Alto e claro: a voz require coidados

O ruído, as conversas sen descanso, a exposición directa ao aire acondicionado, as bebidas frías e o tabaco son os principais inimigos da voz
1 Setembro de 2009
Img salud 2 listado 145

Alto e claro: a voz require coidados

A voz cóidase pouco, a pesar de ser unha ferramenta básica en numerosas profesións. Actores, médicos, avogados, persoal docente e teleoperadoras forman parte dos grupos con maior risco de sufrir un trastorno de voz. Con todo, ninguén está libre de padecer unha lesión, motivada en numerosas ocasións polo seu mal uso e porque non sempre recibe os coidados necesarios. As enfermidades da voz son cada vez máis frecuentes. A falta de sono, falar máis de catro horas seguidas, ter carraspeira e tusir en exceso, o ruído ambiental, o fume do tabaco ou a contaminación, o consumo de alcol e unha excesiva sequidade do aire son os principais factores de risco para sufrir problemas de voz. Segundo os otorrinolaringólogos, un 5% da poboación española sofre hoxe algún trastorno da voz que require atención por parte dun profesional, xa sexa un especialista en otorrinolaringoloxía, un logopeda ou un profesor de canto. Na actualidade, as posibilidades terapéuticas para corrixir estas alteracións ampliáronse e, mesmo coa chamada cirurxía cosmética se pode transformar a voz para facela máis grave, máis aguda ou máis xuvenil.

Potenciais inimigos

O principal inimigo da voz a contaminación acústica. A necesidade de escoitarse en contornos concorridos como cafetarías, discotecas, restaurantes e mesmo autobuses e estacións de tren contribúe a que se force máis da conta. E o exceso pásalles factura ás cordas vocais.

Ademais do ruído, o hábito de manter longas conversas telefónicas tamén ten consecuencias. Cando se fala por teléfono, o interlocutor non está en fronte, cara a cara, polo que o falante descoñece cara a que punto debe dirixir a voz. A consecuencia é que se pode sufrir unha gran fatiga vocal.

Outros inimigos, máis sofisticados, son os aparellos de aire acondicionado. O aire demasiado frío irrita as cordas vocais, sobre todo se non se respira ben polo nariz, xa que este ten a función de quentar, humidificar e filtrar o aire que se respira. Todo iso pode ser aínda máis pernicioso se hai contaminación no ambiente. Polo tanto, débese manter ben despexado o nariz e evitar a exposición directa ao aire acondicionado.

O abuso da bebida fría e o tabaco tamén poden irritar as mucosas da larinxe e inflamar as cordas vocais, que perden así a súa capacidade vibratoria e propician que a voz se resinta. Este cóctel de factores nocivos para a voz fixo que, segundo datos da Sociedad Española de Otorrinolaringología, o 5% da poboación española sufra problemas relacionados coa voz e que se augure un aumento a medio prazo dos trastornos vocais.

Principais trastornos

A disfonía é unha alteración da voz que pode ser conxénita, desde o nacemento, ou xurdir nun momento determinado da vida por un mal uso ou debido a lesións anatómicas ou orgánicas. Esta alteración pode clasificarse en tres grandes grupos:

  • Disfonía por calquera alteración no ton da voz. O ton vocal transfórmase en demasiado agudo ou demasiado grave.
  • Disfonía en relación á intensidade do ton da voz. A voz debilítase e a persoa afectada non é quen de facerse oír.
  • Disfonía por alteración do timbre da voz. Este cambia e faise máis rouco.

Os trastornos da voz poden estar asociados a lesións anatómicas ou orgánicas, entre as que se atopan os nódulos, os pólipos, os quistes e os papilomas. Son numerosas as persoas que sofren estas alteracións desde o seu nacemento, aínda que non as descobren ata que abusan da voz e a utilizan de forma incorrecta.

A afonía é a perda total da voz. Un síntoma alarmante porque non se pode emitir ningún son. Aínda que non é unha situación habitual, as hemorraxias ou as larinxites agudas por virus poden causala.

