Como reformar o fogar sen romper a cabeza

Planificar as obras, pedir varios orzamentos e contratar a profesionais que ofrezan garantías son elementos imprescindibles para evitar problemas serios
1 Setembro de 2011
Img eco domestica listado 475

Como reformar o fogar sen romper a cabeza

A crise estancou o mercado inmobiliario, pero en cambio revitalizou o sector das reformas. Oficios como a albanelería, a fontanería ou a carpintería consolídanse como a alternativa perfecta para quen quere cambiar a casa sen se mudar de domicilio. Nos dous últimos anos, a demanda destes servizos aumentou tanto como a súa oferta. Os seus anuncios multiplícanse en caixas de correo, farois e paradas de autobuses. Os protagonistas desta dinámica son, por unha banda, as persoas que pensaban mudarse e xa non o poden facer e, por outra, os profesionais da construción que quedaron sen emprego e se botaron a traballar por conta propia. Agora ben, con tantas alternativas, non sempre se sabe cando é o mellor momento para comezar as reformas, por onde empezar nin en quen confiar.

A precaución, fundamental

Mellorar o aspecto do fogar é un proxecto que ilusiona. Estrear unha cociña ou un baño, darlle maior amplitude á sala ou ter luz nun cuarto cego fan que pague a pena escachar azulexos, tirar tabiques ou furar a parede. Cóidase que o resultado final vai compensar as molestias todas, pero isto non sempre é así, e máis dunha vez as obras resultan ser unha chapuza ou quedan sen rematar. Ante estas situacións, a miúdo non se sabe como actuar cando o albanel ou o fontaneiro desaparecen a metade de traballo, ou como actuar cando as obras afectan aos veciños ou hai un accidente grave.

Estas situacións debuxan os peores escenarios posibles, pero convén telas en conta, xa que ninguén está libre de sufrir abusos deste tipo. Por iso cómpre tomar certas precaucións antes de iniciar a transformación do fogar.

