Ante a calor, como parar o golpe

Beber a miúdo, permanecer na sombra e evitar os esforzos físicos nas horas centrais do día son claves para evitar os efectos das altas temperaturas
1 Xullo de 2011
Img salud

Ante a calor, como parar o golpe

Ceos despexados, tempo libre, xornadas de praia, excursións e calor. Non se trata do anuncio dunha viaxe, senón dos principais reclamos polos que moitos agardan a que chegue o verán. Certo que poucos son os que ven detrás o perigo que agacha algún deles, como por exemplo a calor. Aínda que algunhas persoas se declaren máis amigas da calor ca do frío e demostren a súa militancia con sesións maratonianas baixo o sol, o corpo humano non está preparado para aturar a calor asfixiante. As altas temperaturas que se rexistran durante o verán, e en especial ao se orixinaren olas de calor poden producir o temido golpe de calor, un cadro que chega a ser grave e mortal de non se actuar con celeridade. Por iso, convén ter en conta unha serie de precaucións para evitar pór en perigo a nosa saúde e benestar, e ante todo non deixar o sentido común na casa. Buscar a sombra, beber a miúdo, refrescarse, abanicarse e evitar saír á rúa nas horas centrais do día parecen medidas lóxicas que toda a poboación debería aplicar cando o sol e a calor apertan. Pero, por desgraza, os casos de golpe de calor que se rexistran cada verán demostran que o sentido común brilla pola súa ausencia e que para previlos a poboación aínda debe pasar da teoría á práctica.

Que é un golpe de calor?

A calor suave resulta agradable, pero en exceso pode chegar a producir problemas serios como o golpe de calor. Este fenómeno orixínase cando os mecanismos de regulación do corpo fallan e a temperatura corporal sobe por riba dos 40 graos. O organismo humano funciona a uns 37 graos de temperatura e é bastante sensible ás variacións das temperaturas externas, sobre todo das máis calorosas. Para iso, dispón de mecanismos que regulan a súa temperatura, como a suor, e distribúen a calor mediante o sangue e expúlsana cara ao exterior. Cando se sofre un golpe de calor, todos estes mecanismos deixan de funcionar, sobe a temperatura corporal e pérdense abundantes líquidos corporais, e todo iso eleva as probabilidades de padecer danos neurolóxicos e mesmo de morrer.

Síntomas e vítimas

Non hai unha temperatura concreta pola que se orixina o golpe de calor. Debe ser alta, pero varía segundo a fraxilidade de cada individuo e da localización xeográfica. Hai que ter en conta que os seus efectos poden observarse durante os tres primeiros días e ata unha semana despois do golpe de calor. É máis probable que as persoas o padezan durante o inicio do verán e non cara ao final, debido, segundo distintos estudos, a que o corpo aínda non se aclimatou á calor. Velaquí os principais síntomas que delatan que a calor nos golpeou:

  • Aumento importante da temperatura corporal (39 ºC ou máis).
  • Pel avermellada, quente e sen suor.
  • Aumento das pulsacións ou frecuencia cardíaca.
  • Dor de cabeza punzante.
  • Perdas de memoria.
  • Perda do coñecemento.

O golpe de calor, como indica a súa denominación, ataca as súas vítimas de xeito inesperado, xa que os seus síntomas poden aparecer de súpeto. As persoas máis vulnerables son os menores de seis anos e os maiores de 65. En ambos os dous casos os seus mecanismos de regulación de temperatura corporal non funcionan ben, súan menos e aturan peor a calor. Os enfermos crónicos ou con outras patoloxías previas, como as mentais, as respiratorias e sobre todo as cardiovasculares, teñen un risco maior de sufrir estes episodios, xa que a calor eleva o risco de infarto. As persoas con algunha minusvalidez psíquica ou física e as que toman medicación con capacidade para interferir na regulación da temperatura corporal son tamén máis vulnerables.Tres son os grupos de fármacos que poden interaccionar coas altas temperaturas: os que agravan o esgotamento e a deshidratación (diuréticos, antiinflamatorios non esteroideos, antihipertensivos, fármacos para a insuficiencia cardíaca, antidiabéticos orais, antimigrañosos, sales de litio e hormonas tiroideas); os que elevan a temperatura corporal (neurolépticos e antidepresivos); e os que empeoran de maneira indirecta os efectos da calor ao reduciren a capacidade de reaccionar do organismo (somníferos, ansiolíticos e antihipertensivos).

