Os expertos nutricionistas de Eroski Consumer responden

1 Setembro de 2012
Img alimentacion 4 listado

Os expertos nutricionistas de Eroski Consumer responden

Gustaríame saber que vinagre é máis saudable: o de viño ou o de mazá. Polo seu sabor prefiro o segundo, pero non sei se fago ben en elixilo en case todas as comidas que fago.

O vinagre de mazá, pola natureza da súa fermentación, é máis suave para o aparato dixestivo que o vinagre branco ou o de viño, polo que a opción é acertada.

O vinagre branco, polo propio proceso de elaboración, é o que contén máis cantidade de ácido acético. Isto explica o seu sabor máis forte e pronunciado. Por esta condición tamén é o menos indicado, en particular se se usa con frecuencia, se se é xeneroso co vinagre á hora de aliñar ou se teñen problemas dixestivos. Respecto ao contido en acético seguiríao o vinagre de viño, de cor negra, e o vinagre de mazá, algo máis lixeiro en composición. Unha opción interesante é probar outros vinagres máis suaves como o de arroz.

Hai alimentos que serven para fortalecer a flora intestinal e evitar o ataque dos fungos Cándida despois de tomar antibióticos?

Hai alimentos que reforzan a flora intestinal e as defensas do organismo e serven como axuda para frear a infección, pero tamén os hai que serven de substrato para estes fungos, polo que é fundamental revisar a dieta.

O azucre é o alimento principal dos fungos do xénero Cándida, de aí que un dos síntomas específicos cando se desenvolve esta infección sexa a necesidade e o desexo de comer doce ou alimentos ricos en azucres. Se a candidose é moi persistente e molesta, pode ser preciso, segundo valoración médica ou dietética, reducir ou eliminar de forma puntual o consumo de froitas, ao ser estas fonte natural de azucres.

Se se toman antibióticos, un bo remedio é tomar de forma simultánea un complemento de probióticos (lactobacilo, bifidobacterias). Hai nutrientes para as defensas (vitaminas A, C e E). O xerme de trigo, o aceite de oliva virxe extra e un puñado de froitos secos proporcionan unha boa dose de vitamina E. As hortalizas e froitas de cor laranxa-amarelo-avermellada (cenoria, cabaza, mandarinas, melón cantalupo, mango, tomate) son fonte de vitamina C e E.

A falta de encimas dixestivas leva consigo unha incorrecta e insuficiente dixestión dos alimentos. Esta mala dixestión pode ser a causa do desequilibrio da flora intestinal e do aumento das cándidas. Estes fungos, entre outros microorganismos, fermentan os nutrientes mal dixeridos, o que dá lugar a fenómenos de putrefacción que se acompañan con síntomas dixestivos como inchazo, gases, malestar e cansazo. Xerminados, como os brotes de soia, de alfalfa… ou os alimentos fermentados como o miso ou o chucrut, ademais das verduras crúas, achegan encimas con efectos similares ás do aparato dixestivo.

ABC da nutrición: índice glicémico

O índice glicémico (IG) é unha medida que se utiliza para clasificar os alimentos que se consumen con respecto a como afectan os niveis de azucre (glicemia ou nivel de glicosa) no sangue. O IG aplícase aos alimentos ricos en hidratos de carbono, xa que a proteína e a graxa non alteran directamente a glicemia. Aínda que hai listas universais relativas ao “índice glicémico dos alimentos”, existen factores que modifican a velocidade de absorción dos carbohidratos complexos ou simples, o que fai dubidar da súa utilidade clínica: a resposta individual, o consumo do alimento en forma illada (mazá) ou nunha dieta mixta (mazá e presa de froitos secos), modo de elaboración, textura e torado do alimento, natureza do alimento (fresco, procesado), contido en fibra e glute…

A etiquetaxe de alimentos deberá distinguir entre a caducidade e o consumo preferente

O Parlamento europeo aprobou un novo regulamento de información ao consumidor sobre a etiquetaxe de alimentos. A razón é proporcionar unha información máis clara aos consumidores sobre o valor nutricional, as datas aptas para o consumo ou os ingredientes alérxenos dos alimentos, entre outros aspectos relevantes.

