal do contribuínte. Pola súa banda, o cobramento en forma de renda é máis vantaxoso e permite gozar dunha redución do 40% do aforrado antes do 1 de xaneiro do 2007.
  • País Vasco: nesta comunidade autónoma, todas as prestacións percibidas en forma de capital terán unha redución do 40% do seu importe.
  • Navarra: só se mantén a redución do 40% en situación de xubilación da base impoñible ao rescatar como capital, ou do 50% en caso de invalidez, pero non inclúe privilexios para os rescates en situacións de desemprego.
Como rescatalo

Ao igual ca no suposto tradicional de xubilación, cando un parado sen prestación solicita o cobramento do seu aforro en plans de pensións pode esixir o pagamento dos dereitos consolidados (o aforro acumulado) de varios xeitos:

  1. Dunha soa vez (o que se denomina en forma de capital),
  2. En pagamentos sucesivos (en forma de renda). A prestación en forma de renda consiste na percepción dos pagamentos de forma regular. Neste caso, a renda pode ser variable ou constante, a elección do partícipe. Polo xeral, cando este último solicita o cobramento en forma de renda por estar no paro e necesitar liquidez, o lóxico é que a súa contía sexa constante.
  3. De forma mixta (unha parte dunha vez e outra de xeito periódico).

Rescate en forma de capital

Fiscalmente é máis vantaxoso o rescate en forma de renda, aínda que o habitual, cando a necesidade aperta, é facelo dunha vez (en forma de capital). Neste último caso, a xestora deberalle entregar un documento ao partícipe no que indique a contía dos seus dereitos consolidados e a rendibilidade final dos activos, co ánimo de poder cumprir debidamente a Declaración da Renda do ano que corresponda.

Rescate en forma de rendas

Aínda que en principio pode resultar máis lóxico e urxente requirir o cobramento do plan de pensións íntegro, en certas ocasións, para determinados parados pode ser máis beneficioso esperar o pagamento en forma de renda, por exemplo mensual. Isto pode ser o caso de familias nas que un membro da parella estea no paro e o outro non. Se as rendas deste último son insuficientes para cubrir os gastos mensuais, pode ser oportuno solicitar o cobramento do plan de pensións en forma de renda, co ánimo de ter un colchón mensual que dea cuberto todos os gastos. Fiscalmente esta opción é moito máis vantaxosa que recibir o pagamento íntegro de vez.

Se se solicita o pagamento en varias veces (en forma de rendas), a entidade financeira en cuestión solicitará cada tres meses a documentación que acredite que o titular segue en paro e sen prestación ningunha.

Rescate de forma mixta

Tamén pode ter o seu sentido solicitar o cobramento da prestación de forma mixta: unha cantidade importante ao principio en forma de capital e pagamentos sucesivos periódicos en forma de renda. Trátase dunha modalidade de cobramento moi flexible dada as posibilidades de combinacións que ofrece. Se a planificación familiar o permite, é a prestación máis axeitada, dende o punto de vista financeiro-fiscal.

Cando se elixe esta forma de pagamento, polo xeral, as xestoras dos plans adoitan entregarlles aos partícipes un documento con validez contractual e que debe ser asinado polo titular no que especifican o número exacto de prazos durante os que o partícipe vai cobrar a súa prestación. Nel mesmo poden incluír unha especie de simulación dos cobramentos. En realidade trátase dunha simulación ou previsión, xa que cando se elixe cobrar o plan en forma de renda parte dos dereitos consolidados seguen investidos e, polo tanto, a expensas da evolución dos mercados financeiros, o que implica que o capital pode seguir medrando ou, pola contra, minguar (por exemplo se a Bolsa vai mal e o plan é de renda variable).