Hai outro gran colectivo de persoas máis vulnerables: os turistas. Os que viaxan de áreas xeográficas frías a outras máis cálidas son máis sensibles a padecer un golpe de calor. E é que cada persoa está adaptada ao seu propio clima e, ao saírse dos rangos de temperatura aos que está afeita, é máis sensible aos efectos da calor.

Como actuar ante un golpe de calor?

Actuar con celeridade é clave para salvar a vítima do golpe de calor. Polo contrario, pode sufrir secuelas a nivel neurolóxico ou mesmo morrer. As persoas que sufriron un destes graves episodios, en principio, non teñen máis probabilidades de padecer outro, salvo se non se toman precaucións. Ante un golpe de calor, cómpre avisar inmediatamente aos servizos sanitarios e arrefriar axiña a vítima, apartala do sol, situala nun lugar fresco e mollala con auga fría para baixarlle a temperatura corporal. Estas son as medidas que cómpre aplicar ata que chegue o servizo sanitario. Unha vez no hospital, o tratamento consiste en baixar a temperatura corporal e hidratar a persoa.

Prevención: aplicar o sentido común

A prevención é a mellor arma para combater as altas temperaturas. Cando se notan os seus síntomas, pode ser demasiado tarde. Os plans preventivos, dirixidos polas autoridades sanitarias á poboación, propoñen medidas ao alcance de calquera persoa.

  • Na casa: controlar a temperatura. Durante as horas de sol, hai que baixar as persianas das fiestras e, durante a noite, abrilas para refrescar a casa. Aconséllase permanecer nos cuartos máis frescos e recorrer a algún tipo de climatización, como os ventiladores ou o aire acondicionado.
  • Na rúa: evitar o sol directo, cubrir a cabeza con puchas e sombreiros, camiñar pola sombra, permanecer baixo unha antuca cando se estea na praia e descansar en lugares frescos da vía pública ou en lugares pechados que estean climatizados. É importante levar auga e beber a miúdo, e mais mollar un pouco a cara e mesmo a roupa, que debe ser lixeira (como a de algodón), de cores claras e folgada.
  • De viaxe: é crucial evitar desprazarse durante as horas de máis sol. Se non é posible, hai que seguir ao pé da letra as recomendacións anteriores e máis de se viaxar con nenos.
  • Cos demais: vixiar as persoas que viven soas, visitalas unha vez ao día, axudalas a seguir os consellos para combater a calor (sobre todo se son maiores), e se toman medicación, revisala co seu médico por se pode influír na termorregulación. Nese caso, debe axustarse ou cambiarse.
  • Na botica de primeiros auxilios: os fármacos débense gardar nun lugar da casa a salvo da exposición directa ao sol e das altas temperaturas. A calor pode afectar á súa calidade e provocar alteracións nas súas propiedades. Por iso, cando se adquire un fármaco por primeira vez é crucial ler o prospecto para saber a que temperatura conservalos. De feito, para asegurar a súa estabilidade e efectividade, hai algúns medicamentos que esixen refrixeración.
Consellos para previr un golpe de calor
  1. Nos días de máis calor, afastarse do sol e refrescarse a miúdo con duchas frecuentes e rápidas e toallas molladas con auga.
  2. Permanecer o maior tempo posible en lugares frescos, á sombra e climatizados. Se non se ten aire acondicionado ou ventilador, intentar pasar polo menos dúas horas ao día en lugares que si o teñan como grandes almacéns, bibliotecas ou cines.
  3. Anticiparse á sede: beber auga abundante e zumes de froita, mesmo sen ter sede, e facer que os nenos e os anciáns tamén beban.
  4. Non tomar bebidas alcohólicas.
  5. Evitar as comidas moi quentes e caloríficas.
  6. Reducir a actividade física ao mediodía, que é cando vai máis calor.
  7. Evitar realizar esforzos físicos e actividades moi intensas nas horas de máis calor.
  8. Usar roupa clara, lixeira e de algodón para que deixe transpirar.
  9. Manter as medicinas nun lugar fresco, porque a calor pode alterar a súa composición e efectos.
  10. Permanecer o maior tempo posible en lugares frescos, á sombra e climatizados,

Fonte: Xavier Basagaña, do CREAL, plan POCS do Departamento de Saúde de Cataluña e Ministerio de Sanidade, Política Social e Consumo