Código IBAN, claves para descifralo

A partir de febreiro de 2014, sen o código IBAN na conta bancaria non se poderá realizar ningunha operación financeira nin dentro nin fóra de España
1 Xaneiro de 2014
Img economia domestica listado 203

Código IBAN, claves para descifralo

O International Bank Account Number (IBAN) é o novo identificador das contas correntes. Engade catro díxitos aos 20 da conta corrente que, en febreiro de 2014, deixa de estar recoñecida coas populares CCC. Estes catro signos serán: ES, no caso de España, e un díxito de control de dúas cifras. A este identificador engádese o Business Identifier Code (BIC), un código que caracteriza a entidade asociada á conta emisora e que está composto por 11 caracteres. O máis importante é ter en conta que, a partir de febreiro, sen o código IBAN non se poderá realizar ningunha operación financeira, xa sexa de cobramento ou de pagamento.

Que é e para que serve o código IBAN?

O código IBAN serve para identificar no eido internacional unha conta bancaria. O seu nome vén das siglas en inglés da norma IBAN (Internacional Bank Account Number). Naceu para que as entidades puidesen automatizar de xeito sinxelo as transferencias entre bancos da Unión Europea. Con esta normativa, os pagamentos e as transferencias intracomunitarias execútanse de xeito similar ás nacionais e pódense aplicar tarifas similares.

Antes desta normativa, rexistráronse dificultades nos pagamentos internacionais na Unión Europea, pois os sistemas de identificación de contas eran só nacionais e isto imposibilitaba saber en que país estaba aberta unha conta. Así, o código IBAN, que afectará as transferencias bancarias, os recibos domiciliados e os pagamentos con tarxeta, leva catro caracteres iniciais e, a continuación, o número de conta.

Exemplo:

  • Código IBAN: código do país (dous signos) + código de control (dous díxitos). Exemplo: ES21 (código de país ES para España + código de control 21).
  • Número de conta tradicional: 20 caracteres que identifican a conta. Exemplo: 1465 0100 72 2030876293.

Como se pode obter o código IBAN

Obter este código a nivel particular é sinxelo, xa que abonda con acudir á entidade bancaria e solicitalo. En caso de non o ter en febreiro de 2014, o Ministerio de Economía aprobou unha medida temporal que lles permite aos bancos a conversión de CCC a IBAN ata 2016. Non é tan doado no caso das empresas e das administracións públicas, pois a actualización dos datos é moito máis complicada. E, segundo o Banco de España, só o 0,24 % das operacións de débitos que se realizan hoxe se fan baixo o código IBAN.

A obtención do IBAN é gratuíta e as entidades financeiras non deberían cobrar polo cambio. O cobramento por recibir este novo código non está xustificado. Non obstante, no caso das compañías, se o día 1 de febreiro de 2014 non teñen o IBAN, en principio o banco pode cobrarlles polo convertedor.

Zona única de pagamentos

A zona única de pagamentos en euros -SEPA (Single Euro Payments Area)- responde á normativa europea 260/2012, que garante o seu establecemento efectivo e que establece uns requisitos, como por exemplo ter o IBAN e o BIC para as operacións bancarias.

A SEPA permítelles aos clientes bancarios dos 33 países que a integran (os 28 da UE e os cinco adicionais: Islandia, Liechtenstein, Mónaco, Noruega e Suíza) contar cunhas normas comúns para realizar operacións. Así, as transferencias bancarias, as domiciliacións e os pagamentos con tarxeta internacionais serán tan sinxelos coma os nacionais. Ao facerse efectiva unha zona única, elimínanse as barreiras nos pagamentos internacionais.

Malia as dificultades que poida entrañar adaptarse aos cambios, as súas vantaxes son moitas e, entre outras, convén sinalar as seguintes:

  • Unha maior axilidade e seguridade nos pagamentos.
  • Centralizar nunha soa conta bancaria todas as operacións en euros dentro da zona SEPA.
  • Reducir o custo dos pagamentos transfronteirizos mediante tarxetas e transferencias electrónicas.
  • Dotar de maior protección os usuarios.
Bank Identifier Code (BIC)

O código BIC serve para identificar o banco beneficiario dunha transferencia. O seu nome vén das siglas en inglés dos termos Bank Identifier Code, e completa a información proporcionada polo código IBAN. É o código que utilizan os bancos asociados ao sistema SWIFT e o que se adoita empregar para realizar os pagamentos no ámbito internacional. Nel, cada banco ou entidade asociados están recoñecidos por un código de entre 8 e 11 caracteres:

  • Os catro primeiros representan o código do banco.
  • Os dous seguintes son o código ISO do país.
  • E os outros dous identifican a localidade.
  • En ocasións, úsanse tamén outros tres, que corresponden á sucursal. Porén, o máis habitual é utilizar o de 8 caracteres.