Os expertos nutricionistas de Eroski Consumer responden

1 Outubro de 2012
Img alimentacion 4 listado

Os expertos nutricionistas de Eroski Consumer responden

Nestes momentos recibo un tratamento de quimioterapia e gustaríame saber qué alimentos debería consumir e se é aconsellable evitar algúns

O obxectivo neste caso é manter coa alimentación a achega de enerxía e proteínas para a reconstitución do organismo e o reforzo do sistema inmune. As preparacións brandas e hidratadas e, sobre todo, a temperatura ambiente ou máis ben frías, adoitan tolerarse ben. Os sabores fortes causan, en xeral, rexeitamento polo que convén evitar alimentos e produtos azucrados, ácidos, salgados, irritantes ou picantes. Dentro deste gran grupo inclúense: café, alcohol e todo tipo de produtos azucrados (bolos, galletas, chocolate, lambetadas, xeados…), as froitas cítricas, as tropicais e os zumes, o tomate, os curtidos, os condimentos tipo pementa, allo, pemento, así como embutidos, queixos, salgaduras, afumados e pizzas.

O centro da súa alimentación céntrase en todo tipo de pratos elaborados con cereais integrais (arroz, pasta…), verduras de raíz e de folla, legumes, peixe branco e froitos do mar (gambas, mexillóns, ameixas…) e carnes brancas como a do polo de curral con pouca graxa porque facilitan as dixestións. Dentro das froitas, pode escoller as máis neutras como mazás e peras, asadas, en compota, cocidas ou moi maduras. Como complemento á dieta están os froitos secos, tamén fonte de proteínas e de graxas saudables.

Son hipoglucemica e o meu problema é que me gusta correr pero cando remato recupérome fatal, aínda que tomase glicosa durante o exercicio. Que podo facer?

Para dar unha resposta o máis acertada sería preciso coñecer con detalle que come antes de correr, así como verificar se toma algo despois de facer deporte. Non obstante, se corre pola mañá, o almorzo é importante, e debería estar composto por unha combinación de hidratos de carbono complexos e simples, con máis abundancia dos primeiros.

Un exemplo de almorzo podería ser: un té negro (se pode ser media hora antes do resto do almorzo), arroz con leite (se está moi espeso pódese diluír cun pouco de auga) aromatizado con canela, torradas integrais untadas con marmelada e unha froita fresca de tempada. O volume do almorzo, así como as cantidades, dependerán dos seus requirimentos individuais, do nivel de esforzo físico e da súa duración, entre outras cuestións. O refrixerio posterior ao exercicio debería incluír bebida isotónica, acompañado dunha froita fresca e dun sándwich vexetal con queixo fresco; tortas de arroz con queixo fresco, un pouco de marmelo ou froitas desecadas e froitos secos… É importante combinar hidratos de carbono e proteínas neste momento para asegurar unha mellor recuperación física e muscular.

ABC da nutrición: alfa-tocoferol (vitamina E)

A vitamina E é a descrición xenérica de dúas familias de compostos (isómeros): catro tocoferois e catro tocotrienois. O termo isómero significa que son compostos coa mesma fórmula molecular (número e tipo de átomos), pero diferente fórmula estrutural e, polo tanto, diferentes propiedades. O alfa-tocoferol, a denominación que se asignou á vitamina E, é o isómero máis común na natureza, o de maior acción vitamínica e o que demostrou un potente efecto antioxidante e protector en tecidos como o nervioso, o muscular e nas lipoproteínas (prevención cardiovascular). O aceite de soia, de oliva virxe extra e xirasol, e froitos secos como pipas, abelás e améndoas conteñen cantidades interesantes de vitamina E. A deficiencia de tal vitamina pode provocar dexeneración muscular, anemias e trastornos neurolóxicos ou da reprodución. O alfa-tocoferol sintético non ten o mesmo potencial biolóxico como o natural, polo que non todos os complementos que se toman de vitamina E producen o efecto esperado se non son naturais.

