Conxuntivite: non son bágoas de crocodilo

Proído, comechón, ardentía, bágoas, ollos vermellos e fotofobia son algúns dos sinais inequívocos de sufrir conxuntivite
1 Maio de 2011
Img salud listado 745

Conxuntivite: non son bágoas de crocodilo

Ante as primeiras raiolas do sol e mergullos estivais a ameaza de sufrir unha inflamación nos ollos, máis coñecida como conxuntivite, volve aflorar, como cada ano, en cativos e maiores. Mentres que as conxuntivites alérxicas son máis comúns en primavera, polo contacto co pole, as bacterianas son propias do verán, sobre todo entre a poboación infantil. E as conxuntivites de piscinas tamén se detectan máis durante as vacacións. Por iso, adoptar certas medidas pode axudar a previlas e a gozar do ambiente primaveral e estival sen problemas oculares.

Comechón, proído, ardentía, sensación dun corpo estraño ou area, bágoas, ollos vermellos e fotofobia (hipersensibilidade á luz) son os síntomas delatores da conxuntivite ou da inflamación da conxuntiva, unha membrana mucosa moi fina que tapiza interiormente as pálpebras e se espalla á parte anterior do globo do ollo. A súa función é conferirlles protección aos ollos, xa que están expostos de xeito continuo ao ambiente externo. Esta inflamación pódese orixinar por distintas causas e ser de orixe infecciosa, alérxica ou irritativa por contacto con certos produtos.

Infecciosas, alérxicas e irritativas

As conxuntivites infecciosas caracterízanse por un inchazo nas pálpebras e secrecións ou lagañas, amais dos síntomas típicos deste problema ocular. Poden estar provocadas por virus, bacterias ou por outros microorganismos, como certos fungos ou parasitos. Este tipo de conxuntivite padécena a miúdo os nenos pequenos durante os dous ou tres primeiros anos de vida. A estas idades gatean moito, e é doado que se infecten con bacterias e outros xermes que están no chan e que despois freguen os ollos coas mans lixadas. Ademais, son eles os que adoitan contaxiar ao resto da familia. As conxuntivites alérxicas xorden pola exposición aos poles das flores e das árbores. E as irritativas fórmanse pola entrada dunha partícula orgánica no ollo, por contacto con produtos químicos no medio laboral, como ácidos e alcaloides, ou cos produtos de limpeza do fogar e hixiene persoal. Entre os primeiros figuran a lixivia, os líquidos para frega o chan, os desengraxantes e os xabóns de limpeza máis agresivos. Como produtos de hixiene persoal destacan os xampús, aínda que a afección que adoitan provocar é de tipo agudo e leve, e mais os artigos cosméticos, aínda que cada vez hai menos casos debido á utilización cada vez maior de produtos de tipo hipoalerxénico.

Malia a que as conxuntivites se diagnostican ao longo de todo o ano, sobre todo aquelas causadas por virus, as bacterianas son máis comúns no verán, mentres que as alérxicas se detectan sobre todo en primavera, estación na que máis casos de problemas de saúde ocular se rexistran.

En piscinas e praias

Neste caso, a conxuntivite orixínase polo contacto co cloro (que é irritante e provoca alerxias) e con outras substancias químicas que se usan para a desinfección e que orixinan irritación ocular, ou por contacto con virus ou bacterias. Nas praias, a doenza pódese contraer por unha alta concentración de sal na auga e pola exposición ao sol, ao vento e en especial aos raios ultravioleta, que se atopan en maior proporción na luz que emite os reflexos do mar. Co fin de previr as conxuntivites das piscinas recoméndase que usen lentes para nadar ou para se mergullaren tanto os adultos como os nenos, salvo se estes teñen menos de tres anos. Nese caso desaconséllase o seu uso. O obxectivo é evitar ao máximo o contacto dos ollos coa auga. Ademais, as persoas que padecen unha conxuntivite infecciosa non deben bañarse para evitar contaxiar a outros. E os que utilicen lentes de contacto débenas quitar antes do baño e non as utilizar nunca nin na piscina nin no mar, posto que en contacto coa auga son moi propensas a contraer unha infección ocular por un protozoo chamado acanthamoeba. É unha infección grave do ollo, que pode provocar unha úlcera moi dolorosa (queratite por acanthamoeba) e repercutir de modo serio e definitivo na visión.

