Morte súbita

Dez minutos para salvar unha vida

O 85% dos casos de morte súbita débense a causas cardíacas, especialmente a infartos agudos de miocardio. O 30% destas mortes poderíanse evitar coa implantación de desfibriladores en espazos públicos
1 Setembro de 2007
Img salud listado 481

Dez minutos para salvar unha vida

Os extintores de incendios incorporáronse á nosa realidade cotiá sen que apenas reparemos neles. Os cardiólogos insisten dende hai anos en que, da mesma maneira, había que instalar desfibriladores semiautomáticos en espazos públicos. Este equipamento médico pódelle salvar a vida a persoas que teñen como primeiro sinal de risco de sufrir morte súbita a propia morte súbita.

A morte súbita do adulto preséntase de xeito inesperado pola evolución, tamén inesperada, dunha enfermidade ou por causas descoñecidas. Segundo os expertos, a causa cardíaca está detrás do 85% dos casos de morte súbita. Cando o afectado é menor de 30 anos, adoita asociarse a unha cardiopatía conxénita ou enfermidade de transmisión xenética, mentres que se é maior de 30 anos está relacionada coa cardiopatía isquémica, unha enfermidade dexenerativa das arterias coronarias.

A máis habitual é o infarto agudo de miocardio (IAM), que cada vez aparece en idades máis temperás, debido ao estilo de vida actual, a miúdo inimigo da saúde cardiovascular. Os homes poden padecer un infarto arredor dos 45 anos e as mulleres, que antes se consideraban protexidas ata os 65 anos debido á acción dos estróxenos, agora poden sufrir un destes ataques cardíacos aos 52 ou 53 anos. Esta ampliación da idade de risco atribúese á asimilación dos estilos de vida prexudiciais tradicionalmente masculinos. Ademais, o infarto que sacode ao corazón feminino é máis grave.

A carta de presentación da morte súbita é moi evidente e rechamante: habitualmente o paciente sofre unha perda de coñecemento e cae fulminado ao chan. Pode que moitos destes desmaios sexan debidos a unha lipotimia, pero outros moitos teñen a súa orixe nun fallo cardíaco. Se é así, a partir dese momento, cada minuto que pasa é de vital importancia. A vida desa persoa depende da celeridade con que se actúe. Se existe algunha posibilidade de resucitala, ese intento debe realizarse antes de 10 minutos: a cada minuto que transcorre, as posibilidades de sobrevivir redúcense un 10%. Por esta razón, pasado ese breve lapso a capacidade de recuperala é cada vez máis remota. O ideal sería desfibrilar en só catro minutos, porque a partir dese momento a posibilidade de sufrir un dano cerebral ou neurolóxico dispárase.

Que facer?

A morte súbita do adulto pode sorprender a calquera, en calquera lugar e en calquera momento. Moitos destes falecementos acontecen nos domicilios ou durante a noite. Pero non son poucos os que teñen lugar na rúa. Que facer nese caso? Hai tres pasos que calquera persoa debera coñecer se presencia un destes desafortunados episodios.

  • Chamar ao número 112, que é o número de emerxencias único, inmediatamente.
  • Mentres, deben practicarse manobras de resucitación (masaxe cardíaca e boca a boca).
  • E, se na zona do suceso está dispoñible, aplicar un desfibrilador externo semiautomático (DEA). Este aparato colócase sobre o peito do afectado e produce unha descarga que volve poñer o corazón en marcha.

Os expertos lamentan a escasa formación que recibe a poboación xeral con respecto ás medidas de resucitación básicas, como a masaxe cardíaca e a respiración boca a boca. Ao seu xuízo, esta formación deberíase impartir nas escolas, xa que se aprende nunha hora e se lembra toda a vida. De feito, nalgunhas escolas da comunidade de Madrid xa se empezou a formar os escolares en reanimación cardiopulmonar.

No tocante á prevención, é a mesma que para calquera enfermidade cardiovascular: deixar de fumar, controlar os niveis de colesterol, a hipertensión e o azucre, facer exercicio e coidar a dieta. Estas mesmas medidas, aplicadas despois dun primeiro ataque cardíaco, poden axudar a previr un segundo episodio.