  1. Que facer e cando. O primeiro paso antes de chamar a un profesional é decidir que cambios se queren acometer e cando é o mellor momento para facelos. Soñar con certas melloras está moi ben, pero non hai que esquecer o aspecto racional do asunto. A planificación é moi importante, xa que axuda a evitar gastos innecesarios e desgustos. É mellor, por exemplo, non cambiar o azulexado e os mobles do baño sen sanear antes os canos vellos que, a medio prazo, darán problemas e esixirán unha obra de maior envergadura. En termos de prioridades, a orde debe ser da estrutura á aparencia. En canto ao momento de iniciar as obras, os meses de verán son os máis adecuados, sobre todo para as reformas de gran calibre. Estes traballos -que resultan invasivos con ruídos, entullos, po…- case sempre obrigan a familia a abandonar a vivenda de xeito temporal; por iso, xuño, xullo, agosto e setembro son os meses idóneos, xa que coinciden en parte co período vacacional.
  2. Orzamentos e garantías. Así que que se decidiu que se vai facer e cando, o seguinte é buscar distintas opcións. Solicitar varios orzamentos, preguntar polos materiais, consultar os prazos e pedir referencias son claves antes de elixir a un profesional. Agora a oferta é máis diversa, e é bo momento para acadar uns cantos orzamentos. Ter cinco ou seis opcións na man permite coñecer cal é o prezo medio do mercado e descartar as propostas que se afasten del, tanto por caras como por baratas. Non hai que se fiar dos orzamentos demasiado custosos (carestía non sempre se traduce en calidade), pero menos aínda dos que son demasiado económicos. Unha cousa é que as empresas recorten os seus beneficios para ser máis competitivas, e outra é que recorten na calidade dos materiais ou dos acabados. Tamén pode custar moi caro que a empresa non ofreza ningún tipo de garantía. Amais das referencias que se poidan ter por parte de amigos, é importante que a persoa que se contrate poida ofrecer un calendario concreto de traballo, garantías dos materiais e da obra que vai realizar. E, de ser posible, que o faga todo por escrito.
  3. Documentación e impostos. Os orzamentos escritos, os comprobantes de pagamento, o calendario de traballo impreso con detalle e as facturas en regra son, en principio, unha garantía de tranquilidade para o cliente. Por suposto, non se trata dun método infalible, nin isto tampouco quere dicir que se alguén non o ofrece sexa un mal profesional. Pero canto máis documentado estea o propietario, máis protección terá en caso de que xurdan problemas. Por iso, é recomendable esixir o orzamento por escrito, e que neste se precise a cantidade, calidade e prezo dos materiais que se van utilizar e mais o importe da man de obra e a data de inicio e finalización dos servizos. O documento debe incluír a modalidade de pagamento e os datos de identificación da empresa. Ademais, antes de comezar a obra cómpre que preguntar que inclúe o orzamento e que se pode cobrar que non estea incluído nel. Porque o de “xurdiron problemas non previstos” é un argumento que pode valer para case calquera circunstancia.
  4. O IVE, máis ca un imposto. Os operarios que traballan á marxe da legalidade poden non dispoñer de seguro de responsabilidade civil, de xeito que ante un dano non será doado que se fagan cargo dos gastos derivados. Confiar nun profesional que carece de licenza fiscal e que non realiza a declaración trimestral do IVE comporta os seus riscos. E é que se a persoa a quen se contrata non realiza a declaración de IVE, non se poderá, se fose preciso, efectuar unha reclamación pola vía xudicial, con independencia de que ao cliente lle cobraran o IVE. É o que se coñece como o “falso IVE”. Por iso hai que comprobar que a factura inclúe o NIF e o número de identificación fiscal.
  5. Xestionar ben os cartos. Tras elixir o profesional que se vai facer cargo da reforma e aceptar o orzamento, o seguinte é administrar os cartos de xeito concienciudo. É habitual que se lle esixan ao cliente adiantos para iniciar a obra. A empresa está no seu dereito de pedir un diñeiro por adiantado, pero hai que intentar non o anticipar. Se non queda outra máis que realizar este pagamento, convén pactar que a cantidade non sexa elevada e, por suposto, esixir unha factura ou comprobante do adianto. Unha cantidade razoable para o sinal será a que non supere o 25% do importe total.
  6. Fin da obra. A contía da factura debe corresponder ao orzamento aprobado, e nela figurarán a identificación do cliente e da empresa, a descrición dos traballos, o prezo analizado de materiais, man de obra e saídas e mais os impostos. Amais de esixir unha factura en regra e co IVE engadido, convén solicitar que se inclúan nela os termos da garantía da obra. A factura e mais a garantía deben estar datadas, seladas e asinadas polo cliente e polo prestador do servizo. Se así que rematan os traballos o cliente detecta algún defecto ou estrago debido á actividade dos traballadores, pode negarse a pagar a reforma ata que se repare o dano causado. E, se xa pagou, poderalle reclamar á empresa. En primeira instancia pode facelo de modo oral e con ton amable; se non se lle atende de modo axeitado pode recorrer ao camiño oficial mediante unha reclamación en toda regra. É posible que durante as obras se usasen compoñentes de segunda man (cables, chaves e interruptores da luz…). Isto só pode facerse con consentimento do propietario e debe significar un abaratamento dos custos. A garantía dos materiais usados é de só un ano, en lugar dos dous anos dos que gozan os novos.
Claves para evitar problemas
  • Non contrate a un “chapuzas”, mellor elixa a un profesional con referencias.
  • Se é un traballador autónomo, verifique o seu DNI ou NIF. Se é unha empresa, asegúrese de que estea dada de alta no Imposto de Actividades Económicas, anote o seu número de rexistro empresarial e mais o código de identificación fiscal.
  • Elixa un equipo de profesionais con seguro de responsabilidade civil, xa que responderán de danos extracontractuais (os que afectan a veciños, aos locais…).
  • Se a reforma é integral ou pensa cambiar a cociña e o baño, deberá atopar unha vivenda alternativa ata que rematen as obras. Planifique este tema polo miúdo, xa que calquera imprevisto ou cambio de última hora dilatará o proceso de reforma e pode aumentar os custos.
  • Consiga varios orzamentos por cada gremio. Informarse e comparar é o mellor xeito de dar coa mellor relación calidade-prezo.
  • Solicite orzamentos detallados e por escrito: materiais, custo por unidade, tempo de man de obra… Unha vez aceptado o orzamento, calquera variación deberáselle notificar e reflectir outra vez por escrito.
  • Desconfíe dos orzamentos verbais e dos moi baratos. Para despexar dúbidas, esixa que lle detallen o que inclúe o orzamento e o que non. Aí radica a diferenza entre uns e outros.
  • Se debe pagar un adianto, aboe a menor cantidade posible. En ningún caso este sinal superará a metade do custo total.
  • Non aboe o 100% do importe da obra ata que as obras rematen de todo, mesmo o máis mínimo detalle. Acorde efectuar unha parte do pagamento (o 20%, por exemplo) xusto ao final da obra.
  • Unha vez que os traballos finalicen, revise polo miúdo os materiais empregados e mais o acabado final. Se o resultado non é o prometido ou se descubriu danos ou estragos, reclámelle á empresa.
  • No intre do pagamento, débenlle entregar unha factura na que a carón de toda a información dos traballos (descrición de tarefas, man de obra…), figure a identificación do cliente e da empresa. Tamén os detalles da garantía.
  • Acepte a factura só cando coincida co orzamento. Se sufriu algunha variación e non lle foi notificada, pódese negar a pagala.
  • Esixa facturas con IVE, datadas, seladas e asinadas por ambas as dúas partes. Sen IVE non hai garantía real nin opción de reclamar.