Produtos light ou lixeiros

Sen fórmulas máxicas

A lectura das etiquetas é fundamental para o consumidor, xa que algúns deles non son tan "light" como tentan parecer
1 Xaneiro de 2006
Img alimentacion listado 349

Sen fórmulas máxicas

O consumo de produtos light incrementouse nos últimos anos e esta tendencia parece non ter freo, debido á maior preocupación que os consumidores amosamos pola nosa saúde e aparencia física. Segundo datos procedentes da Enquisa Continua de Orzamentos Familiares do 2003, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), arredor dun 6% das persoas entrevistadas afirmou adquirir estes produtos para manter a liña ou mellorar a saúde, en particular as mulleres.

Que é un produto light?

/imgs/20060101/patatas.jpg Un produto light é aquel cunha achega enerxética -a enerxía mídese en calorías e en joules- polo menos un 30% máis baixa cá do seu alimento de referencia, é dicir, o mesmo alimento pero na súa versión natural. A redución enerxética acádase diminuíndo a cantidade ou substituíndo os azucres ou as graxas por outros compoñentes menos calóricos.

Son realmente útiles ou necesarios?

En persoas que se atopan en boas condicións de saúde non está xustificado recorrer a este tipo de produtos, se ben se consideran axeitados para quen deba limitar a achega enerxética da súa alimentación ou a cantidade de graxas e/ou azucres por mor dalgún trastorno ou enfermidade.

Aclarando conceptos importantes

  • Os produtos light non son adelgazantes. O feito de que apareza nos envases a palabra light “sen azucre engadido”, “baixo en graxas” ou similares, non significa que sexan adelgazantes. É verdade que a súa achega calórica é inferior cá dos alimentos ós que imitan, pero algúns deles conteñen graxas e azucres en cantidades significativas. Ese é o caso da maionesa, dos queixiños ou do paté, alimentos ricos en graxa por natureza, aínda que se trate das súas versións lixeiras. Isto tradúcese en que o consumidor que fai uso destes produtos debe moderar igualmente a cantidade ou ración. De non facelo, os seus efectos resultan contrarios ó que busca, producindo ata aumentos de peso. Para termos unha idea máis clara, unha cullerada sopeira (15 gramos) de maionesa convencional contén unhas 100 calorías e uns 10 gramos de graxa, mentres que a versión light proporciona arredor de 50 calorías e 5 gramos de graxa. Polo tanto, se a persoa cae no erro de que por ser un produto light pode tomar o dobre ou maior cantidade, ó final estará consumindo as mesmas calorías e gramos de graxa que se se tratase da maionesa convencional.
  • O seu emprego indiscriminado pode alterar a saúde. Se se abusa deles aumenta o risco de desequilibrios nutricionais. As graxas e os azucres son nutrientes necesarios para o bo funcionamento do organismo, consumidos sen exceso nin defecto. De se substituíren moitos dos alimentos convencionais polas súas versións light, podería haber risco de carencias de nutrientes esenciais; é dicir, aqueles que o organismo non pode producir por si só, e máis aínda se o conxunto da dieta non está correctamente deseñada. A graxa é vehículo de ácidos graxos esenciais (linoleico e linolénico) e de vitaminas liposolubles ou solubles en graxa (A, D, E, K), que cumpren funcións de grande importancia. Doutra banda, se se consume pouca cantidade de hidratos de carbono, o normal funcionamento do organismo tamén se pode ver alterado. Isto último acontece se se suprimen ou limitan ó máximo alimentos ricos en hidratos de carbono, como cereais e os seus derivados (pasta, pan, torradas, etc.), patacas, legumes, verduras e froitas ou doces. E a situación agrávase se a isto se suma o emprego de produtos “sen azucre”. Se non se consome a cantidade axeitada de hidratos de carbono -o noso principal combustible enerxético- prodúcese un “autoconsumo” das propias reservas corporais de efectos nocivos para a saúde.
  • Imprescindible lermos as etiquetas. Antes de introducirmos un produto light na dieta cómpre lermos os datos que indica a súa etiqueta, en especial no tocante á etiquetaxe nutricional e á lista de ingredientes, que por lei se presentan en orde decrecente con respecto ó seu peso; é dicir, o de máis peso é o que primeiro aparece, incluídos os aditivos. Convén comparar a lista de ingredientes do produto light coa do alimento tradicional de referencia e mais a composición enerxética e nutricional de ambos, non só por cada 100 gramos, senón tamén tendo en conta a porción ou ración de consumo, pois pode haber máis dunha sorpresa. Por exemplo: se se compara a composición de dous tipos de galletas, lixeiras e normais, por 100 gramos, a diferenza en calorías pode ser notable, pero xa non o é tanto se se toma como referencia a ración de catro unidades. A comparación das características dos produtos light e dos seus equivalentes tradicionais permite establecer se realmente son adecuados ou non ás necesidades da persoa, coñecer a composición do que se está comendo e mais a relación entre calidade e prezo.
  • /imgs/20060101/galletas.jpgComermos light sen produtos light. En xeral, as persoas procuran comer alimentos de similares características ós tradicionais, pero dunha menor achega enerxética. Desde o punto de vista dietético e nutricional resulta adecuado que o consumidor desexe alimentos menos graxentos e con menos azucres, pero cómpre ter en conta que para iso non é indispensable recorrer ós produtos light. Comendo menos de ‘certas cousas’ e cociñando os alimentos da maneira axeitada, danse reducido as graxas e os azucres sen necesidade de optar polos produtos light, que polo xeral son máis caros e non resultan apetecibles como os alimentos ós que pretenden imitar.

