Mercar en rebaixas

En rebaixas, con todo o dereito

Os dereitos, a calidade e as garantías non deben sufrir ningún tipo de mingua nesta época
1 Xaneiro de 2011

En rebaixas, con todo o dereito

Nin gravatas, nin perfumes. Coa crise, para moitos españois, o mellor agasallo que lle poden deixar as súas maxestades os Reis Magos de Oriente é un pequeno sobre con cartos en efectivo. O seu destino está claro: vaise gastar nesta nova tempada de rebaixas de comezos de ano. Agardar a ver os prezos máis baratos para ser dar algún capricho é unha práctica cada vez máis xeneralizada nestes tempos de economía convulsa. E será posible xa que, ante a debilidade do consumo, moitos comercios farán descontos de ata o 70% sobre o prezo orixinal, segundo previsións da Confederación Española de Consumo. Agora ben, o desconto nos produtos non debe vir asociado cunha mingua de calidade nin, por suposto, dos dereitos dos consumidores. Nalgunhas ocasións, os comerciantes espremen ao máximo a forza de vendas que se deriva de colgar un gran cartel coa palabra máxica de “rebaixas” para atraer ávidos compradores. Pero convén lembrar que as rebaixas non se deben relacionar con produtos defectuosos ou de “outlet” (que poden conseguirse máis baratos en calquera época do ano), promocións ou liquidacións. Unhas verdadeiras rebaixas só deben afectar ao prezo, non á calidade dos artigos nin aos dereitos dos consumidores. Velaquí un pequeno decálogo para non perder a cabeza ante a publicidade de descontos e afrontar as rebaixas con tino e coas ideas claras. Que se pode esixir?, que di a lei sobre a política dos comercios neste período?, cando e que se pode reclamar?