Tratamentos actuais

Os problemas relacionados coa voz son, en xeral, tratables e curables sempre que se diagnostiquen da forma correcta. Entre o 70% e o 80% estes trastornos resólvense con rehabilitación vocal, mentres que o resto precisan intervencións cirúrxicas e, por veces, de tratamentos médicos coadxuvantes, que se aplican xunto aos cirúrxicos. Estes son os máis comúns:

  • Rehabilitación vocal. Baséase en introducir cambios na forma de falar para conseguir unha técnica vocal correcta. Céntrase na incorporación de certa hixiene vocal e na adopción de medidas como non berrar e non falar demasiado tempo (hora e media) sen descansar.
  • Tratamentos técnicos. Nos casos de enfermidades infecciosas que lle afectan á voz, como as larinxites víricas, recórrese a antibióticos e antiinflamatorios.
  • Cirurxía da voz. A denominada fonomicrocirurxía é unha cirurxía moi fina e delicada que recorre ao microscopio para abordar as cordas vocais e extirpar as lesións do tipo nódulos, pólipos, quistes e papilomas. Entre as cirurxías da voz figura a tiroplastia, que se practica para corrixir a parálise das cordas vocais. Consiste en practicar unha incisión á altura da cartilaxe tiroide (a noz) e en colocar un implante de silicona que despraza a corda vocal paralizada cara á liña media. Esta manobra cirúrxica corrixe a parálise e permite que a persoa operada goce dunha voz semellante á que mostraba antes da operación.
  • Cirurxía cosmética. Esta é unha operación que se practica sobre a armazón da larinxe para facer máis grave a voz. Para iso, practícase unha pequena incisión, colócase a través dela unha malla que modifica as cartilaxes da larinxe e redúcese así a tensión das cordas vocais. En España xa se realizaron outros procesos nos que se perseguiu o obxectivo inverso, é dicir, a través dunha pequena incisión modifícanse as cartilaxes larínxeas para aumentar a tensión das cordas vocais e así a voz convértese en máis aguda. Trátase dunha cirurxía á que adoitan recorrer as persoas transexuais.
  • Inxección intracordial. É outra das técnicas que se comezan a practicar en España para rexuvenecer a voz afectada pola presbifonía, ou perda do volume da voz debido á idade avanzada. A medida que se envellece, a voz debilítase e non alcanza os tons máis agudos. É curioso que a partir dos 60 anos a voz é máis aguda nos homes e máis grave nas mulleres. A técnica da inxección intracordal consiste en utilizar distintos implantes, que poden ser de distintos materiais, como o coláxeno, a hidroxiapatita e a propia graxa corporal, dentro das cordas vocais co fin de rexuvenecer a voz.

Para o diagnóstico, ao otorrinolaringólogo

Todos os protocolos referentes aos trastornos vocais aconsellan acudir ao especialista se, transcorridos quince días, o tempo máximo que pode durar un catarro leve, a voz non mellora. Deste xeito tamén se poden diagnosticar de forma precoz outras enfermidades como o cancro de larinxe, aínda que esta non sexa moi frecuente.

O diagnóstico dos trastornos da voz mellorou de xeito notable nos últimos anos. Os otorrinolaringólogos diagnostican os problemas da voz con técnicas de análise, programas informáticos de análises acústicas, da función respiratoria e, o que é máis importante, cunha endoscopia da larinxe.

A laringoestraboscopia (e agora tamén a videolaringoestraboscopia) é a proba diagnóstica máis importante de toda a batería de exploracións ás que se somete o paciente. Consiste en introducir un pequeno tubiño, provisto dunha cámara, pola boca, que permite acceder ata a parte posterior da lingua e visualizar as cordas vocais.

Consellos para previr os problemas de voz

  • Respecte as medidas de hixiene vocal básicas, que implican non falar alto ou berrar, non forzar a voz nos lugares con ruído ambiente, non elevar o ton para falar por riba dos ruídos ambientais e descansar cada certo tempo.
  • Hidrátese ben e beba suficientes líquidos.
  • Durma e descanse ben. É fundamental para manter unha voz sa.
  • Non abuse do alcol nin do tabaco.
  • Non manteña conversas telefónicas moi longas.
  • Evite a exposición directa ao aire acondicionado.
  • Respire ben polo nariz e mantéñao despexado con soro.

(Fonte: Isabel García López. Hospital de La Paz, de Madrid)