Produtos precociñados

Rápidos, cómodos e variados; son todo vantaxes?

1 Outubro de 2004

Rápidos, cómodos e variados; son todo vantaxes?

/imgs/20041001/img.alimentacion.01.jpg
O 70% dos fogares españois recorre a produtos conxelados unha vez á semana, e o 38% faino máis de tres veces. Así o recolle o recente “Estudo sobre os hábitos de consumo dos alimentos conxelados en España”, realizado pola Sociedade Española de Dietética e Ciencias da Alimentación (SEDCA), pola Confederación Española de Consumidores e Usuarios (CECU) e polos 14 principais fabricantes de conxelados envasados.

A falta de tempo e a pouca afección para cociñar, e maila comodidade e a rapidez que supón preparar estes produtos, son algunhas das razóns que se esgrimen para xustificar o seu uso. Pero o certo é que estes produtos non son os máis indicados para seren consumidos decote. A clave: introducilos na dieta de maneira ocasional e non como base dela.

Principais inconvenientes

  • Dificultade para identificar, en cantidade e calidade, os ingredientes. Non é doado coñecer a composición exacta de moitos destes produtos, malia que aparezan detallados todos os ingredientes na etiqueta, xa que as cantidades se refiren ó produto completo e non á ración de consumo individual. Isto distíngueos claramente dos pratos que se elaboran na casa. Ademais, aprécianse diferenzas entre produtos do mesmo tipo e marca distinta na cantidade e no tipo de ingrediente utilizado (carne de ave ou de polo, aceite ou graxa -oliva, xirasol, soia, coco ou palma-, etc.). En alimentos como croquetas ou barriñas de peixe, a proporción de bechamel e de rebozado é excesiva, polo que convén comparar a etiqueta de distintas marcas e lembrar que os ingredientes aparecen en orde decrecente á cantidade utilizada (o ingrediente máis abundante é o primeiro da lista). As persoas con alerxias ou intolerancias poden ter problemas cos conxelados a granel, pois non sempre se indican os seus ingredientes.
  • Máis indixestos. Hai pratos moi condimentados con especias picantes (pementa, curry, chile…) e/ou aditivos saborizantes (E-621, glutamato monosódico) que lles confiren un sabor particular, pero que tamén os fan indixestos, sobre todo para quen ten o estómago delicado.
  • Máis sodio e calorías. Estes produtos conteñen en xeral máis sodio cós pratos caseiros, entre outras cousas, porque o sal se utiliza como conservante e porque o sodio forma parte de aditivos saborizantes, como o glutamato monosódico, empregados habitualmente na súa fabricación. O valor enerxético destes produtos adoita ser elevado, co engadido de que moitos deles cómpre frixilos para consumilos, o que aumenta aínda máis a súa achega calórica.
  • Abundante graxa, e graxa saturada. A graxa saturada -a que en exceso tende a aumentar os niveis de colesterol en sangue- abunda nos produtos que incorporan salsas, graxas (das que a miúdo non especifican se a orixe é animal ou vexetal), manteiga, nata, crema de leite, leite, embutidos, paté, etc.
  • Con numerosos aditivos. Para que moitos destes pratos se manteñan en perfecto estado durante varios meses empréganse aditivos conservantes. A textura desexada conséguese, nalgúns deles, engadindo antiapelmazantes. A cor e o sabor particular de certos produtos obtéñense con aditivos colorantes, saborizantes, etc.

Algunhas vantaxes

  • ” Longa conservación. Son produtos que conservan as súas propiedades nutritivas, organolépticas e hixiénicas durante meses. Xa que logo, pódese contar sempre con algún precociñado ou prato preparado na casa, o que facilita a disposición en poucos minutos dunha comida consistente e permite improvisar un aperitivo en caso de visitas inesperadas.
  • O prezo e a calidade. A un prezo razoable, pódese dispor dun menú variado con precociñados e pratos preparados. Así e todo, aínda que a calidade dos ingredientes, a elaboración e a hixiene destes produtos estea garantida, a correcta calidade nutritiva da dieta non se pode conseguir a base destes pratos.
  • Doados de preparar. Algúns produtos tan só requiren pasalos pola tixola para consumilos, outros pódense introducir no seu propio envase no forno ou no microondas e axiña saen feitos, polo que facilitan o traballo de quen dispón do tempo xusto para xantar, de a que lle amola a preparación de certos pratos, ou de quen carece de coñecementos culinarios.
  • Oferta moi variada. A oferta de precociñados e pratos preparados é tan ampla que permite variar sen problemas o menú, e, ademais, brinda a posibilidade de probar pratos diferentes ós tradicionais ou pertencentes á cociña internacional, que, doutro xeito, non serían degustados.

Alternativas saudables

  • As verduras e os legumes conservados en auga e sal constitúen unha opción atinada se non se dispón de alimentos frescos. Simplemente pasados pola tixola con allo e cebola están a punto. Levan sal como conservante, polo que se non se desperdicia o zume do envase pode que non cumpra engadirlles máis sal.
  • Moitos produtos son pratos completos. As conservas de legumes elaboradas “ó xeito tradicional” inclúen a miúdo chourizo, touciño, costela, morcilla. Hai paellas con variados ingredientes de orixe animal (de polo, de marisco…). O equilibrio está en tomar estes produtos esporadicamente, e como se fose o segundo prato, acompañados dunha boa ensalada ou dun bo prato de verdura.
  • Convén darlles preferencia ós produtos ultraconxelados ó natural (verduras, peixes, legumes…), aínda que requiran uns minutos máis de elaboración, no canto dos pratos xa preparados con diversos ingredientes
  • Pódese equilibrar o menú con pratos máis lixeiros como ensaladas, verduras e froita fresca, se se toman precociñados que requiran fritura (croquetas, empanadillas, variñas de peixe…) ou pratos xa elaborados e consistentes (canelóns, lasaña, pizza, etc.).
  • Unha boa idea é cociñar un prato para varios días e conxelar por racións segundo o número de comensais, para non ter a necesidade de recorrer continuamente ó consumo de precociñados e pratos preparados.