Outro xeito de combater as conxuntivites irritativas das piscinas é elixir instalacións que teñan un tratamento da auga con menos compostos químicos. Entre as opcións dispoñibles na actualidade, a ionización é apropiada, xa que non comporta a presenza de ningún produto químico na auga da piscina; a cloración salina só achega unha determinada cantidade de sal á piscina tratada con ela; o ozono supón verquer unha mínima proporción de cloro á auga; e, para rematar, as piscinas que se tratan con cloro conteñen a cantidade estándar permitida deste composto para que se poidan bañar as persoas.

Un tratamento para cada conxuntivite

O tratamento é tópico, salvo en contadas ocasións, polo que a medicación se aplica a través de colirios ou gotas, xeles oftálmicos, ungüentos e cremas. Rara vez se fai a través de medicamentos orais ou sistémicos, xa que só se utilizan en casos extremos, como as queimaduras.

As conxuntivites bacterianas trátanse con antibióticos, que se administran por medio de colirios tres veces ao día, cada oito horas, e durante dez días, se o ollo afectado está inflamado. Non obstante, esta pauta non é estrita e pode variar en cada persoa. Na actualidade hai dispoñible un amplo arsenal terapéutico de antibióticos para tratar e sandar a maioría destas afeccións. Cando non responden á antibioticoterapia pautada, pódese realizar un cultivo para illar o axente bacteriano causal e levar a cabo despois un tratamento máis específico. Pero isto só acontece nunha minoría de casos. A miúdo abonda unha boa exploración clínica para diferenciar se a infección é por bacterias ou por virus. Estes últimos non dispoñen de medicamentos efectivos e específicos para tratalas. Non obstante, a recente comercialización dun antivírico, o ganciclovir (Virgan®), que é case a única innovación terapéutica que se produciu nos últimos catro anos, ten certo efecto nalgunhas conxuntivites víricas, aínda que outras mellorarían igual sen el. En xeral, estas afeccións víricas non se tratan, senón que as cura o propio organismo ao fabricar anticorpos contra o virus. Cando as conxuntivites son de tipo irritativo, hai que aplicar compresas frías sobre as pálpebras e evitar o axente que causa a irritación. Se ás 24 ou 48 horas non desapareceu, cómpre acudir ao médico, xa que se pode tratar dun cadro infeccioso. Para rematar, se a afección é de orixe alérxica trátase con pingas antialérxicas ou con antihistamínicos.

Máxima hixiene, paso a paso

Os ollos afectados con conxuntivite deben ser obxecto dunha coidadosa hixiene cotiá. Cando os ollos amencen pegados polas lagañas, débense lavar de xeito preferente con soro fisiolóxico, porque é estéril, aínda que tamén se lles pode aplicar macela. Para retirar as secrecións acumuladas, recoméndase utilizar gasas estériles e usar unha para cada ollo, sobre todo nos casos en que a conxuntivite só afectase a un ollo, co obxectivo de non contaminar o outro. É importante lembrar que o lavado dos ollos non se debe realizar a cada momento porque a pel das pálpebras pode macerar por un exceso de lavado. Polo tanto, é aconsellable efectuar estes lavados oculares tres veces ao día e antes de cada aplicación de colirio.

Consellos para previr e para tratar a conxuntivite:
  1. Para evitar a irritación ocular en piscinas, protexer os ollos con lentes, sobre todo no caso de nenos propensos ás conxuntivites.
  2. Colocar compresas frías sobre as pálpebras.
  3. Se a conxuntivite é irritativa, mellora ás 24 ou 48 horas. No caso contrario, cómpre acudir ao médico.
  4. Para previr as conxuntivites alérxicas, débese evitar o contacto co alérxeno e mesmo utilizar fármacos.
  5. Co fin de evitar as conxuntivites infecciosas, hai que lavar as mans a miúdo e non tocar nin fregar os ollos sen lavalas antes.
  6. Non compartir toallas nin panos, sobre todo se se utilizaron para secar as bágoas.
  7. Cambiar as almofadas a miúdo, sobre todo se pola noite se produciron bágoas.
  8. No deitarse sobre a almofada doutra persoa con conxuntivite sen mudar antes a funda.
  9. Se se padeceu conxuntivite relacionada e se usan lentes de contacto, hai que manter unha hixiene máxima dos ollos e das lentes, e mais durante a súa manipulación, que debe ser o máis escrupulosa posible.

Fonte: Josep Villanueva, oftalmólogo responsable do Servizo de Urxencias do Centro de Oftalmoloxía Barraquer, de Barcelona, e Víctor Charoenrook de la Fuente, do mesmo centro.