Unha análise de sangue podería predicir o efecto “ioió” das dietas de adelgazamento

Científicos do Centro de Investigación Biomédica de la Obesidad y la Nutrición (CIBERobn) descubriron por medio dunha simple análise de sangue a fórmula para predicir o efecto “ioió”, é dicir, a dificultade para manter o peso corporal perdido tras seguir unha dieta de adelgazamento.

O grupo de investigación descubriu o elevado poder diagnóstico do ratio entre a leptina (hormona que inhibe o apetito) e a grelina (hormona que esperta a sensación de apetito) na predición da recuperación do peso unha dieta de adelgazamento.

En total, 88 pacientes con sobrepeso e obesidade (49 homes e 39 mulleres) inscribíronse nun programa de dieta hipocalórica durante oito semanas. Seis meses despois (32 semanas) de rematar o tratamento de adelgazamento, os pacientes foron clasificados como recuperadores de peso (40) e non recuperadores (48), segundo os cambios no peso corporal da semana 8 á 32. A leptina e a grelina avaliáronse en xaxún ao inicio do tratamento dietético e calculouse o ratio e o seu valor diagnóstico. O resultado é que os participantes do grupo de recuperadores mostraron ratios dúas veces máis altos no momento basal que os non recuperadores.

Peixe sen risco de Anisakis

A anisakiose é unha das afeccións crónicas máis problemáticas asociadas ao consumo de peixe. O parasito Anisakis é o responsable da infección ou da alerxia que causa síntomas moi dispersos; desde problemas dixestivos de distinta natureza (inflamación, úlcera, dor, náuseas, vómitos e diarreas) ata síntomas propios dunha alerxia como a urticaria.

Os peixes redondos como a pescada, a carioca, o bacallau, o abadexo, a cabala, o bonito, o xurelo ou máis pequenos como as sardiñas e os bocartes son os máis comúns en conter o parasito. Unha persoa pode infectarse se come os peixes contaminados con larvas vivas de Anisakis cando se inxire peixe cru, afumado, salgado, adobado, en vinagre, ou pouco cociñado como á prancha ou nunha fritura demasiado rápida.

O conxelado a -18 ºC durante polo menos vinte e catro horas e o cociñado seguro son as dúas únicas formas domésticas de erradicar o Anisakis e inactivar as larvas. É importante limpar e eviscerar o antes posible o peixe. As larvas do peixe infectado morren coa cocción a unha temperatura de 60 ºC polo menos durante dez minutos, polo que a cocción tradicional dos peixes (ao forno, guisados ou á prancha…) é segura sempre que estean ben cociñados.

Améndoas, fonte de calcio

O calcio é un mineral elemental para a formación de ósos e dentes aos que dá dureza e consistencia, aínda que tamén participa en funcións tan importantes como a transmisión do impulso nervioso, a conexión nerviosa ou a coagulación do sangue. Se ben o alimento de referencia como fonte de calcio é o leite, hai outros como os froitos secos cun maior contido deste mineral. E, dentro deste grupo, as améndoas destacan sobre o resto, cun contido en calcio de 250 mg por 100 g; substancial se se compara co leite de vaca (120-125 mg/100 g). Malia que a absorción do calcio vexetal pode non ser tan eficiente, adoitar comer máis vexetais e menos proteína animal favorece o aproveitamento do calcio alimentario e da súa absorción no organismo.

O outono é o momento de recollida das améndoas e demais froitos secos, polo que se pode aproveitar a ocasión para idear fórmulas e introducilas nos menús diarios:

  • Salsa de améndoas elaborada de forma sinxela e simple cun refogado de cebola, allo e unhas améndoas tostadas e machucadas. Pódese aderezar con esta salsa desde pratos de carne como unhas albóndegas ata pescados, como un guiso de bacallau ou pescada.
  • Engadir améndoas laminadas, picadas ou en po a ensaladas, verduras, cremas, biscoitos, müesli ou ao arroz con leite de almorzos e merendas.
  • Xunto con abelás e pistachos, as améndoas son os froitos secos máis ricos en calcio, polo que un puñado desta mestura é un bo complemento mineral á dieta.