Saúde ósea e vitamina D | macronutrientes | Dieta para a ciática | Límite de cafeína para embarazadas | Merendas infantís

1 Xaneiro de 2009
Img alimentacion 2 listado 109

Saúde ósea e vitamina D | macronutrientes | Dieta para a ciática | Límite de cafeína para embarazadas | Merendas infantís

Proxecto Optiford: alimentos enriquecidos en vitamina D e saúde ósea

“Cada 30 segundos un europeo sofre unha fractura como resultado da osteoporose”. Así se presenta o “Proxecto Optiford: fortificación con vitamina D”, un plan de investigación que examinou as formas óptimas de fortificación dos alimentos con vitamina D. O obxectivo é garantir unha maior proporción desta vitamina na poboación europea grazas ao papel preventivo fronte á osteoporose, xa que favorece a absorción e aproveitamento do calcio nos ósos.

Vitamina D e óso

A deficiencia de vitamina D, tan habitual nas persoas maiores, representa un importante problema de saúde pública. É un factor de risco de fracturas de cadeiras, osteoporose, osteomalacía (debilitamento dos ósos) e minusvalideza física.

A vitamina D pódese obter por medio da exposición da pel á luz do sol e do consumo de peixe azul (atún, bonito, sardiñas, anchoas, xarda), queixos, manteiga e alimentos enriquecidos. Na actualidade, son tantos os alimentos enriquecidos que a prioridade dos investigadores e da industria alimentaria é coñecer a fondo o efecto das doses elevadas de certos nutrientes no organismo humano.

Segundo a investigación, os estudos poboacionais que analizaron o papel da vitamina D na prevención de fracturas suxiren que estas se poden previr coa inxestión de 10 microgramos (µg) ao día de vitamina D en combinación con 1.000 miligramos de calcio, ou dun suplemento de 2500 µg de vitamina D tres veces ao ano (equivalente a 20 µg/día) se non se engade calcio. Pola súa banda, a maioría de estudos sobre anciáns institucionalizados que viven en residencias coinciden en sinalar que a maior prevención de fracturas neste sector da poboación se acada cunha inxestión maior; uns 20 µg/día de vitamina D combinada con 1.200 miligramos de calcio.

O ABC da Nutrición: Macronutrientes

Os macronutrientes son un grupo de substancias químicas que conteñen os alimentos. Considéranse nutrientes as proteínas, os lípidos, os hidratos de carbono e a auga, porque o organismo precísaos en máis cantidade (gramos) e tamén é maior a súa presenza nos alimentos. A oxidación biolóxica dos tres primeiros xéralle calorías ao organismo, enerxía que xestiona para levar a cabo as distintas funcións (obter enerxía, manter os tecidos corporais, regular os procesos metabólicos, etc.). Enténdese que o valor enerxético para o organismo de 1 gramo de proteínas e de 1 gramo de hidratos de carbono son 4 quilocalorías, e de 9 quilocalorías por gramo de graxa.

O dato: 200 mg

É o límite cotián de consumo de cafeína recomendado ás mulleres embarazadas pola Axencia de Estándares Alimentarios do Reino Unido (FSA). A autoridade sanitaria británica rebaixou de 300 a 200 mg (equivalente a dúas cuncas de café) o límite máximo de consumo diario de cafeína durante a xestación. A razón atende aos resultados dun estudo levado a cabo polas universidades inglesas de Leicester e Leeds en 2.500 xestantes. Segundo os datos obtidos, as mulleres embarazadas que consumiron máis de 200 miligramos diarios de cafeína rexistraron unha maior probabilidade de dar a luz bebés de menor peso.

Consultorio

Dieta para aliviar as molestias da ciática

A ciática é un trastorno neurolóxico no que se ve afectado o nervio ciático. O síntoma principal é a dor provocada pola inflamación do nervio (neurite) a causa dunha hernia de disco lumbar. A sensación de formigo e o adormecemento (parestesia) localizado na coxa e na perna afectada anteceden á dor intensa, en ocasións incapacitante, que provoca a ciática. Polo tanto, máis que a deficiencias de alimentos concretos, a ciática si que se pode deber, e mesmo agravar as molestias, polas deficiencias de nutrientes.

Trátase de nutrientes específicos que alimentan os nervios e que poden aliviar a dor. En concreto, varias vitaminas do complexo B: a B1, B6 e B12. Hai fármacos que concentran estas vitaminas en doses elevadas e que, dado que interveñen en procesos metabólicos específicos do organismo, están indicadas en distintos trastornos neurolóxicos, como ciática, polineurite, lumbalxias ou reumatismos musculares. Non obstante, ao se tratar de preparados farmacéuticos, deberanse tomar sempre na dose e coa frecuencia indicada polo facultativo, xa que, aínda que non son moi comúns, poden provocar efectos secundarios ou reaccións adversas.

Do mesmo xeito, unha dieta rica nestes nutrientes contribuiría a mellorar a nutrición e a lograr unha mellor resposta do sistema nervioso. Os alimentos con maior contido nestas vitaminas son:

  • Vitamina B1 ou tiamina. Dentro dos vexetais, abunda en cereais integrais e legumes. O fermento de cervexa é un complemento dietético rico neste nutriente. Por outra banda, entre todas as carnes, son especialmente ricos en tiamina o fígado e a carne de porco.
  • Vitamina B6 ou piridoxina. Moi abundante en fígado, cereais, legumes, noces e plátanos.
  • Vitamina B12 ou cobalamina. Só se atopa nos tecidos animais, en particular no fígado e, en menor proporción, en carnes, peixes, ovos e lácteos.

Merendas infantís: pan de molde con chocolate untado ou bolos recheos de chocolate?

A diferenza máis salientable entre o bolo recheo de crema de chocolate e o sándwich de pan de molde está no tipo de aceites vexetais engadidos ao produto, na densidade de azucres e na cantidade de aditivos (emulxentes, estabilizantes, aromas e antioxidantes). En moitos casos é peor a calidade nutricional na bolería.

Tanto o bolo como o pan de molde poden levar engadidos aceites vexetais sen especificar a orixe que conviría coñecer. Ademais, algúns fabricantes usan na elaboración da bolería aceites vexetais parcialmente hidroxenados, os de peor efecto na saúde de corazón e arterias, e que habería que descartar da dieta infantil. O bolo convértese, pola súa composición, nun alimento azucrado e graxo e, polo tanto, moi calorífico. As calorías no sándwich poden ser menores se se elixen os pans de molde máis saudables (con aceites de sementes ou de oliva) e sen azucre, e se se unta a cantidade xusta de crema de cacao ou chocolate. Por outra banda, a elaboración caseira de crema de cacao e abelás é sinxela e resulta máis saudable porque leva máis abelás ca a industrial. Se comparamos o valor enerxético e nutritivo entre ambas as dúas opcións veremos a diferenza:

Bolo recheo de crema de chocolate (unidade duns 75 gramos)

  • Valor enerxético: 330 Kcal
  • Hidratos de carbono: 38,3 g (non indican os gramos de azucres do total de hidratos)
  • Graxas: 23,5 g

Sándwich recheo de crema de chocolate (2 pan de molde +25 gramos crema)

  • Valor enerxético: 230 Kcal
  • Hidratos de carbono: 39,65 g (dos cales 13 g son azucres, sobre todo da crema)
  • Graxas: 8,5 g

Non obstante, para saber máis sobre a composición nutricional dos alimentos, o primeiro paso é ler con detemento a lista de ingredientes.