Sinusite

Dificultades coa drenaxe nasal

1 Abril de 2005
Img salud listado 345

Dificultades coa drenaxe nasal

/imgs/20050401/img.salud.01.jpg
A sinusite é sinónimo de dor e de agudas molestias para moitas persoas. Esta inflamación das cavidades ou seos que arrodean as fosas nasais representa un problema sanitario importante, pois estímase que aparece nun 3-5% das infeccións respiratorias altas -aquelas nas que a parte máis afectada é o nariz ou a gorxa.

Que é a sinusite?

Trátase dunha inflamación dos seos nasais, xeralmente causada por infeccións ou alerxias. Os seos paranasais son ocos localizados nos ósos faciais e situados arredor das fosas nasais, coas que están en comunicación a través duns orificios denominados meatos nasais. Os meatos permiten ventilar e manter no seu interior unha presión semellante á atmosférica. Estas cavidades están recubertas no seu interior por unha mucosa de tipo respiratorio con células ciliadas que, a xeito de vasoiriñas, efectúan a limpeza da mucosa e drenan as fosas nasais. Se esta limpeza falla por obstrución dos orificios que os unen coas fosas nasais -os meatos- ou porque as células ciliadas non funcionan ben, pódese producir a infección do moco acumulado ou unha infección próxima pode propagarse ó interior dos seos, o que provoca a sinusite.

/imgs/20050401/img.salud.02.jpg
/imgs/20050401/img.salud.03.jpg

A sinusite pode afectar a un ou a varios seos, aínda que en bebés acabados de nacer se dá no único que ten desenvolvido, o etmoidal, e por riba dos 3-4 anos no maxilar. O habitual é a infección dun só seo, pero tamén se pode dar a polisinusite (varios seos afectados) e a pansinusite (todos eles).

Sinusite aguda e crónica

A sinusite aguda maniféstase con dor e obstrución nasal con secreción mucosa ou purulenta (rinorrea). A dor adoita ser xorda, ás veces punzante, e aumenta coa inclinación da cabeza, a tose e a presión sobre o seo. Segundo o seo afectado, varía a localización da dor. Hai, ademais, alteracións na capacidade olfactiva, amais de voz nasal (rinolalia). Pode haber malestar xeral, febre, cansazo e edema ou inchazo nos tecidos brandos que recobren o seo. Algunhas manifestacións son características. Por exemplo, a sinusite frontal dá unha dor de cabeza que comeza pola mañá e diminúe ó longo do día. A maxilar de orixe dentaria produce unha rinorrea fedenta, e na etmoidal a dor aumenta cos movementos oculares. Na sinusite esfenoidal, máis rara, a dor localízase na rexión occipital, no vértice cranial e mesmo no pescozo.

Cando o seo non drena e non ventila ben, o moco retense no seu interior, inféctase e faise máis viscoso, co que diminúe a actividade ciliar das células e se obstrúen os meatos. Así, a infección aséntase e pódese pasar da sinusite aguda, a que evoluciona nuns días cara á curación, á crónica ou repetitiva, é dicir, máis de 3 episodios de sinusite en seis meses ou 4 ou máis nun ano. A sinusite crónica é a variante máis complexa e molesta. Materialízase en períodos agudos e en fases intermedias con cefalea, obstrución nasal, rinorrea mucosa, trastornos do olfacto e ás veces epistaxe (sangrado nasal) ocasional. En persoas con rinite alérxica ou rinite vasomotriz as sinusites agudas tenden a cronificarse.

Diagnóstico e tratamento

O diagnóstico da sinusite baséase na historia clínica, os síntomas que presenta o paciente, a exploración física (rinoscopia) e o exame radiolóxico (radiografías convencionais e TAC).
Unha vez diagnosticada, o tratamento que cómpre seguir baséase en facilitar a drenaxe do seo e en eliminar a infección e a inflamación. Para mellorar a drenaxe do seo utilízanse desconxestionantes do tipo dos vasoconstrictores, pero convén lembrar que estes non se deben usar máis de cinco días seguidos polo seu efecto rebote e outros efectos secundarios. O seu emprego xera controversia porque non só pode producir contraccións das paredes dos vasos sanguíneos (vasoespasmo) nasais, senón que pode afectar tamén a arterias veciñas, neste caso as craniais. Por iso cómpre ter moita precaución co seu uso e non abusar deles. Se hai que recorrer a eles, farase única e exclusivamente nos primeiros días da fase aguda, nunca de xeito prolongado, para aliviar os síntomas de conxestión.
O máis adecuado é humidificar o ambiente, realizar lavados nasais con solución unha salina fisiolóxica, bafos e a aerosolterapia. Un aparello de aerosolterapia non é caro e resulta cómodo porque se ten en casa e permite administrar medicamentos efectivos disoltos en soro fisiolóxico: mucolíticos, antiinflamatorios, antibióticos, desconxestionantes… ou tamén se poden utilizar esencias de eucaliptos. Moitas sinusites soluciónanse cunha ou dúas sesións de aerosolterapia ó día de 15 ou 20 minutos. No caso do eucalipto, non debe administrarse a xeito de bafos a nenos menores de 14 anos porque pode producir espasmo de glote. Mercar este aparello non é preciso para a sinusite aguda, pero convértese nunha opción a considerar por quen sofre sinusite crónica. En calquera caso, será o médico quen prescriba a medicación máis adecuada.
En ocasións, as menos, cómpre recorrer á cirurxía para favorecer a drenaxe dos seos abrindo os meatos. Tamén poden requirir cirurxía as deformidades de tabique nasal, as hipertrofias de cornetes ou outros procesos locais que favorecen a aparición e permanencia da sinusite.

Factores potenciais

Amais das infeccións causadas pola obstrución dos orificios, outros factores tamén poden influír na súa aparición:

  • Factores locais: os pólipos nasais, a deformidade do tabique nasal, a hipertrofia de cornetes ou os engrosamentos da mucosa nasal por procesos alérxicos ou infecciosos dificultan a drenaxe dos seos a través dos meatos.
  • Factores ambientais: a exposición ó frío, a sequidade ambiental e a contaminación atmosférica diminúen a actividade dos filamentos das células chamados cilios e a drenaxe dos seos.
  • Factores xerais: o estrés, a fatiga, a diabetes, alteracións hormonais e outras situacións que diminúen as defensas do organismo favorecen a aparición de sinusite.

Mención á parte merecen as bacterias e virus que poden infectar os seos nasais e acabar provocando unha sinusite. Entre as primeiras, as habituais son o estreptococo neumoniae, o hemophilus influenzae e a moraxella catarralis, xermes responsables das infeccións respiratorias agudas invernais. Entre os virus cómpre salientar os rinovirus, adenovirus e os virus da influenzae e parainfluenzae, tamén habituais nos procesos agudos respiratorios.