A nosa relación cos demais

Condicións, as xustas

A boa saúde dunha relación familiar, amigable ou sentimental depende do abandono de xuízos, esixencias e coaccións
1 Outubro de 2006
Img interiormente listado 277

Condicións, as xustas

Ao longo da vida, as relacións sucédense. Non todas son iguais e o grao de implicación emocional e afectiva que pomos nelas varía. O interese, o benestar que nos proporcionan, o nivel de empatía e os afectos que suscitan son factores que determinan a implicación. Así e todo, hai un elemento que debe ser común en todas elas: a incondicionalidade. Non hai relación que se sosteña se se coarta, se xulga ou se limita ao outro.

A incondicionalidade: sen relativismos

/imgs/20061001/img.interiormente.01.jpg Estar, escoitar, apoiar e acompañar. Non impor, non xulgar, non entender o outro a través do noso criterio. Aceptar o seu. Admitámolo: con demasiada facilidade etiquetamos as persoas polas condutas que non compartimos, que non nos gustan ou que non entendemos. É máis, anoxámonos ou aledámonos e manifestamos o noso amor ou desamor como se ese sentimento fose unha moeda de cambio que bonifica á outra persoa se se comporta segundo as nosas expectativas e o noso concepto de como deben ser as cousas. En definitiva, pómoslle condicións á relación. Estas condicións tradúcense na relativización: “Estou contigo mentres me guste o que fas. Se non é así, xúlgote e abandónote”. Aínda que non sempre nos paremos a pensalo, é moi diferente dar por finalizada unha relación de súpeto porque a outra persoa non encaixa nos nosos esquemas ou porque fixo algo co que estamos en desacordo, que facelo porque a unión se foi arrefriando aos poucos. No primeiro caso deixamos de apoiar a unha persoa que parecía afín e que, non obstante, non se respectaba.

Pode acontecer, como sucede a miúdo entre pais e fillos ou entre irmáns, que a unión implique un forte lazo emocional, pero que, así e todo, haxa certo desentendemento, aínda que non ruptura explícita. A relación é sólida en aparencia, pero non se participa dos proxectos dos outros: considérase que saen fóra do patrón de vida propio ou que se afastan da escala particular de valores. Agora ben, unha cousa é non compartir nin apoiar situacións concretas da vida e outra non atender a persoa.

Cando unha relación non ten condicións significa que permanecemos a carón desa persoa con independencia dos seus comportamentos. Se os seus actos motivan o desencontro, e este é unha constante, teremos que pensar que, probablemente, esa non é unha persoa axeitada para nós. Se o vínculo é familiar e non se pode romper, convén, polo menos, fixar de mutuo acordo os límites e marxes, e pensar en reconducila.

A reciprocidade: dar e tomar

Non hai que obviar que un factor clave nunha relación é a reciprocidade. É dicir, ambas as dúas partes deben estar participando da mesma sintonía, compartir valores afíns e expectativas da vida.

Unha boa relación de calidade esixe que a persoa se entregue e que se implique persoalmente, pero sen desentenderse de si mesma. Cando se está “pase o que pase” estámonos relacionando desde unha dependencia insá. Antes ou despois imos saír desgastados, baleiros e altamente prexudicados.

A reciprocidade é unha relación de ida e volta. Está tamén condicionada polo momento vital en que nos atopemos. As persoas pasamos por diversas etapas e non en todas podemos entregar nin entregarnos. En ocasións necesitamos recibir, ser atendidas e coidadas. Pero iso é algo temporal, non intrínseco, e, superada a etapa, equilibrarase a relación e poderase pór ao servizo do outro o que somos e temos, sen restricións e xenerosamente.

O compromiso: libre e consciente

Que unha relación sexa incondicional non significa estar para todo e en todo momento. Que alguén poida contar connosco non implica que a nosa dispoñibilidade sexa constante e sen límite de tempo, senón que o noso ánimo e intención é de acompañamento, aínda que poidan darse algunhas circunstancias que impidan poder plasmar esa vontade. O compromiso adquírese desde a liberdade e a consciencia. Desde esa perspectiva poderase afirmar que o compromiso é verdadeiro e maduro.

A asunción do compromiso co outro require que nos paremos, escoitemos, coñezamos, atendamos e que esteamos sendo para nós mesmos o mellor dos acompañantes. A partir desa aceptación persoal, sen xuízos de valor e sen castigos conseguintes, seremos quen de establecer relacións maduras e equitativas cos demais. A autoanálise responsable estimula a visión e interpretación das outras persoas, dos seus actos e das súas circunstancias. Descubrirase de maneira acertada o grao de vínculo que se quere establecer. Sexa cal sexa, deberase sustentar na seguridade. Representa un soporte básico que condiciona as relacións, porque reforza a confianza en nós mesmos. Este benestar transmitirémolo nas nosas relacións.

Bases para establecer un vínculo

/imgs/20061001/img.interiormente.02.jpg Para que unha relación sexa de amizade, familiar ou amorosa, para que poida consolidarse e perdurar no tempo, cómpre que as dúas partes estean na mesma sintonía, é dicir, que ambas as dúas queiran e esperen o mesmo da relación. É básico:

  • Dedicarlle tempo, esforzo, mimo e coidado á relación.
  • Presentarnos como somos, é dicir, desde a autenticidade.
  • Permitir que a outra persoa se exprese como é, evitando os xuízos de valor e promovendo unha escoita atenta, aberta e positiva.
  • Evitar os obstáculos e promover a fluidez nas postas en común.
  • Facer do respecto e da confianza a base da relación.