Electrodomésticos e eficiencia enerxética

Aforros importantes con idénticas prestacións

1 Xullo de 2005
Img eco domestica listado 121

Aforros importantes con idénticas prestacións

/imgs/20050701/eco_domestica01.jpg
Segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA), a maior parte da enerxía que se usa nas vivendas españolas dedícase ó uso da calefacción e á produción de auga quente sanitaria. Estas dúas partidas suman o 66% do gasto enerxético familiar. O 34% restante invístese no uso de electrodomésticos (16%), na cociña (10%), na iluminación (7%) e no aire acondicionado (1%). Convén ter presente que o aforro enerxético que se pode acadar cun uso eficiente dos equipamentos das nosas vivendas é moi importante. Por esta razón, é determinante analizar os datos destes aparellos en función do uso que lles vaiamos dar: a medio e longo prazo, os electrodomésticos máis baratos poden resultar caros se non se ten en conta a información sobre o seu consumo enerxético. Con este propósito, a Comisión Europea puxo en marcha en 1989 o sistema de etiquetas enerxéticas para informar ós usuarios do consumo de enerxía do electrodoméstico, xeralmente no modo de uso da enerxía, eficiencia e/ou custas da enerxía, contribuíndo ó mesmo tempo a controlar a contaminación ambiental, xa que a maior parte da enerxía que hai no planeta procede de fontes enerxéticas esgotables.

Etiquetas enerxéticas, en poucas palabras

  • Son obrigatorias para electrodomésticos como frigoríficos, conxeladores, lavadoras, secadoras, lavalouzas e lámpadas de uso doméstico.
  • Un electrodoméstico é eficiente se ofrece as mesmas prestacións ca outros consumindo menos enerxía.
  • Hai sete etiquetas (A, B, C, D, E, F, G), identificadas cada unha delas cunha cor. O consumo dos electrodomésticos con etiqueta A é o máis eficiente, e os que locen un G son os que máis consomen facendo o mesmo.
  • As etiquetas só son comparables dentro dun mesmo grupo de electrodomésticos: non se debe interpretar igual un D nunha lavadora ca nunha lámpada.
  • Como se asignan as etiquetas de eficiencia enerxética? Mediuse, no seu momento, o consumo anual de frigoríficos, lavadoras, etc., e ó consumo medio dos aparellos analizados asignóuselle o punto intermedio entre as letras D e E (os niveis que quedan en posición intermedia entre o A e o G). A partir deste punto, calculáronse os demais.
  • A diferenza de prezo entre un aparello da clase A e outro da clase C amortízase en 5 anos grazas ó seu menor consumo.

Non hai organismos independentes que etiqueten os electrodomésticos: son os propios fabricantes os que asignan as etiquetas despois de contratar os servizos de laboratorios homologados. Ademais, nestas probas de laboratorio permítese un marxe de erro que pode ser de ata un 15%. Neste sentido, diversos estudos encargados por asociacións de consumidores indican que “as clases enerxéticas mencionadas nas etiquetas non sempre se corresponden coas reais e os aparellos sitúanse a miúdo nunha clase máis elevada da que realmente lles corresponde”.

/imgs/20050701/economia_grga.jpg

Como aforrar?

Frigoríficos

A clave do aforro atópase nos niveis de consumo e de rendemento do electrodoméstico. Así, un frigorífico-conxelador de clase A consome 340 kWh ó ano, un 48% menos ca un de clase D e un 60% menos ca un de clase G. Nos dez anos de vida útil que se lle presupón, consumiría 5.100 kWh menos (o equivalente a uns 400 euros) ca un frigorífico semellante da clase G. Amais das etiquetas enerxéticas, outras cuestións nas que convén reparar son:

  • ‘Clase dinámica’: temperatura ambiente recomendada polos fabricantes para garantir o funcionamento óptimo dos frigoríficos. Indícase con rangos de letra:
    • SN ‘ 10ºC- 32º C
    • N ‘ 16ºC- 32ºC
    • ST ‘ 18ºC- 38ºC
    • T ‘ 18ºC- 43ºC
  • Selección de temperatura: os fabricantes recomendan manter o refrixerador a 5 ºC e o conxelador a -18 ºC.
  • Tamaño: non merque un frigorífico máis grande do que precisa, pois vai consumir máis do necesario e vostede non o vai aproveitar.
  • Xeo e xeada: son elementos illantes e dificultan o arrefriamento do interior do frigorífico. Desde hai varios anos, o mercado ofrece modelos no-frost (sen xeo), que permiten unha circulación continua de aire no interior.

Lavadoras e lavalouzas

Queremos un lavado económico ou un rápido? Os fabricantes ofrecen as seguintes recomendacións segundo sexa a resposta:

  • Lavado intensivo: o que máis enerxía consome, dado que implica un quecemento maior da auga. Recomendado para roupa moi porca ou cando hai potas e tixolas que requiren un lavado máis intenso. É máis rápido, pero consome moito máis.
  • Lavado ecolóxico ou económico: consome menos enerxía eléctrica -non supera os 50 ºC nos lavalouzas- pero pode durar unha hora ou máis.
  • Carga: para pór en marcha lavadoras ou lavalouzas, é mellor agardar ata que estean cheos, xa que o seu consumo vai ser o mesmo que se se utilizan medio baleiros. É importante diferenciar o impacto no consumo enerxético da cantidade de auga usada e da temperatura á que o electrodoméstico vai funcionar. É o aumento da temperatura, pasar de auga fría a quente e de quente a moi quente (superando os 50 ºC), e non a cantidade de auga empregada, o que fai que o consumo se dispare. Coidado cos programas de media carga: consomen menos auga, pero a mesma enerxía.
  • Tamaño: é importante adquirir os lavalouzas dun tamaño que se axuste ás necesidades do noso fogar. Quen ten pouca vaixela ou a emprega pouco tardará moito en encher o electrodoméstico, polo que o acabará usando a media carga.
  • Hoxe pódense adquirir lavadoras e lavalouzas bitérmicos: teñen dúas tomas de auga independentes, unha para a auga fría e outra para a quente. Deste xeito, a auga quente tómase do quentador ou caldeira e redúcese o tempo de lavado e afórrase enerxía.