Baixo o peso da espera

A axuda da figura do psicólogo clínico é clave para afrontar as dificultades e as crises que marcan o proceso de diagnóstico, tratamento e control de enfermidades de difícil curación
1 Novembro de 2007
Img psicologia listado 202

Baixo o peso da espera

A espera non é sinxela. Menos aínda cando á incerteza se lle suma o medo de recibir unha noticia que non se quere oír. Son moitas as persoas e as familias que se enfrontan a unha situación así cando aparecen enfermidades de difícil curación, cunha deterioración física notable ou cunha perda de capacidades sensoriais e cognitivas. A tensión, amais dunha eventual alteración da emocionalidade con cambios de conduta notorios, tamén se plasma nunha xestión distinta dos tempos en función das etapas da enfermidade, do seu tratamento, dos intervalos de control e das esperas. En todas estas fases, a figura do psicólogo clínico é unha axuda valiosa e útil para superar dificultades e crises emocionais, que, de non se tomaren as medidas axeitadas, poden desembocar nunha depresión.


Etapa de tránsitos

Na fase inicial deste proceso, que se pode estender dende o momento do diagnóstico inicial ata que as primeiras probas clínicas confirman o alcance da enfermidade, o “son un enfermo” pasa a ser o principal pensamento, aínda que a miúdo se lle agacha aos demais. Así acontece en oncoloxía e noutras especialidades, onde se dá unha transición clara do “eu-persoa” ao “eu-cancro” e deste ao “eu teño cancro”.

Ese tránsito acompáñase dun segundo ciclo no que se van alternando momentos de optimismo, mesmo de euforia, con outros de abatemento. Nos primeiros, o paciente adoita amosarse colaborador e predisposto a loitar contra a enfermidade. Mantense viva a esperanza de curación ou, cando non, de manter unha calidade de vida razoable durante longo tempo. Ao mesmo tempo, aparece tamén a resignación, en maior ou menor medida segundo a capacidade do enfermo de asumir malas novas. É resignación pola dureza do tratamento, especialmente en oncoloxía, ou pola incerteza acerca da evolución prevista.

Os familiares e os propios pacientes non se deben asustar ante estes altibaixos. Os expertos salientan que ambos os dous ciclos son lóxicos dentro da enfermidade. Que o paciente o vexa de igual modo pode depender de que colabore máis ou menos nos tratamentos propostos. Algo esencial, xa que a miúdo se trata de terapias longas e estresantes e as boas novas poden escasear. É daquela cando a figura dun psicólogo clínico pode contribuír a mellorar o estado de ánimo e, con el, a relación médico-paciente.

Tempos de espera

En calquera caso, hai coincidencia entre os expertos en sinalar que o paciente, sexa cal sexa o seu estado, sempre está esperando: dende que ingresa nun hospital ata que recibe o diagnóstico; dende entón ata o inicio do tratamento e, así que remata, ata o seguinte control e as súas probas exploratorias. Non é raro que nestas fases aparezan cadros de ansiedade ou síntomas de depresión. Por iso, hai que estar preparado e saber que a axuda psicolóxica é viable, posible e útil.

A Síndrome de Damocles

Precisamente, se algo teñen en común os enfermos que reciben un tratamento crónico para unha doenza de futuro incerto, é a deficiente xestión dos tempos. Algúns psicólogos clínicos identifican a raíz do problema como a Síndrome de Damocles. O temor a unha mala nova, como podería ser o fracaso da terapia, un rebrote da enfermidade, a súa extensión ou a perda de calidade de vida por unha mingua física ou cognitiva, penden como a espada de Damocles sobre o ánimo do enfermo. Aprender a xestionar correctamente o impacto emocional pode axudar ao paciente a reorientar a súa conduta a unha situación de certa normalidade e a interpretar mellor a información médica e as súas consecuencias. A axuda dun psicólogo será sempre benvida.

Afrontar o diagnóstico

A vulnerabilidade emocional marca a espera dun diagnóstico acerca dunha enfermidade grave. Velaquí algunhas pautas para afrontalo.

Someterse ao diagnóstico nada ten que ver coa evolución da posible enfermidade. Se se padece, está aí e evoluciona ao seu propio ritmo.

Se se vai postergando a data da proba, as posibilidades terapéuticas poden ir diminuíndo en eficacia, e ademais a persoa non dará quitado da cabeza o problema.

O medo e a incerteza son pésimos compañeiros de viaxe. Tornan a persoa máis túzara, triste e pesimista. E acaba afectando á nosa calidade de vida e á dos que nos arrodean.
Afrontar (con serenidade ou sen ela) os momentos difíciles, e asumir con madureza e responsabilidade os problemas permítelles ás persoas ser máis fortes e confiadas nas súas posibilidades: reforza a súa autoestima.

A sala de espera

A sala de espera, malia o que se poida pensar, pode adquirir un significado positivo para o enfermo. Malia o molesto que adoita ser pasar horas e horas á espera dunha consulta que pode resolverse en poucos minutos, o paciente pode percibir ese tempo como “o seu tempo”. Son unhas horas molestas e insatisfactorias, pero que forman parte da resposta que se busca. A consulta comeza coa chegada ao centro sanitario e remata cando se sae. A medias está o papelame, a programación de probas, a recollida de resultados e a visita ao especialista. É o equivalente a un programa que inclúe compartir o tempo con persoas que viven situacións similares.

Tempos menores

Hai esperas que non sempre sentan ben. Por exemplo, o atraso duns poucos días da consulta do especialista. Do médico agárdase a confirmación dun diagnóstico ou, pola contra, que se lle indique que todo segue igual. Polo tanto, trátase dunha data agardada que pecha unha etapa para abrir a seguinte. Movela xera inquietude, desacougo e desasosego. En situacións puntuais pode acrecentar estados de ansiedade ou de depresión. Noutras, unha liberación: sexa cal sexa o resultado da consulta pódese prever un futuro inmediato.

Medo ao futuro

Entre os pacientes oncolóxicos existe certo temor ao futuro. Maniféstase sobre todo en etapas próximas á curación, cando os tempos entre control e control son maiores. Ao espazar as visitas (de tres meses a seis, ao ano e así sucesivamente ata os cinco anos) aparece a sensación de perda de control. Esta mesma sensación, en xeral pasaxeira, xorde tras abandonar un período de hospitalización ou ao rematar un tratamento prolongado. Aínda que a percepción negativa remite co tempo, non debe descartarse recibir axuda médica.