  1. Calcule o prezo final. Ollo co novo IVE! Como xa aconteceu no verán do 2010, moitos comerciantes tratarán de atraer compradores nestas novas rebaixas de xaneiro do 2011 amosando na súa publicidade que non repercutirán a suba do imposto nos seus produtos. Non obstante, pode ser unha mera argucia de vendas. En realidade, as dificultades económicas do momento fan que moitas empresas non poidan asumir o custo do novo IVE e deban trasladalo debidamente aos consumidores. Non convén deixarse levar pola porcentaxe de desconto anunciada a bombo e prato sobre o ben rebaixado. Hai que estar ao tanto do verdadeiro prezo final. Nalgúns comercios (por exemplo en venda de electrodomésticos ou mobles para o fogar) non existe aínda a obriga de expoñer o prezo final con IVE e será o consumidor quen deba calculalo.
  2. Rebaixas, non saldos nin promocións. Para comezar, o primeiro que expón a lexislación é que os produtos que se vendan baixo a categoría de rebaixados teñen que formar parte da oferta habitual do comercio durante, polo menos, un mes, deben contar coa mesma calidade ca antes e deben amosar o seu prezo orixinal e o novo prezo rebaixado. Non se considerarán produtos rebaixados aqueles que se saquen expresamente á venda para a ocasión. O consumidor debe saber, xa que logo, que o comerciante non poderá venderlle como produtos rebaixados saldos, é dicir, bens defectuosos, deteriorados ou pasados de moda (os denominados outlets) nin produtos en promoción.
  3. Calidade 100%. Para non levar a enganos ao comprador, as tendas deben especificar qué tipo de prendas ou obxectos son especificamente os rebaixados e cales son os saldos, as promocións ou as liquidacións (é dicir, aquelas vendas excepcionais que se poden ofrecer a menor prezo do habitual por peche temporal ou definitivo do negocio). En definitiva, os artigos rebaixados deben ter a mesma calidade que cando se vendían ao seu prezo orixinal que, en calquera caso, debe mostrarse na súa etiqueta.
  4. Prezos escritos á man, baixo sospeita. Un indicio de conduta fraudulenta por parte do comerciante pode ser escribir manualmente o prezo dos seus artigos. Se acontece iso, é moi doado “engordar” o prezo inicial de venda e amosar como rebaixada a mesma cantidade coa que realmente se estaba a vender o artigo antes de comezar o período de descontos. En moitas ocasións, é doado comprobar que un produto segue mantendo o prezo de venda anterior ao período de rebaixas xa que, con certa picaresca, o comerciante cambiou a súa etiqueta para elevar o prezo inicial e expor como rebaixado o seu antigo prezo.
  5. Informarse antes de mercar. Ao igual ca a calidade dos produtos, o que non debe modificarse no período de rebaixas é a política de vendas do comercio. Así e todo, é posible que o comercio modifique certas pautas, sen estar por iso a cometer ningún tipo de infracción. Para non se levar a enganos, convén observar se no establecemento hai indicacións expresas para a época de rebaixas acerca da aceptación ou non do pagamento con tarxeta, da devolución dos produtos, da posibilidade de recuperar os cartos, do prazo de aceptación de cambios…
  6. O dereito á devolución. Neste terreo as diferenzas entre comercios poden ser moi notables. A lexislación déixalles vía libre ás empresas para fixaren as súas pautas de actuación e non obriga a aceptar a devolución de ningún produto, salvo que estea defectuoso. Non obstante, nos últimos anos, si que se estendeu masivamente a devolución (mesmo polo cartos en efectivo) como xeito de fidelizar e atraer os usuarios. Unha boa práctica por parte do comerciante será aceptar as devolucións en período de rebaixas se así o fai durante o resto do ano. Non é de recibo que cambie as súas propias normas de maneira arbitraria. Non é, polo menos, unha boa estratexia comercial para gañar clientes, aínda que legalmente pode aplicar a política de devolucións que desexe ao seu antollo. Ante a dúbida, o apropiado antes de adquirir un ben en rebaixas é preguntar sobre a posibilidade de devolvelo. Para facelo con todas as da lei, en todo caso, o ben deberá conservar a súa etiqueta e envoltorio orixinal e o consumidor deberá presentar o correspondente tícket de venda.
  7. Devolucións ao prezo orixinal, non ao rebaixado. En calquera caso, se o vendedor admite as devolucións, mesmo en período de rebaixas, a lei recoñece que non pode pedir unha indemnización polo desgaste que poida sufrir o ben mentres se proba e o cliente decide se lle satisfai ou non. É dicir, que se un comercio admite unha devolución, debe reembolsar o prezo que o produto tiña cando foi comprado e non o prezo que marca en período de rebaixas. Se se compra antes de que empecen as rebaixas e se devolve cando xa comezaron, non debe admitir que lle dean menos do que pagou no seu día.
  8. Pagamento con tarxeta. En rebaixas, coma o resto do ano, se un establecemento admite o pagamento con tarxeta, debe facelo tamén neste período. En calquera caso, a lei non establece unha pauta xeral neste terreo. Cada comercio goza de liberdade de actuación. Polo tanto, é posible que non a acepten, pero, para iso, deben anuncialo de modo ben visible con algún tipo de cartel. Non obstante, o que non deben facer os comerciantes é obrigar o cliente a pagar unha recarga por pagar coa tarxeta durante as rebaixas.
  9. Garantías válidas. Ningún comercio pode anular ou quitar as garantías dun produto coa escusa de que está rebaixado.
  10. A forza da reclamación. Se o consumidor descobre que o comerciante non está a actuar de acordo á lei, está en todo o seu dereito de esixir unha folla de reclamacións que, cumprida debidamente, chegará ata as institucións competentes (a Dirección Xeral de Consumo, as oficinas municipais…). Antes de chegar a este extremo, é útil comunicarlle ao comerciante o malestar e intentar pactar unha solución. Polo xeral, se o vendedor actuou de modo fraudulento, preferirá negociar unha rebaixa substancial no artigo para deixar satisfeito o comprador e evitar a presentación da reclamación, o que podería derivar no pagamento dunha substanciosa multa. En calquera caso, se o vendedor se nega a dar ou non dispón de follas de reclamacións, o cidadán pode solicitar a asistencia da policía local para que levante acta do feito e trate de atopar unha solución ao conflito. Neste sentido, é interesante saber que os establecementos adheridos ao sistema arbitral de consumo lle ofrecen máis garantías ao comprador. Ante unha posible reclamación, préstanse a resolver o conflito co cliente dunha maneira lixeira e gratuíta, mediante a intervención dun árbitro acreditado ante a Xunta Arbitral de Consumo.
Mesma calidade, a menor prezo

Sen ánimo de converterse nun avogado experto, calquera cidadán pode coñecer con exactitude que significa o concepto de rebaixas. Só debe ler a Lei 7/1996 de ordenación do comercio polo miúdo, que é a que regula a maneira de actuar e as obrigas dos comerciantes nesta particular etapa de vendas. Esta lei reformouse o pasado exercicio, ao se aprobar a Lei 1/2010, do 1 de marzo, de reforma da normativa anterior, aínda que nela non se incorporaron novidades sobre as obrigas e dereitos dos consumidores respecto ás rebaixas. Xa que logo, hai que se remontar ao texto de 1996 para falar sobre este asunto. Iso si, sen esquecer un cambio recente que afecta a todo tipo de vendas, xa sexa en rebaixas ou fóra deste período: a suba do IVE que entrou en vigor en xullo do pasado exercicio. Dende aquela, con carácter xeral pasou do 16 ao 18% (o IVE reducido, o que afecta ao transporte, hostalería, vivenda nova, etc., elevouse do 7% ao 8% e o superreducido, alimentos non manipulados e prensa, mantense igual, no 4%).