Axudar e recibir axuda no Nadal

Nestas datas é posible doar alimentos, artigos de segunda man e xoguetes, realizar tarefas de voluntariado ou adherirse a campañas solidarias
1 Decembro de 2013
Img economia domestica 2 listado

Axudar e recibir axuda no Nadal

O Nadal préstase á solidariedade. Nestas datas, aumentan as ganas de lles axudar aos demais, así como a necesidade de recibir axuda. As organizacións sociais manteñen as súas portas abertas durante todo o ano, pero é agora cando máis persoas se deciden a cruzalas. Calquera data é boa para isto.

Comidas e ceas de Nadal nos comedores sociais

Os comedores sociais son o refuxio de centos de persoas e familias. Para algunhas, o único lugar onde reciben un prato de comida quente. Por iso, no Nadal manteñen a súa actividade e, mesmo, preparan menús especiais. Algúns comedores están xestionados por institucións públicas, na súa maioría concellos, que poden requirir que se cumpran unha serie de condicións (escasos ingresos, maioría de idade etc.). Outros están en mans de entidades benéficas e relixiosas e son, en xeral, de acceso libre.

  • Como axudar. Boa parte dos comedores nútrense de persoas voluntarias, cidadáns que dedican unhas horas do seu tempo a cubrir as necesidades de cada comedor. Ás veces abonda con servir e recoller os pratos e outras os voluntarios deciden os menús, preparan a comida, poñen as mesas e préstanlles compañía e atención aos que acoden a estes centros. A súa axuda en Nadal gaña relevancia, xa que é agora cando as ausencias e as carencias se fan máis notables.
  • Como recibir axuda. Os comedores sociais que dependen dos concellos e doutras administracións públicas están previstas, na súa maioría, para persoas derivadas dende os servizos sociais. Outros están a cargo de organizacións como Cáritas e Fillas da Caridade. Para coñecer onde se localizan, é conveniente consultar nas delegacións de cada provincia.

Doar xoguetes para nenos e regalos para maiores

Os regalos representan a ilusión no Nadal, e non só dos pequenos, senón tamén dos maiores. Algúns non recibiron xamais un regalo ou hai tempo que ninguén lles entrega un. Varias iniciativas encárganse de que este ano ninguén quede sen o seu:

  • Xoguetes para nenos. Para o Día de Reis, Cruz Vermella carece dunha campaña nacional de recollida de xoguetes, pero moitas asembleas si aceptan bonecos e xogos para os máis pequenos. Antes de doar, convén consultar nas sedes. Tamén se recollen xoguetes nalgunhas delegacións de Cáritas e o Centro Español de Solidariedade Proxecto Home Madrid puxo en marcha a décima campaña de recollida de xoguetes de segundo uso. Pódese solicitar información no teléfono 91 544 85 09 ou no correo electrónico navidadsolidariaph@gmail.com.
  • Regalos para persoas maiores. Un ano máis, Mensaxeiros da Paz organizou a campaña Os maiores tamén cren nos Reis Magos, que recolle regalos para maiores sós ou sen recursos. Os regalos pódenselle enviar á delegación da entidade en Madrid (praza General Vara del Rey 1, 28005 Madrid). É posible reunir varios regalos e pedirlle á entidade que os recolla ou informarse por teléfono (913 66 28 94) ou correo electrónico (centrodedia@mensajerosdelapaz.com). Pídense artigos “novos e sinxelos, para señora ou cabaleiro”, e mesmo hai unha lista de regalos más solicitados.

Adherirse a campañas solidarias

  • Agora + ca nunca: Co fin de actuar ante as consecuencias da crise en miles de persoas, Cruz Vermella puxo en marcha o ano pasado a campaña Agora + ca nunca, un chamamento á solidariedade que se ampliou ata 2015 debido á magnitude das necesidades. Sobre todo, necesítanse fondos que a organización destinará a cubrir necesidades básicas. As doazóns transfórmanse en alimentos, lotes de hixiene e vestiario, apoio económico puntual para o pagamento de facturas ou alugamentos, merendas e material escolar para os estudantes ou axuda para mellorar o acceso a un emprego “como vía clave de inclusión social”. O obxectivo é incrementar a atención dirixida aos grupos en situación de extrema vulnerabilidade, “como familias con todos os seus membros en paro, nenos que viven en fogares pobres, persoas maiores con responsabilidade ou cargas familiares, persoas paradas de longa duración, persoas sen fogar ou novos en paro”, explica Cruz Vermella.
  • Ninguén sen fogar: Cáritas propón apoiar a campaña Ninguén sen fogar, cuxo lema este ano é “Ninguén sen saúde. Ninguén sen fogar”. O obxectivo é concienciar sobre a privación do dereito á saúde das persoas sen fogar e pedirlles ás administracións que garantan o acceso aos servizos de saúde en situación de igualdade, planificar estratexias no ámbito da saúde mental, procurar a formación axeitada do persoal sanitario en áreas como psiquiatría, psicoloxía clínica, alcoholismo ou drogodependencias e impulsar unha coordinación sociosanitaria, en materia de saúde, asuntos sociais e vivenda.
  • Trailwalker: Oxfam Intermón propón o desafío Trailwalker, unha carreira por equipos para loitar contra a pobreza. Cada equipo, composto por catro persoas, ha de percorrer a pé 100 km nun máximo de 32 horas. “Os membros do equipo deben empezar, camiñar e finalizar xuntos”, precisa a entidade. Durante a preparación física, cada equipo ha de organizar actividades para recadar fondos que se destinan a proxectos de cooperación, acción humanitaria, comercio xusto e sensibilización. Cada equipo comprométese a recadar como mínimo 1500 euros.