¿Doazón ou herdanza?

A súa distinta fiscalidade, a clave

A elección depende da contía dos bens que se transmitan e do lugar de empadroamento
1 Setembro de 2003

A súa distinta fiscalidade, a clave

A opción maioritaria de transmisión de bens é, sen dúbida, a herdanza. Menos coñecida e utilizada é a alternativa da doazón en vida que, nalgúns casos, pode resultar sumamente interesante. Tamén se realiza con intermediación dun notario, pero ó contrario ca na herdanza, o destinatario dos bens doados non debe agardar a que o titular dos bens faleza para gozar deles. Outra importante diferencia radica na distinta fiscalidade das dúas opcións. Cando se trata de patrimonios de gran contía, a fórmula da doazón permite fracciona-la doazón e beneficiarse así dun gravame inferior no imposto de sucesións e doazóns, algo que coa herdanza non é posible. A comunidade autónoma na que estamos empadroados tamén determina qué opción pode ser máis interesante para o consumidor: no País Vasco, Navarra e Cantabria a súa aplicación depende dos gobernos rexionais, polo que moitos contribuíntes se empadroan nalgún destes territorios porque non se reporta ningunha cota ou porque esta é moi pequena.

Doazón

  • Unha doazón é un regalo, a cesión dunha parte a outra ou a disposición gratuíta dunha persoa a outra de bens inmobiliarios, accións… Os destinatarios non teñen por qué ser unicamente familiares.
  • Convén que a doazón se faga por escrito e, se se trata dun ben inmoble, cómpre facelo en escritura pública ante notario.
  • A doazón realizada a favor de varios fillos conxuntamente enténdese a partes iguais.

Consecuencias fiscais:

  • O doante está obrigado a incluír na súa declaración da Renda a doazón como se se tratase dunha venda.
  • O donatario deberá declara-las vendas, mentres que o doante declara “a ganancia” (o incremento de valor desde que as adquiriu ata que as doou).
  • O beneficiario da doazón deberá paga-lo Imposto de Sucesións e Doazóns, ó igual ca no caso das herdanzas, pero cunhas condicións máis duras, xa que no cálculo da base liquidable non se aplican as reduccións previstas por idade e parentesco, o que dá como resultado unha cota maior. Segundo a legalidade vixente, un fillo que, por exemplo, recibe dos pais o regalo dun piso debe declaralo como doazón e paga-la cantidade que lle corresponda en impostos.
  • Como vantaxe, a doazón permite que se poida fraccionar en varias veces, conseguindo un tipo de gravame inferior. As doazóns débense separar entre si un período de máis de tres anos.
  • No caso de que os bens cedidos xeren beneficios anuais, como alugueiros, tamén se deberán declarar no IRPF anualmente polo donatario.
  • Tamén é posible doar só o usufructo dun piso e non a propiedade completa. Pero sempre mediante escritura pública. E se o inmoble está alugado, o donatario recibirá as rendas. É un xeito de non perde-lo control total sobre o inmoble e proporcionarlle a un fillo unha fonte de ingresos mensuais ou un lugar no que residir pero que non pode vender.
  • Sempre que se desexe doar cantidades en efectivo, estas deben tributar polo Imposto de Doazóns.
  • Se o ben que se doa é un inmoble, o imposto deberase pagar na comunidade autónoma na que estea situado. Para outro tipo de bens, o imposto tributarase na comunidade autónoma onde resida o donatario.

Herdanza

As cuestións principais céntranse en determinar quén é o herdeiro e cánto debe pagar por herdar. As condicións serán diferentes en función de que o falecido fixera testamento e dependerán de maneira directa do lugar onde teña que paga-lo imposto.

Facer testamento:

  • Cómpre acudir a un notario. O testador elixe o destino dos seus bens, pero respectando os dereitos dos herdeiros forzosos (fillos, ou pais cando non hai descendentes) e as cotas mínimas que por lei lles corresponden.
  • Pódese revocar tantas veces como se desexe, tendo claro que o válido é sempre o último.
  • Se no testamento intervén máis dunha persoa, o seu prezo multiplicarase polo número de persoas que o asinen (non depende dos bens). En ningún caso se pagan máis impostos por facer testamento.
  • O tributo deberase pagar na comunidade autónoma onde residía o falecido.

Non facer testamento:

  • A lei sempre marca a orde dos herdeiros en tódalas comunidades autónomas, estean sometidas a dereito civil común ou foral. Sen embargo, pode haber variacións nas porcentaxes que lle poidan corresponder a cada herdeiro.
  • Segundo o dereito común, é obrigatorio deixárlle-las dúas terceiras partes dos bens ós fillos.
  • Os herdeiros en tódalas comunidades agás en Navarra, no País Vasco e en Navarra, pagarán de acordo á tarifa vixente, que varía entre o 7,65% e o 34%, aínda que cuns mínimos dependendo do grao de parentesco e idade.

    No caso do País Vasco, o herdeiro non paga nada, polo menos de pais a fillos e respectando os prazos de presentación. Como condición, ten que levar vividos alí cinco anos. En Navarra só se terá en conta o último ano e deberán paga-lo 0,8%. A medida que a herdanza é maior, a diferencia coas comunidades que teñen transferido este imposto é máis notable.

A mellor opción

Doazóns e herdanzas que pasan de pais a fillos:

En Navarra, Cantabria e País Vasco: os beneficiarios da doazón e da herdanza pagan moi pouco ou nada, polo que calquera das dúas opcións é válida.

Noutras comunidades:

  • Doar bens en vida pode ser unha boa opción cando se precisa axudar a un fillo, pero é máis caro o imposto de doazóns có de sucesións.
  • Para aforrar impostos é mellor herdar ou consultar cun asesor fiscal para determina-la posibilidade de aforrar impostos a través de doazóns sucesivas e non unha de súpeto.
  • Valora-las repercusións da doazón no IRPF do doante e do donatario.