Habilidades sociais

Aprendermos a dicir "non"

Cando queremos dicir "non" e dicimos "si", estamos desvalorizando o noso "si"
1 Decembro de 2003

Aprendermos a dicir "non"

Comunicarse eficientemente cos demais, con precisión e empatía, e deixando un pouso de imaxe positiva ante os nosos interlocutores é un dos cometidos clave nunha vida en sociedade. Trátase dun proceso complexo, no que debemos articular habilidades aprendidas e talentos naturais (como o dominio da linguaxe oral e xestual, o don da oportunidade, a adecuada xestión das emocións, o encanto persoal…). E no que cómpre combinármo-la tolerancia necesaria para aceptar e entender ó outro coa capacidade de expresa-las nosas opinións ou preferencias. Hai dúas cousas que a moitas persoas lles resultan problemáticas ou difíciles: unha é a de pedir ou solicitar favores e a outra é dicir “non”. Centrándonos nesta última cuestión, dar respostas negativas supón un esforzo, empeñados como estamos en caer ben, en resultar tolerantes, comprensivos, amables e dilixentes. A timidez e o déficit de autoestima son problemas engadidos á hora de dicir que non…

Todo comeza na infancia

Entre as primeiras actitudes que aprende un bebé, a de negarse, a de rebelarse ante os seus pais, ocupa un lugar preferente. Oporse é o mellor xeito que o neno ou nena ten para afirmarse. É un xeito de marcar unha diferencia entre eles e o exterior, unha defensa ante a sensación de invasión que perciben polo requirimento constante que vén do seu contorno. Co paso dos anos a estratexia do non vai remitindo, aínda que na adolescencia recobra a súa forza e eríxese case en patrón de conducta.

Pero a medida que o mozo vai asumindo maiores cotas de responsabilidade e de autonomía, resúltalle máis difícil dicir non. Comezan a adquirir relevancia enfoques como os de evitar problemas innecesarios e propiciar un bo ambiente co seu contorno, caerlles ben ós demais, evita-las discusións… O problema xorde cando esta tendencia se consolida en exceso e, por timidez, comodidade ou pragmatismo se converte en hábito.

Hai que diferenciar entre non contraria-los nosos interlocutores porque coincidimos coas súas propostas, opinións ou formulacións, e facelo por sistema, sempre e en calquera circunstancia. Se non manifestámo-lo noso desacordo cando discrepamos en cuestións importantes, ou se facémo-lo que consideramos inapropiado ou o que resulta prexudicial para os nosos intereses, antepoñémo-las necesidades, opinións ou desexos dos demais ós nosos. Isto pódenos causar, amais dos previsibles prexuízos de índole práctica, problemas de autoestima, e pode transmitir de nós unha imaxe de persoas con pouco criterio.

Tras esta conducta compracente pode atoparse a crenza de que leva-la contraria ou non aceptar tarefas que consideramos incorrectas ou que non nos corresponden conduce a que se nos vexa (ou nos vexamos) como egoístas. Moitos pensan que iso é case o peor que lles poden chamar, ata tal punto teñen asumido que a xenerosidade, a compaixón, a empatía e a incondicionalidade son atributos positivos, e totalmente contrapostos ó egoísmo natural -e ata certo punto, lóxico- das persoas.

¿Por que o medo a dicir non?

Algunhas persoas sofren cada vez que se teñen que negar a algo, ben sexa por medo a defrauda-las expectativas dos outros, ben por temor a non dar “a talla” ou a non saber argumenta-la súa negativa, ou por simple preguiza e comodidade. Trátase, en definitiva, do medo a non seren valorados e queridos. A nosa necesidade de sermos valorados, atendidos e tidos en conta, pódenos levar -desde o espellismo que crea unha autoestima pouco asentada- a amosar unha constante dispoñibilidade a todo, o que nos sume nunha dependencia non só dos demais, senón desa imaxe desde a que actuamos, deixando de exerce-lo noso dereito a dicir “non”. Esa dependencia dificulta a nosa evolución persoal, dinamita a nosa autoestima e imposibilita o libre exercicio da responsabilidade que propicia unhas saudables e equilibradas relacións de interdependencia cos demais, nas que dicimos “si” cando o consideramos adecuado e nas que mantemos vixente a posibilidade de dicir “non”.

A forza do si

Un “non” a secas resulta demasiado expeditivo; despois do “non” convén dicir “si”, aínda que sexa á postura contraria da do noso interlocutor, proporcionando alternativas, expoñendo e defendendo os nosos argumentos con convicción e firmeza, pero, iso si, sen ferir nin menosprezar a ninguén. E iso só é posible se previamente sabemos dicir “non” sen nos sentirmos culpables.

Cando queremos dicir “non” e, sen embargo, dicimos “si”, estamos desvalorizando o noso “si”, xa que, de puro rutineiro, despoxámolo do seu verdadeiro valor. E desvaloriza-la nosa afirmación é facelo co noso creto como persoas que senten, pensan e teñen criterio propio. Equivale a depreciármonos ante os demais e ante nós mesmos.

Cómpre buscármo-lo equilibro que nos permita ser tolerantes e comprensivos, pero sempre habilitando un espacio para expresa-los nosos matices ou discrepancias. Se cedemos sempre, estámonos facendo dano. Se non somos capaces de dicir “non”, pensaremos que ós demais lles pode acontece-lo mesmo. E cada vez que obteñamos unha afirmación a algo que pedimos ou comentamos, dubidaremos de se realmente é unha resposta sincera, e, xa que logo, se lle importamos ó noso interlocutor.

Sermos nós mesmos

Conectar coas nosas necesidades, atende-lo que queremos e precisamos, prioriza-lo como estamos en cada momento e situación, obríganos a saber dicir “non”. Ás veces, dicir “non” tórnase preciso para coñecernos, para significarnos e amosarnos ó mundo tal como somos. Desde a sinceridade empática (achegándonos á situación do interlocutor), entaboaremos unhas relacións de autenticidade, nas que impere un diálogo máis veraz, fluído e constructivo. E poderemos dicir que sabemos con quen falamos e como se atopa a persoa coa que o facemos. Hai demasiadas relacións baleiras, formais, vestidas de cordialidade e bos modais. Unha cousa é a sociabilidade e outra moi distinta a hipocrisía do “quedar ben” a toda costa.

Digamos
  • Non nos sintamos culpables por dicir “non”.
  • Dar (adecuadamente) prioridade ás nosas necesidades, opinións e desexos non é unha manifestación de egoísmo, senón de responsabilidade, autoestima e madurez.
  • Dicir “non” cando o consideramos xusto ou necesario é a mellor maneira de comprobar en que medida se nos valora e se nos quere por como somos en realidade.
  • Permitámonos verificar que as nosas negativas non só non rompen vínculos cos demais, senón que plasman un compromiso de sinceridade, respecto (polos demais e por nós mesmos), responsabilidade e autenticidade.
  • A confianza fortalécese cando o diálogo e a interacción non se sustentan en falsos asentimentos e condescendencias.
  • Se exercémo-lo noso dereito a dicir “non”, poderemos pensar que os demais fan o propio, e asentaremos unha comunicación máis fiable, veraz e fluída.