A etiquetaxe deberá incluír de forma obrigatoria a información nutricional máis relevante para que o cidadán poida elixir os alimentos cun maior coñecemento, de acordo as calorías e a cantidade de graxas, graxas saturadas, carbohidratos, azucres, proteínas e sal dos produtos. A etiquetaxe ha de marcar as diferenzas entre data de caducidade e de consumo preferente coa intención de evitar riscos para a seguridade física do consumidor, de acordo a tendencia da poboación de apurar ao máximo as advertencias para o consumo indicadas nos produtos. Esta nova norma obriga a algúns produtos, ata agora exentos de indicar a data de caducidade, a marcala no envase, xa que poderían ser prexudiciais para a saúde.

Tempo de uvas antioxidantes

A uva é un alimento do que se obtén un gran rendemento pola funcionalidade nutricional dos seus diversos compoñentes: as sementes, a propia carne e mesmo a pel. As distintas variedades reúnen moitos puntos comúns no seu valor nutritivo, en contido en fibra, vitaminas, minerais e oligoelementos, mentres que as uvas negras acumulan maior cantidade de compostos fitoquímicos antioxidantes (carotenoides, flavonoides, antocianos, taninos) respecto das variedades de uvas verdes tipo moscatel.

Publicáronse investigacións recentes que tratan de avaliar o efecto do extracto de semente de uva sobre os cambios na presión arterial, a frecuencia cardíaca ou os niveis de lípidos (colesterol total, LDL-colesterol, HDL-colesterol, triglicéridos). A metaanálise máis recente e completa, publicado en 2011 no Journal of American Dietetic Association, revela que o extracto de semente de uva parece reducir de forma significativa a presión arterial sistólica e a frecuencia cardíaca, pero non se observan efectos relevantes sobre os lípidos. Os estudos que analizaron en humanos o efecto dos antioxidantes extraídos da pel da uva reportan un aumento da actividade dunha das máis potentes encimas antioxidantes endóxenas como é a glutatión reductasa.

Á vista destes bos resultados, o consello é comer e mastigar ben todo o gran de uva, con pebidas e pel incluídas.

Algunhas propostas para degustar esta froita de tempada son:

  • Zume natural de mazá e uva
  • Mosto natural de uva negra e moscatel
  • Ensalada de leitugas con uvas e queixo
  • Peixe ao forno con salsa de uvas
  • Solombo con puré de mazá e uvas
  • Biscoito con uvas e améndoas
  • Compota de mazá ou pera con uva moscatel

Cociñar a pasta “ao dente”

O modo no que se cociñe a pasta inflúe en que esta sexa fonte de enerxía lenta ou todo o contrario, que se converta nun alimento rico en azucres de doada e rápida asimilación que explica que ao pouco tempo do seu consumo se volva ter fame. Co fin de que a pasta sexa unha fonte excelente de hidratos de carbono complexos de absorción lenta ha de quedar cocida “ao dente”, é dicir, cocida por fóra e semicrúa no seu interior.

O modo apropiado de cocer a pasta é quentar un litro de auga cun chorriño de aceite por cada 100 g de pasta. En canto rompe a ferver a auga, engádese unha presa de sal e a pasta. Despois remóvese de cando en vez para lograr que quede solta. Considérase que a pasta está “ao dente” cando está cocida por fóra pero no interior unha pequena parte queda semicrúa, o que fai que ao mastigar resulte lixeiramente dura. Para saber se alcanzou este punto, pódese sacar da cazola un macarrón ou un espaguete, partilo pola metade e comprobar se o interior queda un pequeno fío de pasta crúa (de cor diferente). Nese momento retírase do lume e escórrese.