Diario dunha embarazada

Desde as primeiras semanas, a muller experimenta numerosos cambios físicos e emocionais que cesarán co nacemento do bebé
1 Novembro de 2012
Img bebe listado

Diario dunha embarazada

Ao longo das corenta semanas que adoita durar a xestación, o corpo da muller vive unha auténtica revolución física e hormonal para aloxar o feto que medra -cada vez máis- no seu interior. Pero, como son eses nove meses de embarazo e como os vive a futura nai?

Primeiro trimestre (semana 1 a 13)

/imgs/20121101/bebe1ga.jpgUn espermatozoide alcanzou, con éxito, o óvulo. O pequeno cigoto fecundado viaxa ata aloxarse no útero da muller, onde medrará ata converterse nun bebé. Pero aínda queda moito para iso. Nada menos que unhas corenta semanas. O sinal máis evidente do embarazo é a falta de menstruación. Non obstante, non é a única. O corpo da muller experimenta unha verdadeira revolución hormonal. Aparecen as náuseas (polo menos sete de cada dez mulleres experiméntanas), vómitos (a metade delas), baixa tensión arterial e, mesmo, mareos e vertixe. Con eles, chegan os antollos pero, tamén, o rexeitamento a certos alimentos ou sabores.


Os cambios físicos non se fan esperar. O abdome ínchase e pode chegar a doer; os seos crecen e vólvense máis sensibles; tamén adoitan aumentar as ganas de ouriñar. As mulleres embarazadas poden sentirse cansas, con dores de costas e os coñecidos (e repentinos) cambios de humor.

A partir de agora, as revisións médicas serán mensuais -aínda que cada menos tempo, na fase final do embarazo-. Os exames clínicos inclúen controis do peso e da tensión arterial así como análise de sangue e de ouriños (que detectarían posibles infeccións).


A finais deste primeiro trimestre, vívese un dos momentos máis emocionantes de todo o ciclo: a primeira das tres ecografías e que permitirán detectar eventuais malformacións conxénitas. A estas alturas -arredor da duodécima semana- o feto mide entre cinco e seis centímetros pero xa se poden distinguir a súa columna vertebral e unhas protuberancias do que serán as súas extremidades.

Segundo trimestre (semana 14 a 27)

/imgs/20121101/bebe2ga.jpgAs mulleres que xa son nais adoitan coincidir en que este segundo trimestre é o que máis se goza. É un período de transición: os trastornos físicos remitiron (polo menos, en parte) e o corpo parece que se adaptou ao feto que medra no seu interior. En calquera caso, a roupa do armario quedou pequena porque o crecemento da tripa é cada vez máis complicado de obviar. Ademais, o tamaño do útero aumenta e cada vez hai menos espazo para os pulmóns. En ocasións, parece que falta o aire. É necesario deixar de lado os grandes esforzos e descansar todo o que faga falta. Iso si, sen descoidar a saudable actividade física sempre que sexa moderada e sen risco para o feto. É recomendable nadar e camiñar a diario.

Cara á metade deste segundo trimestre xa se poden sentir os primeiros movementos do futuro bebé. Chega o momento da segunda ecografía: xa é posible avaliar o seu corazón, cerebro e pulmóns así como confirmar, con case total seguridade, o sexo do bebé. Durante este período son moi importantes outros controis. A chamada proba ?triplo test? (ou triplo cribado), que se utiliza para detectar a síndrome de Down, entre outras alteracións; o test de O’ Sullivan, que localizaría a diabete xestacional e, cando o factor Rh do sangue da nai é negativo, un test de Coombs, que permite comprobar se os fluídos do pequeno e da súa nai son compatibles. A partir do quinto mes do embarazo, é normal que se inchen os pés (e as pernas), unha inflamación que continuará durante toda a última etapa da xestación. Tamén se forman estrías no peito e na tripa e a pel da barriga estira tanto que pode chegar a proer.

Terceiro trimestre (semana 28 a 40)

/imgs/20121101/bebe3ga.jpgXa na recta final do embarazo, a barriga medra moito e, ás veces, de forma acelerada xa que non é raro subir medio quilo de peso á semana. É hora de durmir no lado esquerdo para protexer a vea cava. O crecemento do útero preme o estómago, polo que é mellor facer cinco ou seis comidas lixeiras ao día, en lugar de tres máis abundantes. Os peitos poden empezar a xerar costro, o primeiro leite materno que tomará o bebé cando naza. É o momento de iniciar os cursos de preparación para o parto.

O útero da futura nai prepárase para o parto: comeza a moverse e a fortalecerse. A muller experimenta as características contraccións (chamadas de Braxton Hicks), pequenos encollementos da matriz, que fan que se endureza. Poden acontecer desde a sexta semana de embarazo, pero só agora empezan a sentirse.

/imgs/20121101/bebe4.jpgEstes espasmos diferéncianse das contraccións de parto en que son máis breves e carecen dunha frecuencia regular. Non obstante, convén vixiar estes movementos.

A última das ecografías realízase ao redor da semana 34, para controlar o desenvolvemento do feto nesta etapa final da súa xestación. Dúas semanas máis tarde, o doutor analizará o fluído vaxinal e rectal da nai para determinar se é portadora de bacterias do xénero streptococcus (unha de cada catro mulleres o son) e causar a meninxite ao bebé.

Durante estas semanas finais, toca repousar e atender os sinais que indiquen a proximidade do parto: contraccións intensas e regulares, rotura do saco amniótico (?romper augas?), fluxo vaxinal con sangue ou fortes dores na zona lumbar. Cando iso acontece, corresponde coller a bolsa ou a maleta da nai (con camisóns, protector de mamilas…) e a canastra do bebé e saír cara ao hospital. A próxima parada é a sala de dilatación, o quirófano e a maternidade. Despois chegará o momento de descansar e gozar do pequeno.