Avais para préstamos

Avalar supón importantes riscos económicos

Os avais son un contrato que obriga a facer fronte ás débedas do avalado
1 Decembro de 2003
Img listado eco domestica

Avalar supón importantes riscos económicos

Dispor dunha nómina fixa, ser titular de bens inmobles ou posuír unha conta corrente saneada son os requisitos que os bancos ou caixas de aforros lle esixen a un cliente a cambio de lle conceder un préstamo. Quen cumpra con algunha destas tres condicións -ou con máis dunha, en caso de solicitar sumas avultadas- e poida demostra-la súa solvencia non precisará ningún aval. Pero o máis habitual, especialmente en xente nova que trata de acceder á primeira vivenda, é todo o contrario. É daquela cando a entidade bancaria lle esixe ó solicitante do préstamo un aval que reduza o risco que asume a caixa ou banco. O problema é que a xenerosa iniciativa de avalar a un parente ou a un amigo pode supor graves consecuencias económicas para o avalista.

Un contrato con riscos

  • Un aval é unha garantía bancaria. A súa misión é demostrarlle ó banco que, aínda que o titular do crédito non constitúa suficiente garantía para a concesión do crédito, hai un cotitular que responde polo titular e que se compromete a paga-la cantidade que este deixe de aboar, de acontecer isto último.
  • Os avais son un contrato público: asínanse ante notario. O habitual é que o trámite se efectúe a través do notario do propio banco ou caixa. Outra posibilidade é que se realice desde o despacho do notario, aínda que dependerá da entidade financeira e do cliente. Cando se trata de avalar un crédito hipotecario, asínase na entidade bancaria.
  • Hai dous tipos de avais: os emitidos por persoas físicas -avais persoais- e os bancarios, cando quen se compromete a paga-la débeda é unha entidade financeira.
  • Os avais persoais utilízanse normalmente para créditos hipotecarios e de consumo. Familiares ou amigos son elixidos como avalistas na compra dun piso, dun coche… Este aval é gratuíto: o titular non lle paga ó seu avalista para que figure como tal.
  • Os avais bancarios son máis utilizados por empresas -os bancos aválanas fronte a terceiros- e tamén, cada vez máis, en contratos de arrendamento de vivendas: o arrendador, temeroso de que o inquilino cometa algún impagamento, de que abandone a casa antes do acordado ou de que ocasione estragos, solicita, amais da fianza, un aval bancario equivalente ó alugueiro de 4 ou 5 meses ou máis.
  • Os avais bancarios non son gratuítos: o banco ou caixa, como avalista, cobraralle ó titular do crédito unha comisión. Nos avais bancarios que os arrendadores lles solicitan ós inquilinos e que, en teoría, deben aboar estes, cabe a posibilidade de negociar que os gastos se compartan entre as dúas partes. Considérase un xesto de boa vontade que o inquilino acepte o aval, que tranquilizará ó arrendador, polo que a este se lle pode pedir que responda a ese xesto asumindo a metade do custo do aval.

Vixencia do aval

Un aval pódese asinar para garantir todo un préstamo ou só parte del, tanto nos avais persoais coma nos bancarios. Antes de asina-lo contrato, o avalista débense informar do importe e do prazo para o que constarán como tales. Transcorrido ese período ou aboada a cantidade que avalaba, quedará libre do seu compromiso. Aínda que a práctica de limita-la duración do aval é cada vez máis demandada polos titulares dos créditos, as entidades financeiras, conscientes do risco que lles comporta, tratan de negarse a quedar sen avalistas. A opción que ofrecen é a de cambiar de avalista, é dicir, propoñen un contrato cun avalista para un período concreto e, cando vence o prazo, esíxenlle ó titular outro avalista, que el mesmo decidirá.

O período de vixencia: algúns bancos e caixas continúan cobrando comisións trimestrais ou de risco, aínda que o prazo do aval rematase ou a cantidade avalada fora xa satisfeita. O período de vixencia do aval non ten que coincidir co período polo que se asinou o préstamo, xa que se pode avalar só unha parte. Rematado o período de vixencia do aval, o titular do crédito débelle esixir ó banco que dea por liquidado o contrato de aval.

¿Que acontece cando o titular non paga?

Ante un impagamento, o acredor (banco ou caixa de aforros) débelle reclamar en primeiro lugar ó debedor principal -a quen solicitou o préstamo- esixíndolle o pagamento da débeda. Esta reclamación faise por escrito: envíaselle unha carta ó cliente debedor como aviso, non como vencemento da débeda. Un só atraso adoita ser abondo para que bancos e caixas de aforro comecen as xestións de cobro. Os impagamentos penalízanse, tal e como consta no contrato do préstamo. Aínda que depende de cada banco ou caixa, a penalización adoita ser de 5 puntos por riba do tipo de xuro pactado para o préstamo. Esa multa aplícase na mensualidade ou mensualidades non aboadas a tempo. Se o titular non aboa o prazo do préstamo, o banco ou caixa tratará, polo xeral, de localizalo por teléfono, pero non está obrigado a facelo. Non é mala idea aproveitar esta chamada para ofrecerlle á entidade financeira as explicacións pertinentes ou para tratar de negociar unha prórroga xustificando o problema que ocasionou o impagamento e asegurando que a débeda será saldada en breve.

Se o impagamento persiste, o máis habitual é que a caixa ou banco lle advirta ó titular do crédito que acudirá ós tribunais. Nestes casos, a entidade está obrigada -por lei e porque así figura no contrato do préstamo- a respecta-los prazos para executa-lo aval (normalmente tres meses, aínda que depende de cada caso). Se transcorrido ese prazo o debedor non aboa os atrasos, acódese ó avalista.

O avalista débelle pagar ó banco as cantidades debidas polo titular do préstamo, así como as penalizacións e os gastos derivados do contencioso e mais os xuízos. Isto non lle impide converterse en acredor da persoa á que avala e emprende-las accións legais precisas para poder cobrar, por outros medios, as cantidades que avalou. Para iso resulta útil a contragarantía: trátase dun documento público, tamén asinado por un notario, polo que o titular do préstamo se compromete a aboarlle ó seu avalista a débeda que contraia con el ou con ela. En caso de acudir ós tribunais, a contragarantía afórralle tempo ó avalista, que non deberá demostrar que o titular lle debe diñeiro (o que si tería que facer de non existir este documento).