Quen regula os produtos light?

Na actualidade, a única referencia que teñen as empresas do sector alimentario para cualificaren os seus produtos como light é o acordo elaborado en 1990 pola Comisión Interministerial para a Ordenación Alimentaria (CIOA). Trátase dunha serie de recomendacións, polo que non existe un marco legal que obrigue polo momento a cumprir cos requisitos propostos, como, por exemplo, que a redución do valor enerxético con respecto ó produto de referencia sexa, polo menos, do 30%. Isto propiciou que non todas as empresas cumpran con este acordo, polo que se atopan no mercado produtos light ou lixeiros (galletas, cacao en po, patacas fritidas, zumes…), cunha achega enerxética practicamente idéntica á do seu equivalente de referencia, e coa diferenza de que o seu prezo é notablemente superior. É labor do consumidor revisar a etiqueta e comprobar, neste caso, se realmente a redución de enerxía do produto o fai adecuado.

Variedades de produtos light

  • /imgs/20060101/salsa.jpgProdutos con menos graxa. Son útiles para diversificar a alimentación de quen ten que controlar a cantidade de graxas da súa dieta, como en caso de hipercolesterolemia, hipertrigliceridemia, certos trastornos hepáticos ou da vesícula biliar, problemas pancreáticos e de exceso de peso. Os de maior emprego son: salsa fina tipo maionesa lixeira, margarina e manteiga light, queixos e xamón cocido baixos en graxa, leite e iogures desnatados, etc.
  • /imgs/20060101/azucar.jpgProdutos con menos azucre ou sen azucre. Son útiles para quen ten que controlar o consumo de azucres, como é o caso das persoas con diabetes, hipertrigliceridemia, sobrepeso ou obesidade. Cómpre salientar que non todos os produtos nos que se inclúe a mensaxe “sen azucre”, “sen azucre engadido”, “con frutosa”, “apto para diabético” son light ou baixos en calorías. Son baixos en calorías se empregan edulcorantes non calóricos, mentres que se incorporan frutosa (azucre presente nas froitas, hortalizas e mel) no canto de sacarosa ou azucre común, poden proporcionar a mesma enerxía ou mesmo algo máis cós alimentos convencionais, en función do resto dos seus compoñentes, polo que non serían axeitados para quen ten exceso de peso.