Problemas de parella

¿Como distinguir entre unha crise e o remate dunha relación?

Pode vir ben a axuda de especialistas en temas de parella
1 Outubro de 2003
Img psicologia listado 154

¿Como distinguir entre unha crise e o remate dunha relación?

O amor non impide a crise, pero si se pode converter no principal elemento de apoio para buscarlles unha solución. Da maneira en que se superen os problemas dependerá que unha parella, referíndose a unha etapa conflictiva, fale dunha crise máis ou a perciba como o que foi o principio da fin. O xeito en que cada membro da parella afronta ese período de problemas obedece a factores como a madurez emocional, a habilidade para xestiona-los conflictos, a duración da relación, as redes de que dispoña ou o momento persoal en que se atope.

Medo ó cambio

Non hai criterios fixos ós que recorrer para determinar se unha relación chega xa á súa fin. Ademais, canto máis duradeira fora esa unión e cando a ruptura afecte a máis persoas -os fillos son o argumento que moitas persoas esgrimen para seguir convivindo, a pesar da crise-, máis difícil se fará toma-la decisión de romper. Poderíase dicir que o momento no que unha relación deixa de proporcionarlles ós membros da parella ese conxunto de elementos que a propiciou -afectividade e emoción, seguridade, goce sexual…-, alcánzase o punto de inflexión no que se debe produci-lo cambio.

Recoñecer se se está atravesando unha época con dificultades graves ou se estamos ante o principio da fin da relación é unha tarefa ardua para os membros da parella, xa que, inmersos nunha morea de emocións, sentimentos e sensacións, resulta difícil serenarse o suficiente para facer unha reflexión tranquila que os conduza a esclarecer en qué punto da relación se atopan. Non é estraño que se produzan autoenganos, máis ou menos conscientes, que xorden como resistencia ó cambio, ben sexa para reconsidera-la situación de parella e seguir adiante con cambios, ben para iniciar definitivamente unha separación.

¿Simple crise ou separación?

En función do modo en que se afronte unha crise e de cómo se comporten os membros da parella ante esa etapa, a unión sairá reforzada ou será a primeira fase da fin. É dicir, ante unha fase conflictiva da parella a pregunta non é “¿é isto a fin?”, senón “¿quero que sexa a fin? ¿interésame seguir co compromiso que supón esta relación?”. En definitiva, unha mala racha será só unha crise se é superada, pero converterase nunha separación se a unión remata. A resposta a algunhas preguntas pódenos brindar pistas que nos axudarán a tomar unha decisión nesa difícil conxuntura: ¿Ámoa? ¿Ollamos xuntos na mesma dirección, témo-la mesma meta? ¿Sento profundo interese pola outra persoa? ¿Deséxoa? ¿Teño confianza total no outro? ¿e na propia relación? ¿Reflexiono e comprométome para ver qué podo achegarlle á outra persoa e á nosa relación para mellorala?

En fase de crise o noso estado emocional altérase; por iso, teñamos presente o alcance das decisións, sobre todo se se opta por rematar coa relación. Non se separan dúas persoas, senón ás veces unha familia con fillos, toda unha estructura de relacións e amigos, de dependencias económicas, polo que se a parella se atopa con freos que impiden que a reflexión prospere, é conveniente acudir a un especialista en temas de parella, que desbloquee a situación e que habilite espacios para que a reflexión reúna as garantías desexables. Introducirá equilibrio e establecerá un protocolo para axudar a que a parella decida mellor.

Para fortalece-la parella

Debemos utilizar ou desenvolver estas habilidades:

  • Aceptar que a nosa vida é enteiramente responsabilidade nosa. Non agardemos a que o outro membro da parella nos faga feliz. A nosa felicidade depende, sobre todo, de nós mesmos. Non nos enganemos.
  • Saber que non temos que resolve-la vida da outra persoa, buscándolle solucións, dándolle consellos e marcándolle as pautas de cómo debe vivi-la súa vida.
  • Aprender a escoitar. Para iso debemos deixa-lo que estamos facendo, baleirarnos doutros pensamentos que distraian a nosa atención e intentar colocarnos no seu lugar para entender cómo se sente.
  • Aprender a dialogar. A nosa opinión, a nosa maneira de entender e de aprehende-la realidade non son a verdade absoluta, senón só a nosa.
  • Aprender a chegar a consensos. O meu e o teu deben terse en conta e debaterse para poder chegar a definir “o noso”.
  • Aprender a compartir. Darse o un ó outro: preguntar cómo se atopa, qué lle incomoda, qué quere e desexa.
  • Aprender a pedir. Amosa-la nosa vulnerabilidade é a mellor mostra de amor, xa que non lla ensinamos a calquera.
  • Dedicar tempo específico para a parella.
  • Compartir hobbys, tempos lúdicos, fantasías e ilusións, ó igual ca acompañar nos momentos tristes, duros e penosos.
  • Comparti-la economía. Forma parte da relación de parella.
  • Aprender a utiliza-los conflictos e as crises, para aprender máis de nós mesmos, ver qué precisamos e cál é a dor que suscitamos na nosa parella; que sexan trampolín de desenvolvemento e non de estancamento que non leva a ningunha parte. Falemos todo o que cumpra para que o problema non quede enquistado. Non hai maior desastre có silencio.
  • Mimar con orgullo a parella. O sexo, as caricias e o “quérote” débense dicir, hai que facelos explícitos. Non valen os sobreentendidos.
Para desdramatizar unha separación...
  • Rómpese a parella, non toda a nosa vida persoal.
  • É un momento para afrontar cambios e riscos, que nos alteran e convulsionan. Resulta recomendable pedirlles axuda a persoas competentes (amigas ou profesionais), que -de xeito incondicional- nos escoiten e acompañen neste traxecto, que pode (ou non) ser duro.
  • É unha etapa da vida que pasará, á que seguirá outra ou outras. Non hai que se aferrar ó pasado: iso significaría para-la nosa vida, e queda moita por diante.
  • Como toda perda, terá as súas fases: choro, desconsolo, incredulidade do que nos pasou, furia e rabia, necesidade de buscar culpables… É normal que nos pase algo disto, e así o debemos asumir.
  • Non todo é negativo. Podemos reflexionar (sen obsesionármonos) sobre o perdido. Pero é mellor busca-lo positivo, o que mellora na nosa vida coa separación.
  • Fagamos balance autocrítico: cómo foi a relación, en qué fallamos nós… Así aprenderemos e evitaremos cometer eses erros no futuro.
  • Hai que garda-lo bo para, apoiándonos niso, seguir adiante sen ira e pechar capítulo; pero, sobre todo, para poder abrir novo capítulo.