Nos Estados Unidos, un dos países pioneiros neste tipo de medidas, a incidencia de morte súbita é de un caso por 1.000 habitantes ou, o que é o mesmo, cinco mortes por cada 10.000 persoas, máis alta ca en España. De media, desas cinco, é imposible recuperar a tres, porque ninguén as presencia. En cambio, as dúas restantes acontecen en espazos públicos e son recuperables sempre e cando as testemuñas actúen con rapidez, dispoñan do material necesario (desfibrilador) e a causa sexa un infarto e non outra complicación. Ao final, das cinco persoas que sofren un episodio deste tipo, sálvase unha, sinalan os expertos. As posibilidades de sobrevivir é unha de cada cinco e só nos 10 minutos seguintes á perda de conciencia.

Segundo a SEC e a Sociedade Española de Medicina Intensiva Crítica e de Unidades Coronarias (Semicyuc), os desfibriladores poderían evitar ata un 30% das mortes que se producen por infartos. Ambas as dúas sociedades expresaron repetidas veces a necesidade de que se sitúen estes aparellos en espazos públicos concorridos. Predicando co exemplo, a propia SEC celebrou no 2004 o primeiro congreso cardioprotexido da historia, ao colocar unha columna de rescate cardíaco (unha especie de cabina de teléfono provista dun desfibrilador) na sede do evento, en Barcelona.

Lugares cardioprotexidos

As sociedades científicas e médicas defenden que se dote de DEAS aos corpos de protección civil, aos bombeiros ou á policía, xa que son os primeiros en chegar aos lugares do suceso, e que se implanten nos espazos públicos concorridos como centros oficiais, aeroportos, estacións de trens, estadios deportivos, recintos para espectáculos ou conferencias, centros escolares, empresas ou grandes superficies comerciais.

As comunidades pioneiras en lexislar o uso de DEAS por parte de persoal non médico e mais a súa formación foron Galicia, Cataluña e Andalucía. Actualmente, estendeuse a Canarias, Navarra, País Vasco, Baleares e Aragón. A Comunidade de Madrid atópase nunha fase moi avanzada do decreto que regulará esta cuestión, tras varias modificacións, pendente da aprobación das autoridades sanitarias. E a Comunidade Valenciana e Murcia comprometéronse a lexislar e a implementar programas de acceso público á desfibrilación.

A situación dos desfibriladores, que custan arredor de 1.700 euros, tamén foi variada, dependendo das autonomías. Cataluña foi a primeira en dotar a todos os seus centros de atención primaria de desfibriladores semiautomáticos e en formar médicos e enfermeiras para o seu uso. En Galicia, por exemplo, instaláronse nas praias; en Navarra, en zonas rurais onde o tempo medio de resposta dos servizos de emerxencia é maior. E en Castela-A Mancha, en Guadalaxara, está previsto que se dote con este equipamento a policía e bombeiros.

Doutra banda, a instalación de DEAS en aeroportos considérase un criterio de calidade en Europa. Hoxe están dispoñibles nos aeroportos españois de maior afluencia, como os de Madrid, Barcelona, Palma de Mallorca e Tenerife. No tocante ás aeroliñas, algunhas compañías adquiriron desfibriladores para os seus voos transoceánicos, pero non así a española Iberia, que suspendeu este plan a pesar de anuncialo.

Morte súbita do deportista

En España falecen cada ano entre 15 e 20 deportistas por morte súbita, segundo o Rexistro Nacional de Morte Súbita do Deportista, que está xestionado polo Consello Superior de Deportes, o grupo de traballo de cardioloxía do deporte e de actividade física da SEC e a Federación Española de Medicina do Deporte.

O deporte por si só non causa a morte súbita. Normalmente, o xogador ou o atleta que cae inconsciente no terreo de xogo xa tiña unha malformación do corazón previa (unha cardiopatía conxénita) ou unha enfermidade cardíaca dexenerativa. Os especialistas reclaman a presenza de desfibriladores en calquera lugar onde se practique unha actividade deportiva: ximnasios, pistas de atletismo ou polideportivos. Algúns grandes clubs deportivos puxeron mans á obra e adquiriron desfibriladores. O pioneiro foi o Barcelona, e logo seguírono o Real Madrid, o Betis, o Sevilla e o Athletic de Bilbao, entre outros.